Amosando publicacións coa etiqueta ciencias sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencias sociais. Amosar todas as publicacións

19/01/2017

Proxecto: Nos pés dos refuxiados a partir de 1º de primaria.

Vai un tempo publicaba esta entrada cun pequeno proxecto para 5º e 6º sobre o tema dos refuxiados que me deu moi bos resultados e foi unha moi grata experiencia de traballo.

Aínda así, andiven na procura desesperada doutras experiencias, ideas, recursos, etc. sobretodo para niveis máis baixos (A partir de 5º e 6º a verdade é que hai máis material que se adapta a eles, traballo con películas, organizacións, etc.). Grazas á rede e a algúns contribuíntes logrei descubrir algo máis de material accesible e algunha idea para así misturalo todo coas miñas ideas e o que eu buscaba para o meu grupo para xerar un proxecto funcional para 1º e 2º  (apto tamén para adaptarse a 3º e 4º).

(Fai clic na imaxe para acceder á web do proxecto)

O certo é que ás veces non son temas sinxelos de traballar cos niveis máis baixos pero co recurso axeitado e unha forma de desenvolvelo adaptada o resultado é moi, moi bó.

O proxecto comeza e pivota sobre un eixo central, o conto "La pequeña Carlota". Atopeino na web da fundación ACNUR e está dispoñible, de xeito gratuíto, en vídeo, en .pdf e tamén cunha guía e material de apoio ao profesorado. Este conto ten unha delicada e orixinal forma de narrar a viaxe dunha nena refuxiada e foi o punto clave para o desenrolo do proxecto.

Nesta web, tedes detallados todos os pasos que seguimos no proxecto, os exercicios, cartaces, debates, etc. que desenvolvimos.

Partindo do conto, traballamos sobre os sentimentos da protagonista, as necesidades básicas, etc. tamén traballamos cunha historia fotográfica que ampliou e deu máis realismo ás vivencias de Carlota; cunha dinámica de grupo nos fixemos "Señores/as Bo Refuxio" e fixemos gala da hospitalidade, solidariedade, etc.
Tamén aportamos luz e positividade ao asunto vendo coma distintas organizacións, concellos e colectivos se solidarizan e organizan para axudar aos refuxiados/as e tomamos outra perspectiva transformando con creatividade misiles en cousas positivas.

Coma punto tamén importante fixemos un repaso e traballo sobre a carta dos Dereitos Humanos, reflexionando sobre cales están sendo vulnerados.
Para rematar escribindo en grupo a carta que lle mandariamos ao actual presidente das Nacións Unidas (que sabemos?, que pensamos?, que se vulnera?, que pedimos?, como apelamos?...)

Todo isto tédelo máis detallado, explicado e con todo o material para descargar na web do proxecto así que vos animo a visitala.

Estando xa inmersos neste proxecto enterámonos dunha iniciativa que naceu en Castela e León e se foi estendendo por todos os centros do territorio, tratáse da interpretación dunha coñecida canción ("Como te atreves a volver") á que unha rapaza de 6º lle adaptou a letra, aquí aquí (ou en moitas outras webs, blogs e en redes sociais se buscades #CyLcantaPorSiria, #EspanaCantaPorSiria, etc.) tedes información e material para traballar dita canción se gostades de facelo coma colofón ao proxecto ou a algún outro tipo de traballo sobre o tema que lles dea unha visión do caso e reflexión antes da canción.

ACTUALIZACIÓN: A iniciativa da canción continúa difundíndose sen descanso polos coles e xa temos a versión en galego. Así que púxenme mans á obra e fixen o video karaoke da mesma. Podedes decargalo libremente AQUÍ!




Agardo que vos sexa de interese, inspiración e/ou utilidade o proxecto que no meu grupo está funcionando moi ben e no que os rapaces/as están moi implicados/as e co que estamos aprendendo un montón de cousas sorprendentes.

Podedes pasar tamén por esta outra entrada na que propuxen outro distinto para 5º e 6º sobre o mesmo tema.

Saúdos desde a fiestra

10/05/2016

A Historia en iconas de Whatsapp.

Que a Historia é unha das partes do curso máis temidas ou odiadas por unha ampla porcentaxe de alumnado é sabido e que temos empregado multitude de recursos para achegala dun xeito máis amable tamén.

Temos incluído documentais, historietas, tarefas de investigación, a inclusión de multitude de anécdotas históricas, a relación da historia co cinema, a música, a arte en xeral, temos convertido ao alumnado en historiadores, periodistas ou viaxeiros do tempo... todas estas cousas coa fin de que os primeiros mergullos nas profundiudades da Historia sexan o máis amables e motivadores posibles, coa fin de despertar curiosidade, atención e apartar medos e prexuízos.

E por si aínda non o tedes empregado hoxe achégovos unha das estrelas das sesións introductorias de Historia: As iconas de Whastapp.

Elaborei o recurso por primeira vez vai uns anos e... Bang! Resultou que aparte de atender e entender convertiuse nun recurso de estudo bastante satisfactorio. Tanto é así que no estudo de diferentes seccións da Historia eles mesmos crearon posters con liñas de iconas e, sen axuda de ningún texto, eran capaces de, sinalando as iconas, narrar as partes da Historia que prepararan. 

Entretido, sinxelo, útil e cun traballo activo de asimilación e reflexión ben valioso.

Velaquí vos deixo un exemplo dun pequeno resumo introductorio da Idade Moderna en Europa.


Agardo que vos dea ideas e vos sexa de utilidade.

Saúdos desde a fiestra!

13/03/2016

Ciencias sociais: O censo do cole.

Un dos temas recurrentes na área de Ciencias Sociais é a demografía. Onde se adoitan traballar temas como o crecemento poboacional, as taxas de natalidade ou mortandade, censos, etc.


O tema adoita ser árduo, con historia da demografía, fórmulas, e técnicas para facer e interpretar pirámides de poboación que fan que a maioría do alumnado vexa a unidade moi lonxe do seu día a día e interese en xeral.

Así que, en relación a este tema propuxemos aos alumnos traballar con a seguinte tarefa:
De novo a través dunha web que o organiza dividimos ao grupo en 5 equipos dos cales 4 serán censistas e 1 será analista.

Neste caso os analistas vanse centrar na poboación de Arteixo xa que é a cercana ao seu centro máis poderíamos variala. Comezarán por estimar certos datos para logo procurar os datos reais tanto nas ligazóns que lles proporcionamos como empregando outras fontes (escribindo ao departamento de estatística do concello, en prensa, etc.) Elaborarán o cartaz coas diferenzas entre a estimación e os datos reais e planificarán unha exposición oral do seu traballo.

Os grupos de censistas estimarán primeiro o número de alumnos e alumnas que forman o grupo do centro que deberán analizar así coma os porcentaxes deles que fan algún deporte ou tocan algún instrumento musical (igual que os censos poden recoller datos socioeconómicos, laborales, de nivel de formación etc.) Para despois elaborar as enquisas e cartas que pasarán aos titores/as dos grupos para recoller a información.
Finalmente recopilarán a información recollida para facer o cartaz no que expliquen as diferencias entre o censo estimado e o censo real do seu grupo de estudo e prepararán a presentación oral do seu traballo.

A web inclúe unha sinxela rúbrica de avaliación e os alumnos/as tamén poderán empregar unha lámina para avaliar as presentacións dos seus compañeiros así como completarán en cada sesión unha plantilla de autoavaliación do grupo con respecto ás normas de traballo en equipo.

(Fai clic na imaxe para acceder á web!)

Saúdos!

18/11/2015

Proxecto: O clima e a paisaxe.

Os rapaces e rapazas de 6º están traballando máis aspectos do clima e a paisaxe na área de Ciencias Sociais traballando aspectos como os que se recollen neste recurso do MEC:



Hoxe comparto con vós un pequeno proxecto para desenvolver en parellas ou grupos, relacionado con este tema, porque hai infinitos xeitos de desenvolver os mesmos contidos e facelos máis creativos, motivadores, enriquecedores, participativos, significativos ou interactivos.

Moitos dos nosos alumnos/as teñen visto poucos ou ningún selo postal na súa vida e estes, en moitas ocasións mostraban nun diminuto anaco de pegatina os aspectos máis relevantes do clima, a vexetación o relevo e a fauna dun lugar do mundo.

A través do ligazón web ao que podes acceder facendo clic na imaxe accederedes á tarefa que creei na que o alumnado deberá investigar sobre os temas tratados coa fin de crear a súa tirada de selos representativos dunha rexión concreta e tamén deberán, finalmente expoñer e "vender" o producto ao resto da clase xustificando cada elemento que incluíron a atendendo a todos os puntos que a sección de avaliación recolle.



Para entender ven os pasos e como funciona este proxectiño anímovos a que fagades clic na imaxe de aquí arriba e me contedes que vos parece.

Saúdos desde a fiestra!

13/10/2015

Esquema: O mundo que nos rodea

Esquema da unidade 1 "O mundo que nos rodea" de Ciencias Sociais de 6º de Primaria.
Para enriquece-lo esquema debermos completar as nubes que estan en branco.
(Fai clic na imaxe do esquema para acceder)


https://cacoo.com/diagrams/ZtclTJeMWaGhdZIf

O esquema está realizado cunha aplicación web chea de posibilidades chamada CACOO

18/09/2015

Mapas e Geocaching

Os diálogos dos tres guerreiros deron moito de si, algúns ata cantaban a súa propia canción!!! que pasada. 
Noraboa aos equipos da actividade!.

Agora, na primeira unidade introducimos un montón de tipos distintos de mapas, como son, para que serven, que representan... e algo moi interesante... Sabedes que é o Geocaching?


10/09/2015

Ciencias Sociais

Voltamos das vacacións e aquí está a presentación coa que abrimo-la fiestra do novo curso na área de de Ciencias Sociais no grupo de 6º A. 




Desta volta foi elaborada coa aplicación Web Prezi e nela destacamos aspectos importantes para o desenrolo do curso dunha forma moi visual e organizada así como lle será engadida información sobre os materiais, tipoloxía de actividades, percorrido polas unidades, etc. durante a explicación. Adiante!