Amosando publicacións coa etiqueta entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta entroido. Amosar todas as publicacións

12/02/2025

Algúns recursos de Entroido!

 Boas, 

Deixo por aquí algúns recursos de entroido por se a alguén lle son de utilidade, hai de diversa tipoloxía e nivel quedan os arquivos cos que só hai que facer clic e descargar cada un (agás o video-ritmograma que queda dispoñible no Youtube), deixarei tamén un arquivo final no que se compilan todos os imprimibles por se queredes descargalo todo xunto.

Xogos plastificables:

Por unha banda está o dominó de entroido (ilustración-palabra)

E tamén fixen un xogo de cartas coma o clásico das familias pero relacionado co entroido onde teremos que conseguir reunir ás familias Troula, Larpeira, Paparota, Xuntanza, Leria, Máscara ou á familia Rachada.

Outros plastificables: 

Reúno aquí unha serie de recursos para máis cativos/as como son o xogo de sombras (con ou sen palabras), outro de vocabulario de entroido, outro de conteo,  un A, B, C... de entroido e finalmente ou recursos de "Robótica sen robot" onde a través dun taboleiro e unhas tiras descubren os camiños polos que nos leva o entroido e poden crear os seus.

Ollo! Os arquivos plastificables levan parte traseira para imprimir a dobre cara, se queres aforrar esa impresión lembra imprimir só as páxinas impares!

Enterro da sardiña: mini libro (versión en letra ligada e imprenta) e tamén un documento sobre o testamento do Entroido.

"Vellada": Este ano, na escola na que estou, a través do PDI preparamos a nosa propia vellada de entroido e aquí queda algún material coma o mini libro (tamén en versión maiúsculas, ligada e imprenta) e outros dous documentos.

Recursos para os mandadiños (mini libro, arquivo mediano (nós normalmente facemos que o mandadiño estea escrito e con espazos para completar neste caso; ficha...)

Ademáis deixo aquí un video ritmograma: "As chocas do entroido". Como non desfrutar acompañando con percusións o bater das chocas do entroido? Queda subido ao Youtube para quen goste!

Velai vai, o prometido é debeda  se fas clic podes descargar o DOCUMENTO COMPLETO por se alguén prefire telo todo xunto.

Que datas máis divertidas, desde a receita das filloas ata ata a vellada, desde os rituais do triángulo máxico do entroido ata os mandadiños...

Se algo é de utilidade aquí queda, con agarimo.

Saúdos desde a fiestra e bo entroido!

13/02/2022

Recursos para o noso entroido choqueiro

 Boas, 

O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...

Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.


O primeiro é comentar que temos, de balde, na rede
dous arquivos que serviron de moito para a documentación e traballo inicial, son "Choqueiros. Breve crónica histórica do Carnaval coruñés ata 1882" e "Choqueiros e "mascaritas", Crónica viva do Antroido coruñés. 1883-1936" ambos asinados por Xosé Alfeirán.

Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:

"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración,  estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.

Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).

Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso "choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...


Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!

Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.

Saúdos e saúde desde a fiestra!

11/02/2021

Un pouquiño do entroido

 Boas, veño rápidamente partillar un mini-recurso que estivemos empregando estas semanas no cole.


Temos unha pequena misión na que axudar ao esquío Uxío respostando sinxelas preguntas sobre o noso entroido, tres preguntas de escolla, outras tres con imaxes e outras tres de verdadeiro e falso (con candasúa pista, axuda ou solución para non quedar atrapadas!). En cada misión recibimos un número que nos leva cara un "botín" de landras e algunhas propostas máis como:

Crear a nosa comadre/compadre con papel de periódico

Ver o videoclip, cantar e desfrutar coa nova canción de "Os amigos dos músicos" para o entroido "Non pare a festa"

Historias tolas ou non tan tolas cunha ruleta de palabras ao chou sobre o entroido, proposta para crear entre todos/as o noso "testamento" do entroido...


Aquí podedes acceder ao recurso completo por se vos é de utilidade!

Deséxovos un bo entroido! saúdos e saúde desde a fiestra