Deixo por aquí algúns recursos de entroido por se a alguén lle son de utilidade, hai de diversa tipoloxía e nivel quedan os arquivos cos que só hai que facer clic e descargar cada un (agás o video-ritmograma que queda dispoñible no Youtube), deixarei tamén un arquivo final no que se compilan todos os imprimibles por se queredes descargalo todo xunto.
E tamén fixen un xogo de cartas coma o clásico das familias pero relacionado co entroido onde teremos que conseguir reunir ás familias Troula, Larpeira, Paparota, Xuntanza, Leria, Máscara ou á familia Rachada.
Outros plastificables:
Reúno aquí unha serie de recursos para máis cativos/as como son o xogo de sombras (con ou sen palabras), outro de vocabulario de entroido, outro de conteo, un A, B, C... de entroido e finalmente ou recursos de "Robótica sen robot" onde a través dun taboleiro e unhas tiras descubren os camiños polos que nos leva o entroido e poden crear os seus.
Ollo! Os arquivos plastificables levan parte traseira para imprimir a dobre cara, se queres aforrar esa impresión lembra imprimir só as páxinas impares!
Enterro da sardiña: mini libro (versión en letra ligada e imprenta) e tamén un documento sobre o testamento do Entroido.
"Vellada": Este ano, na escola na que estou, a través do PDI preparamos a nosa propia vellada de entroido e aquí queda algún material coma o mini libro (tamén en versión maiúsculas, ligada e imprenta) e outros dous documentos.
Recursos para os mandadiños(mini libro, arquivo mediano (nós normalmente facemos que o mandadiño estea escrito e con espazos para completar neste caso; ficha...)
Ademáis deixo aquí un video ritmograma:"As chocas do entroido". Como non desfrutar acompañando con percusións o bater das chocas do entroido? Queda subido ao Youtube para quen goste!
Velai vai, o prometido é debeda se fas clic podes descargar o DOCUMENTO COMPLETO por se alguén prefire telo todo xunto.
Que datas máis divertidas, desde a receita das filloas ata ata a vellada, desde os rituais do triángulo máxico do entroido ata os mandadiños...
O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...
Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.
Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:
"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración, estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.
Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).
Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso"choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...
Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!
Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.
Veño contarvos un experiencia que preparei e aplicamos o trimestre pasado xa que foi un éxito rotundo.
A pesar da limitación horaria da área de educación musical nas escolas nesa horiña semanal facemos moitas cousas con moito valor traballando artes, ritmos, práctica musical en xeral e, moi importante, a colaboración, empatía, sentimento de grupo, valores sociais fundamentais, creatividade, etc. así que, como culmen ao trimestre pasado púxenme a facer unha escape room adaptada á miña aula e contexto.
Si, unha escape room, estos xogos que se volveron tan populares entre adultos e pequenos nos que unha narrativa suxerente leva a un grupo a superar distintos retos por lograr un fin último (ben sexa saír dunha habitación, atopar unha vacina, descubrir un misterio...)
A experiencia foi incríble, funcionou de fábula no grupo acadando todos os obxectivos propostos, claro, unha nova edición incluirá sempre melloras pero o conxunto do exercicio foi moi enriquecedor e unha forma moi divertida de "resumir" reto a reto e en equipo moitas das cousas que fixemos no trimestre.
Así que aquí veño contarvos o proceso e mostrarvos o que eu fixen por si alguén o quere empregar ou lle serve como apoio. Resumín o proceso en 10 pasos esenciais para crear a escape room educativa, velaí vai!
1. Os obxectivos: Claro, toda acción educativa persegue desenvolver unhas competencias e acadar uns obxectivos e esta tamén, así que establecín os meus. (Traballar en equipos con respeto, responsabilidade e participación activa, mostrar coñecementos sobre notación musical, mostrar discriminación auditiva en relación a distintos compoñentes, etc.) (Por certo, incluín unha parte de avaliación (está na web) que vin co alumnado previamente, importante)
2. A historia:
Debemos crear unha trama que poida ser estable e relacionada co que se queira desenvolver pensando tamén no entorno no que terá lugar, etc. pode ser atopar unha vacina, desactivar un artefacto, atopar un culpable...).
No meu caso presentei a unha afamada compositora desaparecida antes da publicación da súa "obra mestra", esta compositora pide atopar e salvargardar a súa obra antes de que unha corporación se apropie dela negando a súa autoría e modificándoa dacordo con patróns do mercado musical. Para atopar a obra ela deixa distintos retos que só os seus "mellores aprendices" poderán superar pero deben ser máis rápidos que a ameazante corporación.
Ademáis para introducir a historia proxectei un vídeo que fixen, coma motivante da actividade.
3. O logro final:
Decide o logro final que culminaría a historia, neste caso o "rescate" da obra que está en perigo. Coma suxerencia, o que eu plantexei é que este logro se acada a través da suma da superación de retos de todos os equipos, é dicir todos os equipos rematan por contribuír ao logro final.
4. Patrón:
As escape rooms poden ter patróns diversos, no patrón lineal unha serie ordenada de retos levan directamente ao logro final, no aberto os puzzles ou retos poden ser asumidos en calquera orden pero o puzzle final será un "metapuzzle" e o multilinear é unha combinación, é dicir, varios patrones lineales con retos que se poden asumir á vez poden requerir doutros para continuar.
A forma máis sinxela que eu atopei foi unha especie de combinación, cada equipo sigue un patrón ordenado de retos, un reto da a clave para chegar a outro de forma secuencial (os equípos pódense cruzar nalgún punto, nunha caixa con candado...) e o reto final acométese con pistas de todos os equipos.
5. Retos tipo.
Chega o punto de pesar os retos que queremos incluír, eu penseinos coma actividades ligadas á historia cuxa resolución dan unha clave, pista, chave... tendo en conta o tempo no que se desenvolverá a escape room, no meu caso era unha única sesión na que cada equipo acometería 5 retos distintos.
Establecín cinco tipos de retos cuxo contido e pista que daban como solución eran distintos para cada equipo pero todos os equipos tiñan retos dos cinco tipos (de notación musical, de investigación ou coñecementos traballados, de escoita...)
Algúns resolvíanse en papel, outros levaban a unhas páxinas webs preparadas que solicitaban unha clave (resolución do reto) para acceder, etc.
6. Distribución:
Neste momento puxen cada reto no esquema do patrón de xeito que soupera a onde debe levar cada resolución, que tipo de pista debe dar cada un, etc.
Tendo os cinco tipos de reto (por exemplo, tipo 1: escoita, preparei un reto de escoita para cada equipo) púxenos nunha orde distinta en cada liña do patrón (cada liña do patrón corresponde a un equipo) tendo en conta que non coincidiran varios equipos nunha proba que precisase ordenador, etc.
7. Listado:
Chegado este punto a esencia da escape room estaba conseguida, sabía a historia, como desenvolvela, os retos e as solucións que debían dar cada un así que chegou o momento de listar os recursos que precisaba tanto materiais (merquei candados, caixas...) coma outros (ordenador de aula, altavoces, outro dispositivo...) e tamén os lugares no espazo que ía empregar para que os equipos non se interrumpiran, puxen no patrón onde se desenvolve cada acción.
8. Produción:
Con todo controlado fixen as follas dos retos (actividades) que precisaba, a web dos retos auditivos, as webs que precisan clave para dar unha nova pista e tamén 3 tarxetas de "pista" para cada equipo, estas tarxetas tíñaas cada equipo para empregar se se atascaban, precisaban axuda, etc. Tamén se fallaban nalgunha proba das da web esta poñía unha mensaxe que pedía que entregaran unha tarxea "pista" á mestra para poder ser redirixidos de novo á proba.
Aquí e facendo clic na imaxe, podedes acceder á web, para botar unha ollada e tamén ao documento con algúns dos retos.
Non foi in-situ mais comprobei cada liña do patrón de cada equipo vendo que cada resolución levaba á pista correcta e á localización na aula que eu precisaba, que non levaba a equívoco etc.
Esta proba serviu para identificar as normas básicas que debía indicar aos equipos antes de comezar tales como:
As pistas, probas, retos, etc. en papel están marcadas coa cor/nome de cada equipo, se no transcurso atopamos unha dun equipo que non é o noso, ben sexa escondida na aula, nunha caixa con candado, etc. non debemos collela, deixarémola onde está e se estaba nunha caixa pechada colleremos o noso e cerraremos de novo.
Aínda que no transcurso atopemos nun lugar oculto un dos nosos retos este só poderá acometerse se a pista anterior é a que nos leva a el.
No caso de chegar a unha proba que precise ordenador/ dispositivo se este está sendo empregado por outro equipo agardaremos, as probas están plantexadas para que esto non suceda na medida do posible así que, probablemente lles falte moi pouco para rematar.
10. Disfruta!
Con todo listo só falta chegar algo antes á aula para distribuir en todos os escondites as probas e pistas, situar as caixas e candados, etc. e presentar a actividade ao alumnado.
A ver, sei que así escrito parece moitísimo pero unha vez que están definidos os puntos iniciais todo vai rodado, prometido. O resultado foi xenial e xa estou con outra bastante diferente entre máns, ademáis pódense preparar de moitas formas, involucrando a máis grupos, facendo que a resolución implique que os equipos intercambien pistas, empregando máis espacios ademáis das aulas, etc. e con diversos obxectivos: coñecer vida e obras dun/ha autor/a, centrarse na resolución de retos matemáticos, desgranando partes da Historia, facendo que as probas leven a construir unha historia ou poema, etc. Sei que a entrada foi longa, pero agardo non ter deixado nada no tinteiro e que vos sirva de axuda ou vos resulte interesante. Saúdos desde a fiestra e feliz entroido!
Apetécevos un material de traballo por tarefas e actividades para as cienciasnaturais?
Aquí vos prensento o material que fixen para traballar o corpo humano e os sentidos no grupo de 1º de primaria. Constitúeno tarefas e actividades que prentenden ser significativas e consolidar aprendizaxes.
(Podes acceder á web pinchando na imaxe)
Empezamos cun traballo introductorio empregando unha canción e a ficha asociada para pasar despois a un xogo moi exitoso sobre o recoñecemento de partes do corpo.
Tamén traballamos o coidado do corpo reflexionando sobre aquelo que precisamos para o benestar completo e elaborando a nosa receita infalible.
Despois hai un pequeno traballo xeral sobre os 5 sentidos cunha actividade de pequena recollida de datos que se pode facer no patio do cole.
Tras a actividade xeral dos sentidos pasamos a cada sentido de xeito individual e nesas partes atoparedes tarefas de experimentación e manipulación, traballo con imaxes, curtas, sons, tarefas sobre a comunicación en casos de dificultades no uso dalgún sentido (braille, lingua de signos...) e tamén desenrolo creativo por exemplo no punto no que imaxinamos sabores (A que saberá a noite? os bicos? os enfados?...)
Finalmente rematamos cun pequeno reto fotográfico chamado "a nosa mellor parte".
Dito así pode parecer moita leria para traballar o corpo e os sentidos mais coido que está todo bastante ben organizadiño e preparado para ter unha secuencia didáctica axeitada e fácil de implementar xa que na web tedes todas as explicacións e ademáis todas as fichas que emprego listas para descargar, imprimir e empregar.
Nós non empregamos libro na área mais para aqueles/as que si o tedes entendo que pode ser un lugar do que extraer algunhas ideas ou materiais cos que complementar as actividades da editorial pertinente e agardo que vos interesen.
Agardo que esteades a ter un bo curso e que o material vos resulte de utilidade, interese ou inspiración.
Hoxe gosto de traervos un material sinxelo, útil e divertido para matemáticas dos primeiros niveis de primaria.
Xa había demasiado que o meu compañeiro de nivel e máis eu tiñamos a idea na cabeza e, por fin, materializouse (ás veces non é sinxelo roubar tempo ao tempo). O obxecto deste material é que, unha sesión de matemáticas á semana se invirta en xogos e actividades lúdicas matemáticas por estacións (ou por rincóns como se lle chama en infantil).
Aquí traio a prensentación de 5 sinxelos xogos que empregan material moi accesible e habitual coma dados, barallas de cartas ou dianas (desas de velcro que andan apartadas polos almacéns de Educación Física ou feitas na propia clase).
A intención é dividir a clase en cinco grupos que irán rotando polas distintas estacións durante a sesión de matemáticas. Cada actividade está pensada de xeito que o alumnado poña ao servizo do xogo destrezas e estratexias matemáticas correspondentes ao seu nivel con crecente acerto.
Estes primeiros cinco xogos traballan estratexia, operacións básicas, cálculo mental, sistematización, decenas e unidades, etc. dun xeito lúdico favorecendo a interiorización de conceptos aos que dotamos de significatividade.
Por exemplo, o primeiro xogo, chamado "Achégate a 99" ao que temos xogado en gran grupo é un éxito. Neste xogo cada equipo ou participante emprega unha plantilla como a seguinte (moitas veces facíamola a man pero tendo algunhas plastificadas para a zona vale para que poidan escribir con rotu e borrar) e realízanse 6 tiradas de dado.
En cada tirada o participante ou equipo debe escoller entre a decena e a unidade (por exemplo, se sae un 4 deben elexir se nese punto querer sumar 4 ou 40), unha vez que todos/as seleccionaron, tírase o dado de novo, e así ata as 6 veces.
Unha vez feitas 6 tiradas súmanse as decenas e unidades seleccionadas e gana aquel equipo ou participante que máis se achega a 99 e non excede a cantidade (débese comprobar a conta).
Decenas, unidades, cálculo, estratexia, incluso podería dicir que soñan con algo de probabilidade intrínseca ("Non creo que volva saír un X vou poñer o Y!"), emoción, etc. todo iso e máis nun xogo sinxelo, divertido e moi agradecido. E ao igual que con este, tamén cos demáis xogos que engado, desde a archicoñecida e tradicional "Escoba" ao 20-20 ou o "Eu prometo" propostas lúdicas e sinxelas para o desenvolvemento de habilidades matemáticas Aquí podedes descargar as ideas nos cartaces que empregamos en cada "estación" que conteñen as reglas básicas do xogo por se algo nos esquece.
A intención é que as "estacións" varíen, cambiemos os xogos cada certo tempo explorando distintas posibilidades e recursos, así que pronto teredes máis novas e material por este blogue. Agardo que vos sexa de interese ou utilidade. Saúdos desde a fiestra.
Tras resistirme ao furor inicial do libro non puiden evitar mercalo en canto vin a edición en galego, así que o Emocionario de Palabras Aladas chegou ás miñas mans.
Este libro conta con 42 emocións enlazadas, explicadas e ilustradas dun xeito moi coidado e sen nunca xulgalas ou clasificalas como "boas" ou "malas".
En canto o tiven comecei a cavilar xeitos de traballar este libro xa que non é moi dado a ser un simple recurso de lectura autónoma e atopei que, na propia web da editorial teñen guías de traballo para distintas idades e fichas gratuitas (en castelán) así que xa tiña moitas ideas polas que comezar.
De xeito que este traballo non é completamente meu, eu visitei ese material, collín o que pensaba que viña mellor ao meu grupo, transformei algunhas actividades escritas en orais, modifiquei, adaptei e elaborei as fichas das emocións en galego adaptadas ao meu grupo de 1º e 2º.
Aquí tedes as das 10 primeiras emocións por si vos son de utilidade para empregar ou como inspiración. Eu intento traballar, polo menos, dúas emocións distintas á semana co grupo e os resultados son moi satisfactorios, descubrimos un montón de cousas!
Agora que vai rematando o trimestre faremos recopilación das que levamos vistas e prepararemos un emocionario fotográfico - musical (solicitando unha axudiña ás familias, aínda que rapaces de niveis máis altos poderán facelo autónomamente).
A verdade é que o libro sorprendeume para ben, é moi recomendable desde infantil ata os cursos do final da primaria e incluso na secundaria só con mudar a forma de traballalo. Ademáis hai moitas e moi interesantes cousas que podemos traballar de multitude de formas arredor das emocións; como cando fixemos iSinto as nosas Apps con sentimentos, podedes ver este proxectiño nesta entrada.
E vos? Tamén botáchedes un ollo ao archicoñecido Emocionario? E que tal? Saúdos desde a fiestra!
Achégase o inicio do curso e ese día no que tanto nós coma os alumnos e alumnas mostramos as nosas primeiras cartas, acollemos, creamos expectativas e chegamos e chegan cheos de ilusións e medos.
Sona o timbre e unha ringleira de nenos e nenas expectantes avanza polo corredor ata a aula onde agardamos impacientes e, en moitos casos, non os coñecemos de nada, é a primeira vez que vemos as súas caras e imos estar con eles todo o día (se somos os titores/as; veremos cada hora a un grupo expectante distinto se somos especialistas), entón, que facemos? Os anos, a experiencia e os compañeiros van conformando a nosa batería de ideas coas que dar o pistoletazo de saída ao curso escolar, todos queremos comezar e que cando soe a campá os rapaces e rapazas teñan ganas de voltar ao día seguinte.
Así que pensei en facer unha pequena recopilación de ideas para o primeiro ou primeiros días de escola cunha serie de materiais por se poden ser de ultilidade.
Gústame recibir ao alumnado con saúdos xa desde a porta e, se pode ser, que unha canción nos acompañe ao fondo. Por suposto, comezo por presentarme e pedir que se presenten para ir abrindo a excel mental de nomes e datos do alumnado (podemos pasarlles unha pelotiña e quen a reciba que diga o seu nome e algo que lle encanta, ou un adxectivo ou facer calquer clásico xogo ou rutina de presentación de campamento para comezar, dependendo do curso no que nos atopemos).
Un clásico son as enquisas de inicio de curso sobre preferencias, gustos de todo tipo, expectativas, amizades... que proporcionan moi valiosa información para comezar a traballar. O certo é que temos moitas formas de facelas pode ser nunha ficha para completar con texto ou debuxos, unha enquisa dixital nos ordenadores, nun mural de postits que completar por turnos, empregando cartaces e gomets e por suposto tamén oral.
Recordades o clásico xogo de cruzar a liña? Cunha liña debuxada ou pegada no chan facemos preguntas de si/non ou de dúas opcións pedindo que a crucen para responder, tamén podemos facelo por recunchos e dar máis opcións e por suposto permitir que engadan aclaracións ou suxerencias de preguntas.
Outra idea é o xogo das cores: Empregando caramelos de cores (lacasitos, ou fichas dun xogo, boliñas de papel ou mesmo un dado empregando números en vez de cores) atribuímos a cada cor ou número unha premisa e pedimos que resposten segundo o que lles toque ao azar, por exemplo:
Despois temos os elementos típicos coma pedir que elaboren un cartaz co seu nome,repartir ou elaborar horarios e listas de materiais ou completar o primeiro poster decorativo da aula así coma, moi importante, elaborar as nosas normas como grupo. Está ben que fagamos parellas ou equipos pequenos e poñamos un tempo límite para pensar as súas normas e tras poñelas en común elaborar as que teremos en conta coma comunidade e plasmalas en cartaces (podemos incluír ferramentas dixitais se dispoñemos de ordenadores ou se a aula de informática está dispoñible para facer esto).
Coma primeiro poster de aula temos moitas opcións: completar un prediseñado, elaborar a nosa bandeira poñéndonos de acordo nos elementos que incluiríamos ou crear un puzzle, por exemplo, podemos dar a cada un cadrado cun arco (un cuarto de circunferencia debuxado) e pedimos que decoren dun xeito moi diferenciado o interior e o exterior da liña, despois xuntamos o traballo de todos formando círculos nun, sempre vistoso, mural común.
Dependendo da idade poderemos incluír algún conto de éxito e actividades co mesmo, se imos ter unha mascota pode ser un bo momento para presentala cunha fascinante historia e, claro, tamén algunha actividade rítmica ou con cancións, incluso algunha curtametraxe ou vídeo sobre o que traballar, clásicos que enganchan e non defraudan.
Aquí ven outra actividade que me encanta: "A torre máis alta". É tan sinxela como dividir á clase en equipos, darlles o material que consideremos e poñer unha conta atrás dos minutos que creamos convintes para deseñar e elaborar unha torre. Os equipos deberán traballar xuntos para lograr a súa meta (unha oportunidade perfecta para as nosas primeiras observacións sobre o traballo en equipo do grupo) aquí deixo un exemplo mais deberemos adaptalo aos distintos niveis por exemplo engandindo un anaco de plastilina a cada equipo e quitando o fío, ou complicalo solicitando que a estructura deberá soster un ovo...
Os vindeiros días chega o momento de presentar as distintas areas e navegar naquelo que agardan delas, as súas preferencias e tamén naquelo que recordan doutros anos facendo as nosas pesquisas e evaluacións diagnósticas para ter a referencia, o punto de partida. Sempre son útiles e divertidas a nubes de palabras.
Aquí deixo unha presentación da área de Música por se queredes tamén algunha idea.
E, por suposto, as portadas para as carpetas, ficheiros ou cadernos.
Sinto que aínda me quedan ideas que incluír neste post no tinteiro mais faise moi extenso así que pensei que xa irá crecendo, agardo que vos guste, vos sexa de utilidade e sentídevos libres de empregar todo o material que para eso está: compartir é vivir! :)
Cantos estudantes pensan que escriben demasiado na escola? Cantos se sinten mínimamente escritores/as?
Un dos meu xeitos favoritos cos que mellorar a expresión escrita e o que esto conleva (ortografía, gramática, estilo narrativo, etc.) son as propostas creativas.
Iniciar ou facer unha paréntese nunha sesión de língua cunha destas propostas é un recurso fantástico que, de desenvolverse cunha periodicidade, análise e constancia axeitados devolve uns resultados incríbles.
Uns minutos dunha sesión semanal poden facer que observemos unha fascinante mellora a medio prazo na escrita empregando esta técnica que ten infinitas variantes de xeito que podemos achegala ás artes, as ciencias sociais, aos mundos fantásticos así como ás matemáticas, filosofía...
Aquí vouvos deixar as 20 primeiras propostas (pensadas e recopiladas para os niveis de 5º e 6º) ás que iremos engadindo máis ao longo do tempo, está claro que non todas as propostas funcionan e todos os grupos, algunhas simplemente fallan, quedan só na superficie... é normal. Empregar o recurso e descubrir que propostas facer e como enfocalas é unha viaxe que percorrer.
Ao comezo, o desenrolo non ten por que ser necesariamente áxil ou doado pero coa práctica...
Persoalmente eu comezo proxectando a proposta ou escribíndoa na pizarra e, no caso de ser visual, primero falamos de aquelo que podemos observar a simple vista: Que hai na imaxe?
Despois comezamos a inferir ou deducir a través da imaxe que pode estar sucedendo e lemos se é que hai algún texto na imaxe. Tras este diálogo (ben curto) doulles o tempo que teñen para escribir o seu parágrafo para rematar lendo algúns dos resultados. (Pedindo voluntarios ou sorteando no caso de que se repitan moito os voluntarios/as nas distintas sesións e tamén dependendo do numeroso que sexa o grupo).
Eu acabo lendo todos os textos na correción de libretas e tamén facemos algunhas compilacións, exposicións, lecturas intercambiadas en niveis, etc. Ademáis ao cabo do tempo o alumnado é capaz de atopar e achegar as súas propias propostas visuais ou ideas, elemento tamén incríblemente participativo e enriquecedor.
Chega a última semana antes das vacacións de inverno e as festas.
Se precisas unha idea sinxela, rápida, ecolóxica e económica para que os teus alumnos/as disfruten realizando un pequeno traballo artístico aquí tes unha proposta.
Todos coñecemos ao Apalpador, ese rubio carboeiro coa roupa chea de remendos que unha vez ao ano baixaba das montañas luguesas para tocar as barrigas dos nenos e comprobar que estaban ben alimentados e aproveitaba para desexar un bo ano e deixar unha deliciosa presa de castañas a cada neno e nena.
Temos xa un montón de recursos, contos e cancións arredor da figura do Apalpador coma os que atoparás máis abaixo e aos que podes acceder facendo clic nas imaxes.
Aquí está a nosa decoración do Apalpador e só precisaremos un tubo de cartón, un cordeliño e as cores!
Para aqueles/as aos que se lles complica o deseño do apalpador podemos crear, nun folio, unha plantilla semellante a esta á que poden dar cor, ou pegarlle trociños de revista ou papeis das cores correspondentes a modo de collage para logo poñelo no tubo.
Un par de recursos máis (fai clic para velos!):
Un par de contos (aquí tamén podes facer clic!): E un par de cancións:
Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en
galego e ademáis de ser
libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis
traducidos en todo o mundo.
É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.
O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas:
Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":
"Eu son Balbino.
Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."
desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.
Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:
"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo
como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí,
nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada
conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra
saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")
Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".
Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.
De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:
Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á biblioteca e mergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.