Amosando publicacións coa etiqueta nadal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nadal. Amosar todas as publicacións

02/12/2025

Algún xogo e material de inverno

 Ola!

Hoxe que saco un anaco de tempo ao tempo vou deixar aquí unha parte do material de inverno...


Hai dous imprimibles de cartas para xogar.

Un é un tabú temático de inverno/nadal. Un xogo que sempre resulta no fomento da expresión oral, incremento de vocabulario e do que se poden facer moitas variantes na aula. En resumo, que para min é de utilidade e por iso está aí.  

O outro xogo de cartas é unha versión do xogo "Taco, gato, cabra, queso, pizza". Este é un xogo que moitos nenos e nenas xa coñecen; de mecánica sinxela e rápida e tamén divertido, por iso decidín facer unha versión para aulas e biblio coa que asentar uso da lingua noutros contextos e tamén o traballo que realizamos arredor do inverno e nadal aquí. Neste caso, no canto de "Taco, gato, cabra, queso, pizza" empregamos "saco, rato, masa, zoca, piña" e as cartas especiais son "trubinco", "tizón" e "zambomba". Un éxito.

Deixo tamén un lote de imprimibles básicos, están marcados con niveis do 1 ao 4. E outro lote con plastificables sinxelos (retos de lego, de policubos, tres en liña, busca e conta, puzzles...) Ademáis dun mapa para Beebot que xa empregamos outro ano.

Por último hai un pequeno xogo de probas feito en Genially que xira en torno ao nadal, o Apalpador e os trubincos.

AQUÍ podes descargar unha única páxina en PDF interactivo de xeito que fas clic en cada elemento e xa vas directamente á descarga ou acceso.

Ah, e tamén este pequeno almanaque ata as vacacións...


Volven quedar cousiñas pero se algo disto vos é de utilidade para as aulas... pois aí queda, con agarimo.

Saúdos desde a fiestra e feliz remate do 2025.

10/12/2015

Chega o Apalpador.


Chega a última semana antes das vacacións de inverno e as festas.
Se precisas unha idea sinxela, rápida, ecolóxica e económica para que os teus alumnos/as disfruten realizando un pequeno traballo artístico aquí tes unha proposta.

Todos coñecemos ao Apalpador, ese rubio carboeiro coa roupa chea de remendos que unha vez ao ano baixaba das montañas luguesas para tocar as barrigas dos nenos e comprobar que estaban ben alimentados e aproveitaba para desexar un bo ano e deixar unha deliciosa presa de castañas a cada neno e nena.

Temos xa un montón  de recursos, contos e cancións arredor da figura do Apalpador coma os que atoparás máis abaixo e aos que podes acceder facendo clic nas imaxes.

Aquí está a nosa decoración do Apalpador e só precisaremos un tubo de cartón, un cordeliño e as cores!





Para aqueles/as aos que se lles complica o deseño do apalpador podemos crear, nun folio, unha plantilla semellante a esta á que poden dar cor, ou pegarlle trociños de revista ou papeis das cores correspondentes a modo de collage para logo poñelo no tubo.




Un par de recursos máis (fai clic para velos!):
                      
Un par de contos (aquí tamén podes facer clic!):
                                                 
E un par de cancións:


Saúdos desde a fiestra!

01/12/2015

Nadal en inglés e con 5 sentidos.

Con motivo das vacacións de inverno traio un material que elaborei para a aula de inglés de infantil ou o primeiro nivel de primaria.

Aínda que nas sesións de inglés de infantil non adoito empregar moito papel e traballamos máis a comprensión e expresión oral a través de cancións, xogos e contos ás veces incluímos algún material como é este.

Neste caso son dúas láminas que traballan vocabulario destas vacacións de inverno, conceptos coñecidos como as cores ou elementos da roupa de inveno e tamén os cinco sentidos, coma se de un mini-libro sensorial se tratara.

Na primeira lámina atopamos os sentidos da vista e o tacto. Primeiro cunha árbore de nadal na que pegaremos gomets das cores que solicitemos facendo as veces de bolas da árbore. E no segundo caso pegaremos algodón en parte do gorro de inverno para aportar o tacto suave.


Na segunda lámina, pola súa banda, están o olfato, o oído e o gusto. Primeiro cun reno cuxo naris faremos con plastilina vermella tras experimentar cheirándoa a cegas, despois cunha campana de nadal á que lle poñeremos un pequeno axóuxere e finalmente cun vasiño de chocolate quente ao que engadir unha palliña coa que saborear (durante a actividade podemos mollar as palliñas en azucre, ou sal, ou limón... experimentando cos sabores).

E por fin, velaquí queda o material descargable para o voso uso:



Saúdos desde a fiestra!

22/11/2015

Música e balóns de baloncesto.

Hoxe traio un novo recurso web destinado a preparar de forma sinxela unha secuencia coreográfica con balóns (adaptable a outros materiais: panos, picas, aros...)



O recurso está deseñado para alumnos e alumnas de 5º e 6º pero que pode empregarse con pequenos cambios tanto en niveis superiores (ESO) coma en inferiores e ademáis que pode facer as delicias da área de música e mesmo da de Educación Física dependendo dos aspectos no que nos centremos no seu uso.

Podemos empregar este recurso centrándonos nos aspectos rítmicos, musicais e de danza desde a área de música ou tendo máis en conta elementos coma o bote, lateralidade, coordinación ou lanzamentos na área de Educación Física.


Está claro que esta idea pode desenvolverse cun sinfín de cancións, ritmos e coreografías pero eu déixovos unha ligazón na que atoparedes o musicograma para realizar a coreografía do tema "Let's get it started" así como a imaxe cunha pequena explicación dos movementos que programamos.

Fai clic nesta imaxe para acceder ao recurso online:
http://patrifulca.wix.com/letsgetitstarted
Nesta imaxe tedes unha pequena explicación dos movementos (fai clic para descargar o arquivo):

Esta actividade é moi motivadora xa que observaremos unha evolución moi rápida tanto no ritmo persoal como na coordinación co resto de compañeiros e compañeiras e pode ser tamén unha solución moi atractiva para festivais e actuacións escolares xa que os resultados finais son verdadeiramente impresionantes; así que anímovos a empregalo sen dúbida, é divertidísimo (tamén ruidoso) e con el podemos traballar moitísimos aspectos desde distintas perspectivas.

Saúdos! 





15/11/2015

Un proxecto polo nadal!


Parece que non pero achéganse as vacacións invernais día a día...

Aquí deixo un recurso orientado ao alumnado de
5º e 6º pero que pode ser adaptado a outros niveis educativos. Ademais este recurso pódese desenvolver desde a área de educacón musical, plástica, linguas, integración das TIC,...  é dicir, o seu enfoque pode ser variadísimo.


Trátase do desenvolvemento dun tipo de proxecto en parellas ou grupos no cal idear, crear, editar e compartir pequenas video-felicitacións con códigos QR e todo o proceso guiadiño coa Web á que podes acceder facendo clic nesta imaxe:



É unha actividade coa que deixarnos abraiar pola capacidade de traballo, de cooperación e creativa do alumnado así como coa que desfrutar e aprender desde moitas perspectivas e agardo que vos guste e sexa de utildade ou inspiración.

Saúdos desde a fiestra.