Chega a última semana antes das vacacións de inverno e as festas.
Se precisas unha idea sinxela, rápida, ecolóxica e económica para que os teus alumnos/as disfruten realizando un pequeno traballo artístico aquí tes unha proposta.
Todos coñecemos ao Apalpador, ese rubio carboeiro coa roupa chea de remendos que unha vez ao ano baixaba das montañas luguesas para tocar as barrigas dos nenos e comprobar que estaban ben alimentados e aproveitaba para desexar un bo ano e deixar unha deliciosa presa de castañas a cada neno e nena.
Temos xa un montón de recursos, contos e cancións arredor da figura do Apalpador coma os que atoparás máis abaixo e aos que podes acceder facendo clic nas imaxes.
Aquí está a nosa decoración do Apalpador e só precisaremos un tubo de cartón, un cordeliño e as cores!
Para aqueles/as aos que se lles complica o deseño do apalpador podemos crear, nun folio, unha plantilla semellante a esta á que poden dar cor, ou pegarlle trociños de revista ou papeis das cores correspondentes a modo de collage para logo poñelo no tubo.
Un par de recursos máis (fai clic para velos!):
Un par de contos (aquí tamén podes facer clic!): E un par de cancións:
Con motivo das vacacións de inverno traio un material que elaborei para a aula de inglés de infantil ou o primeiro nivel de primaria.
Aínda que nas sesións de inglés de infantil non adoito empregar moito papel e traballamos máis a comprensión e expresión oral a través de cancións, xogos e contos ás veces incluímos algún material como é este.
Neste caso son dúas láminas que traballan vocabulario destas vacacións de inverno, conceptos coñecidos como as cores ou elementos da roupa de inveno e tamén os cinco sentidos, coma se de un mini-libro sensorial se tratara.
Na primeira lámina atopamos os sentidos da vista e o tacto. Primeiro cunha árbore de nadal na que pegaremos gomets das cores que solicitemos facendo as veces de bolas da árbore. E no segundo caso pegaremos algodón en parte do gorro de inverno para aportar o tacto suave.
Na segunda lámina, pola súa banda, están o olfato, o oído e o gusto. Primeiro cun reno cuxo naris faremos con plastilina vermella tras experimentar cheirándoa a cegas, despois cunha campana de nadal á que lle poñeremos un pequeno axóuxere e finalmente cun vasiño de chocolate quente ao que engadir unha palliña coa que saborear (durante a actividade podemos mollar as palliñas en azucre, ou sal, ou limón... experimentando cos sabores).
E por fin, velaquí queda o material descargable para o voso uso:
Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en
galego e ademáis de ser
libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis
traducidos en todo o mundo.
É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.
O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas:
Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":
"Eu son Balbino.
Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."
desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.
Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:
"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo
como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí,
nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada
conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra
saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")
Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".
Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.
De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:
Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á biblioteca e mergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.
Hoxe traio un novo recurso web destinado a preparar de forma sinxela unha secuencia coreográfica con balóns (adaptable a outros materiais: panos, picas, aros...)
O recurso está deseñado para alumnos e alumnas de 5º e 6º pero que pode empregarse con pequenos cambios tanto en niveis superiores (ESO) coma en inferiores e ademáis que pode facer as delicias da área de música e mesmo da de Educación Física dependendo dos aspectos no que nos centremos no seu uso.
Podemos empregar este recurso centrándonos nos aspectos rítmicos, musicais e de danza desde a área de música ou tendo máis en conta elementos coma o bote, lateralidade, coordinación ou lanzamentos na área de Educación Física.
Está claro que esta idea pode desenvolverse cun sinfín de cancións, ritmos e coreografías pero eu déixovos unha ligazón na que atoparedes o musicograma para realizar a coreografía do tema"Let's get it started"así como a imaxe cunha pequena explicación dos movementos que programamos.
Fai clic nesta imaxe para acceder ao recurso online:
Nesta imaxe tedes unha pequena explicación dos movementos (fai clic para descargar o arquivo):
Esta actividade é moi motivadora xa que observaremos unha evolución moi rápida tanto no ritmo persoal como na coordinación co resto de compañeiros e compañeiras e pode ser tamén unha solución moi atractiva para festivais e actuacións escolares xa que os resultados finais son verdadeiramente impresionantes; así que anímovos a empregalo sen dúbida, é divertidísimo (tamén ruidoso) e con el podemos traballar moitísimos aspectos desde distintas perspectivas. Saúdos!
Os rapaces e rapazas de 6º están traballando máis aspectos do clima e a paisaxe na área de Ciencias Sociais traballando aspectos como os que se recollen neste recurso do MEC:
Hoxe comparto con vós un pequeno proxecto para desenvolver en parellas ou grupos, relacionado con este tema, porque hai infinitos xeitos de desenvolver os mesmos contidos e facelos máis creativos, motivadores, enriquecedores, participativos, significativos ou interactivos.
Moitos dos nosos alumnos/as teñen visto poucos ou ningún selo postal na súa vida e estes, en moitas ocasións mostraban nun diminuto anaco de pegatina os aspectos máis relevantes do clima, a vexetación o relevo e a fauna dun lugar do mundo.
A través do ligazón web ao que podes acceder facendo clic na imaxe accederedes á tarefa que creei na que o alumnado deberá investigar sobre os temas tratados coa fin de crear a súa tirada de selos representativos dunha rexión concreta e tamén deberán, finalmente expoñer e "vender" o producto ao resto da clase xustificando cada elemento que incluíron a atendendo a todos os puntos que a sección de avaliación recolle.
Para entender ven os pasos e como funciona este proxectiño anímovos a que fagades clic na imaxe de aquí arriba e me contedes que vos parece.
Parece que non pero achéganse as vacacións invernais día a día...
Aquí deixo un recurso orientado ao alumnado de 5º e 6º pero que pode ser adaptado a outros niveis educativos. Ademais este recurso pódese desenvolver desde a área de educacón musical, plástica, linguas, integración das TIC,... é dicir, o seu enfoque pode ser variadísimo.
Trátase do desenvolvemento dun tipo de proxecto en parellas ou grupos no cal idear, crear, editar e compartir pequenas video-felicitacións con códigos QR e todo o proceso guiadiño coa Web á que podes acceder facendo clic nesta imaxe:
É unha actividade coa que deixarnos abraiar pola capacidade de traballo, de cooperación e creativa do alumnado así como coa que desfrutar e aprender desde moitas perspectivas e agardo que vos guste e sexa de utildade ou inspiración.
Aproveitando que os/as alumnos/as de 2º están aprendendo un montón de cousas sobre as estancias da casa na clase de Inglés e que xa estamos chegando ao Samaín ou Halloween, na aula de inglés estamos preparando un xogo que combina os dous eventos.
Antes de nada repartimos partes do noso puzzle-taboleiro de xogo cada alumno/a debería darlle cor á súa parte do xogo e xuntos creamos o taboleiro, unha casa prácticamente baleira.
[Se fas clic aquí podes descargar un .pdf do poster que empregamos, nós divímolo nas 14 pezas que están numeradas]
Tamén engadimos o título do noso mural "Welcome to our HAUNTED house"
Para xogar ao noso xogo introducimos nunha caixiña un montón de tarxetiñas con palabras desde "shower" ou "fridge" ata "treasure", "skeleton" ou "vampire", é dicir, mesturamos obxectos das estancias das casa con elementos propios da festa de Halloween.
A partir de aquí o xogo é moi sinxelo, os/as alumnos/as deben coller unha tarxetiña ao chou e escoitar atentamente a frase da mestra que dirá por exemplo "There is a (black cat) in the (hall)" entón o xogador/a debe incluir ese elemento na dependecia citada. Se o adiviña, gaña un punto para o seu equipo; moi doado.
Ao final teremos a nosa casa encantada completa e decorada para as festas de Samaín!!
Aproveitando que chega oSamaín (e o Halloween) preséntovos un material para os primeiros cursos de primaria sobre a temática do medo.
Trátase duns libriños que tratan distintos aspectos como: que é aquelo que tememos, a cor da que é para nós o medo, o uso dunha canción relacionada, a creación da nosa pócema máxica e para que a empregaríamos, a presentación dunha obra pictórica e moito máis.
Este material pode imprimirse en formato A4, A5 ou incluso A6 que é como o empreguei eu mesma e podemos traballar con el individualmente ou empregalo en gran grupo, cun formato grande ou incluxo dixital no que todos contribuímos á creación do noso libro do medo. Aquí está o material en galego e un pouco máis abaixo podes acceder ao mesmo en inglés e tamén en castelán. Adiante, bota unha ollada!
Esquema da unidade 1 "O mundo que nos rodea" de Ciencias Sociais de 6º de Primaria. Para enriquece-lo esquema debermos completar as nubes que estan en branco. (Fai clic na imaxe do esquema para acceder)
O esquema está realizado cunha aplicación web chea de posibilidades chamada CACOO
Hoxe traio unha recomendación literaria para os máis pequenos, un prezado recurso tanto para infantil coma para os primeiros cursos de primaria. O título en inglés é Press here mais está dispoñible nuns vinte idiomas distintos.
Press Here é un sinxelo libro interactivo cunha estética coidada e atractiva, á vez que arriscada, que será un éxito asegurado nas aulas.
Este libro, escrito por Hervé Tullet, invita ao lector a comezar presionando un círculo amarelo e non hai mente curiosa que poda resistirse a tal invitación, neste punto da comezo a aventura. Nas sucesivas páxinas o libro solicitará que realicemos distintas accións: axitalo, soprar, dar palmas... e reaccionará ás nosas accións coma por arte de maxia.
Hevé Tullet
Press here ou Un Libro, que é o seu título en castelán, é un recurso útil e divertido para a introducción de formas, cores e verbos así coma para esperta-lo disfrute pola lectura dos máis pequenos; tanto eles coma os adultos quedarán cautivados polo intelixente á vez que simple desta obra que, ademáis, é unha ferramenta eficaz coma desencadeante de actividades e tarefas tan variadas coma sexamos quen de imaxinar; de feito, anímovos a que botedes unha ollada pola rede xa que atoparedes multitude de recursos relacionados coa obra. Este curso empregarei Press Here coma mestra de inglés pero, nin que decir ten, que pode trasladarse a outras áreas, ben sexa lingua, plástica ou mesmo música, como fai Estela Arias neste vídeo
O autor, Hervé Tullet dispón tamén doutros títulos de similares características co compoñente común da interactividade, un dos atractivos máis relevantes destes libros que serán, sen lugar a dúbidas un éxito que alumnos e alumnas desexarán revisitar unha e mil veces.
Os diálogos dos tres guerreiros deron moito de si, algúns ata cantaban a súa propia canción!!! que pasada.
Noraboa aos equipos da actividade!.
Agora, na primeira unidade introducimos un montón de tipos distintos de mapas, como son, para que serven, que representan... e algo moi interesante... Sabedes que é o Geocaching?
Voltamos das vacacións e aquí está a presentación coa que abrimo-la fiestra do novo curso na área de de Ciencias Sociais no grupo de 6º A.
Desta volta foi elaborada coa aplicación Web Prezi e nela destacamos aspectos importantes para o desenrolo do curso dunha forma moi visual e organizada así como lle será engadida información sobre os materiais, tipoloxía de actividades, percorrido polas unidades, etc. durante a explicación. Adiante!
Benvidos e benvidas ao novo curso escolar, con el chega unha nova andaina. Se miras pola fiestra poderás atopar as nosas actividades, novas, recursos, historias e anécdotas que agardo, sexan de utilidade e interese.