01/08/2022

Axenda(s) docente 2022-2023 descargables e interactivas

Boas!

Chegou agosto, mes vacacional pero por se a alguén no lle para a cabeza ou sinte gozo co de ter as cousas novas... xa chega a axenda 2022-2023 desta volta con algunha pequena novidade...

Como sabedes a axenda que emprego eu é moi sinxela, non é máis que un... programador poderíamos decir, e aquí está o deste ano por se a alguén lle é de utilidade.

Desta volta temos unha axenda imprimible en dous formatos distintos, por unha banda a axenda en vertical (eu imprimo en A4 a doble cara) e polo outro lado un formato máis compacto (a do ano pasado adapteina a ese formato para unha compañeira así que desta volta fixen unha réplica directamente), este formato máis pequeno é tamén en A4 mais en horizontal ou apaisado de xeito que cada semana está enteira nunha páxina (arquivo pensado para imprimir tamén directamente a doble cara) e a verdade é que quedou bastante feitiña.


Ademáis tiña bastante curiosidade por saber se podía facer unha cousa máis... Eu son moi de papel para isto (non así para avaliación, notas, rúbricas, etc.) pero de tanto ver traballar con editores coma GoodNotes nos iPads e así quixen saber se eu era capaz de adaptar a axenda a ese formato e facela interactiva e...aló foi!

Así, hai unha terceira versión da axenda tanto en formato GoodNotes coma Pdf interactivo para empregar noutros editores e nesta versión incluín unhas lapelas nas que, ao facer clic, imos directamente aos distintos trimestres, meses, calendarios ou horarios e tamén, ao facer clic en calquera día dun calendario mensual iremos á páxina da axenda que ten ese día... trasteando pareceume moi cómodo (hai que lembrar que para navegar temos que saír do modo edición que si empregamos para escribir nela, claro), por suposto hai mil interaccións máis que se poderían incluír pero para comezar... creo que quedou xeitosa por se hai alguén por aí a quen lle poida servir a miña curiosidade quedou saciada tamén...

Se accededes á web para descarga de arquivos veredes que tamén deixei uns arquivos cos calendarios separados (en vertical e horizontal) e tamén as follas adicionais que empreguei algún ano, listaxes, folla de aniversarios, separadores...

Desistín de empregar o Slideshare para partillar os arquivos xa que cambiou moito desde os inicios e da bastantes problemas mais, se a alguén os quere é tan sinxelo coma acceder á web desde as imaxes e ligazóns ou AQUÍ e facer clic nos arquivos que vos sexan de utilidade ou interese.

LIGAZÓN DE DESCARGAS

LIGAZÓN ALTERNATIVA GDrive

Agardo que desfrutedes moito do mes de vacacións,

Saúdos e saúde desde a fiestra!

28/04/2022

Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Ola!

Sigo por aquí, e veño cun material que levo bastante tempo preparando...

Non é sorpresa ningunha que unha das miñas conmemoracións favoritas é a das Letras Galegas... e o homenaxeado deste ano... vaia gusto de traballo, foi unha madeixa que fun desenleando moi aos poucos (falamos de meses) e desfrutando moito o camiño, atopando arquivos, citas, documentos de moi variada tipoloxía e moito interés. E con tanta información pois... ademáis de falar de Florencio Delgado (moito, xa o sinto polas persoas achegadas) pois quería traducir parte da información a distintas tarefas de descubrimento... non sabía moi ben pero eu estaba tan emocionada...


O caso é que na escola fun facendo cousas, retos, guións radiofónicos, pequenas investigacións, lecturas...

E montei unha sala de fuga baseada en documentación real sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, pensada para os últimos niveis de primaria e secundaria, (4º de primaria, 5º, 6º...) e ademáis da dixital estiven collendo e modificando algunhas das probas para xerar unha "sala de fuga" real (como as que facía pre-pandemia, digamos).

Imos primeiro coa versión web. 

É un xogo de probas no que cada pantalla ten e aspectos da vida e obra de Florencio Delgado cos que obter constrasinais para ir desevelando cada vez máis información (e evitar que o feitizo "Lobos da xente" oculte todos os datos e obras) todo ganduxado con anacos e selección de documentos reais que fun compilando.


Neste xogo empreguei documentos dunha entrevista real que lle fixeron en Guadalajara (México) e da que tamén atopei a transcrición literal, xenuínos telegramas sobre os "barcos da liberdade", o documento real da listaxe e datos dos pasaxeiros/as do Ipanema (barco no que emigrou) e mesmo os diarios que se editaron na propia viaxe, obras, revistas, poemas, homenaxes, etc.)

Así que AQUÍ queda por se a alguén lle é de utilidade ou lle serve para descubrir a este homenaxeado co que eu xa tanto levo desfrutado.


Por certo, na web do xogo queda tamén un apartado de "referencias" con todas as ligazóns e documentos empregados completos que coido que poden ser de utilidade para moitas outras cousas, actividades, investigacións ou mesmo saciar a curiosidade que poida xerar o asunto...

Sobre a sala de fuga "real", a intención é que a xoguen os grupos maiores que non participaron noutras tarefas cara o comezo do mes de maio; e para pasar esta a ese formato o que fixen é transformar un pouco as probas e os resultados que dan; uns levan a sobres con números ou caixas (por exemplo caixas con nomes dos barcos e dentro da correcta unha proba e outra caixa con fechadura á que chegarán noutro momento coa chave, outras directamente a distintos tipos de cadeado...). (Tamén organicei para que cada equipo comece nun punto dinstinto e así non coincidir nos retos á vez)
Cara o final preparei unha diferenciación na que cada un dos 4 equipos ten unha proba que lles da; por un lado unha chave para o cadeado final e por outro un reto no que sacar unha foto cunha cámara instantánea formando cos seus propios corpos unhas letras.
Entre as letras dos catro equipos deben concluír formando as palabras "Galiza infinda" coas que, se son montadas sobre unha plantilla coma como a que poño aquí debaixo, entre todos terán o código do último cadeado (cadeado de 6 letras) co que abrir a derradeira caixa e obter a recompensa.


De verdade que desfrutei moito con toda esta información e documentos e creo que os cursos aos que nomeei "especialistas en Letras Galegas" e xa xogaron tamén, así que se a alguén máis lle é de utilidade... eu feliz.

Tede unhas boas letras, envío folgos!

Saúdos e saúde desde a fiestra!


13/02/2022

Recursos para o noso entroido choqueiro

 Boas, 

O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...

Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.


O primeiro é comentar que temos, de balde, na rede
dous arquivos que serviron de moito para a documentación e traballo inicial, son "Choqueiros. Breve crónica histórica do Carnaval coruñés ata 1882" e "Choqueiros e "mascaritas", Crónica viva do Antroido coruñés. 1883-1936" ambos asinados por Xosé Alfeirán.

Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:

"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración,  estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.

Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).

Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso "choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...


Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!

Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.

Saúdos e saúde desde a fiestra!