Amosando publicacións coa etiqueta web.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta web.. Amosar todas as publicacións

19/01/2017

Proxecto: Nos pés dos refuxiados a partir de 1º de primaria.

Vai un tempo publicaba esta entrada cun pequeno proxecto para 5º e 6º sobre o tema dos refuxiados que me deu moi bos resultados e foi unha moi grata experiencia de traballo.

Aínda así, andiven na procura desesperada doutras experiencias, ideas, recursos, etc. sobretodo para niveis máis baixos (A partir de 5º e 6º a verdade é que hai máis material que se adapta a eles, traballo con películas, organizacións, etc.). Grazas á rede e a algúns contribuíntes logrei descubrir algo máis de material accesible e algunha idea para así misturalo todo coas miñas ideas e o que eu buscaba para o meu grupo para xerar un proxecto funcional para 1º e 2º  (apto tamén para adaptarse a 3º e 4º).

(Fai clic na imaxe para acceder á web do proxecto)

O certo é que ás veces non son temas sinxelos de traballar cos niveis máis baixos pero co recurso axeitado e unha forma de desenvolvelo adaptada o resultado é moi, moi bó.

O proxecto comeza e pivota sobre un eixo central, o conto "La pequeña Carlota". Atopeino na web da fundación ACNUR e está dispoñible, de xeito gratuíto, en vídeo, en .pdf e tamén cunha guía e material de apoio ao profesorado. Este conto ten unha delicada e orixinal forma de narrar a viaxe dunha nena refuxiada e foi o punto clave para o desenrolo do proxecto.

Nesta web, tedes detallados todos os pasos que seguimos no proxecto, os exercicios, cartaces, debates, etc. que desenvolvimos.

Partindo do conto, traballamos sobre os sentimentos da protagonista, as necesidades básicas, etc. tamén traballamos cunha historia fotográfica que ampliou e deu máis realismo ás vivencias de Carlota; cunha dinámica de grupo nos fixemos "Señores/as Bo Refuxio" e fixemos gala da hospitalidade, solidariedade, etc.
Tamén aportamos luz e positividade ao asunto vendo coma distintas organizacións, concellos e colectivos se solidarizan e organizan para axudar aos refuxiados/as e tomamos outra perspectiva transformando con creatividade misiles en cousas positivas.

Coma punto tamén importante fixemos un repaso e traballo sobre a carta dos Dereitos Humanos, reflexionando sobre cales están sendo vulnerados.
Para rematar escribindo en grupo a carta que lle mandariamos ao actual presidente das Nacións Unidas (que sabemos?, que pensamos?, que se vulnera?, que pedimos?, como apelamos?...)

Todo isto tédelo máis detallado, explicado e con todo o material para descargar na web do proxecto así que vos animo a visitala.

Estando xa inmersos neste proxecto enterámonos dunha iniciativa que naceu en Castela e León e se foi estendendo por todos os centros do territorio, tratáse da interpretación dunha coñecida canción ("Como te atreves a volver") á que unha rapaza de 6º lle adaptou a letra, aquí aquí (ou en moitas outras webs, blogs e en redes sociais se buscades #CyLcantaPorSiria, #EspanaCantaPorSiria, etc.) tedes información e material para traballar dita canción se gostades de facelo coma colofón ao proxecto ou a algún outro tipo de traballo sobre o tema que lles dea unha visión do caso e reflexión antes da canción.

ACTUALIZACIÓN: A iniciativa da canción continúa difundíndose sen descanso polos coles e xa temos a versión en galego. Así que púxenme mans á obra e fixen o video karaoke da mesma. Podedes decargalo libremente AQUÍ!




Agardo que vos sexa de interese, inspiración e/ou utilidade o proxecto que no meu grupo está funcionando moi ben e no que os rapaces/as están moi implicados/as e co que estamos aprendendo un montón de cousas sorprendentes.

Podedes pasar tamén por esta outra entrada na que propuxen outro distinto para 5º e 6º sobre o mesmo tema.

Saúdos desde a fiestra

03/04/2016

Que é e para que usar PLICKERS nas aulas.

Hoxe achégovos un descubrimento en forma de App: Plickers.

Plikers é unha nova ferramenta totalmente gratuíta, super sinxela e capaz que facer moito máis que avaliar e motivar aos estudantes e só precisamos un ordenador e UN único dispositivo móbil con Android ou iOS (a tablet, o móbil persoal...).

Como funciona? 
Na web Plikers atoparedes totalmente gratis a descarga das tarxetas Plickers, debaixo de este parágafo tedes un exemplo dunha delas. Cada unha das tarxetas é diferente, como se fora a sinatura persoal dos vosos estudantes que a app emprega para identificar a cada un deles. O numeriño das esquinas corresponde a aquel que lle foi adxudicado a cada alumno/a no sistema. Tamén, como vedes, cada lado do cadrado ten una pequenísima letra que representa as catro opcións de resposta. (Ao ser tarxetas distintas e as letras laterais pequenas evita e imposibilita a tentación de copiar a posición da tarxeta de outros compañeiros/as) Os estudantes respostarán levantando a tarxeta e rotándoa de xeito que na parte superior se atope a que consideren oportuna ou correcta.

Entón, nós escanearemos a clase desde o dispositivo móbil coa app, e, impotantísimo, non preciosamos ir tarxeta por tarxeta senon que cunha visión xeral o dispositivo recoñecerá todas as respostas en segundos.



Deberedes saber que na web poderedes incluír tantas clases coma precisedes e, se así o queredes empregar o mesmo set de tarxetas para todos os grupos. (Eu recomendo imprimir en cartulina branca ou en folio e pegar en algo ríxido para darlles unha boa durabilidade ás tarxetas e, no caso de que queirades plastificar tede en conta que precisaredes fundas mate xa que se reflicten a luz poden dar problemas no escaneo).

Outra carácterística xenial é que non sempre teñen que ser preguntas que introduzamos en texto senon que se poden subir imaxes de xeito moi rápido o cal multiplica as opcións de uso da App (imaxinade preguntas sobre as horas con reloxos analóxicos, analizar gráficos, obras de arte, paisaxes...).

Ademáis temos distintas opcións de mostrar os resultados na pantalla, con nomes, con gráficas e de xeito anónimo, etc. de xeito que reduzamos o estrés ou a competitividade cando é preciso. E tamén permítenos exportar moitos datos coma se de informes se tratara.

Para que usalo? As opcións son moitísimas máis aquí deixo un exemplos rápidos:



- Avaliar os coñecementos previos antes da intruducción dalgún tema ou tarefa.
- Realizar avaliación formativa por exemplo facendo tres ou catro preguntas en cada sesión para resolver dúbidas
- Como concurso-proba final dalgunha unidade.
- Para elexir ou votar de xeito anónimo sobre calquera cousa (a presentación de que grupo gustou máis?, que obra preferides traballar?,...) 
- Para coñecer de xeito moi rápido (e sen ter que estalo rexistrando en táboas ou cadernos) o punto no que se atopa cada alumno/a dentro dun proxecto/tarefa/taller por exemplo incluíndo as opcións: "Inicio pu borrador",  "Preciso axuda/ 2ª fase", "Revisando/3ªFase",  "Finalizando/Retocando"
- Para recoller de xeito anónimo impresións, estados de ánimo, sensacións...
- Para a autoavaliación establecendo a gradación coma nas rúbricas. nas respostas..
- E un longo etc.

É tan rápido e sinxelo que pode empregarse desde infantil ata os niveis máis altos de educación, incluso hai experiencias moi satisfactorias de enquisas a páis e nais en reunións empregando os Plickers, a ferramenta que tamén empregan os seus fillos/as a na escola.

Resumindo, paréceme unha ferramenta á que sacarlle moitísimo partido xa que é gratis, é sinxela, é adaptable a situacións, grupos, contextos, áreas, tarefas... case infinitas; é novidosa, proporciona feedback ao instante e ten un punto motivador moi valioso.


Interesante? Animádesvos a probalo? Novas ideas de uso?

Saúdos desde a fiestra.