22/12/2016

Axenda docente do 2º trimestre

Remata o trimestre que parece que pasou voando... hai un montón de recursos e ideas preparados para ser compartidos en breve mais, polo de agora,  aquí ven a axenda do segundo trimestre!

Como comentei NESTA entrada, despois de cursos nos que empreguei opcións só dixitais con Apps como as que recomendaba (iDoceo, Additio, Cuaderno del profesor, etc.) e outros nos que empregaba cuadernos docentes en formato físico este curso optei por unha opción combinada.




Para calificacións, grupos, etc. estou empregando iDoceo, pola contra emprego unha axenda física para anotacións, programación de actividades de aula...


Como para min é importante non cargar con enormes axendas que acumular traballo de todo o curso optei por facer unhas trimestrais o máis lixeiras posible.

Así que, igual que fixen ao comezo do curso aquí tedes para imprimir a miña opción do segundo trimestre, que continúa coa mesma liña do primeiro.



Esta axendiña está lista para descargar e imprimir a doble cara ou adaptar ás nosas necesidades e inclúe:
  • A portada e o estampado traseiro da mesma.
  • A folla dos datos (non vaia ser que a perdamos!)
  • O calendario escolar (segue sendo o da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística)
  • O espazo para os horarios
  • As follas de organización semanal con calendario trismestral e o espazo para cada día da semana (luns a venres) así como espazo para anotacións e recordatorios.
  • A portada para incluír as follas de anotacións e proxectos ao final da axenda.



Sei que moitos remataremos o segundo trimestre bastante antes da chegada das vacacións de pascua (por equilibrar a duración dos tres trimestres) pero aínda así incluín ata a metade do mes de abril para poder adaptala ás necesidades de cada centro e profe.

Para min está sendo bastante operativa e valoro moito que quede algo bastante manexable e de pouco peso xa que con esto e a App teño todo listo.

Agardo que vos sexa de utilidade, se queredes a miña opinión sobre as distintas apps de xestión docente que coñezo recoméndovos pasar pola entrada de organización do curso na que falei delas desde a miña experiencia.

Saúdos desde a fiestra!

02/12/2016

O emocionario e material para traballalo (Parte I)

Tras resistirme ao furor inicial do libro non puiden evitar mercalo en canto vin a edición en galego, así que o Emocionario de Palabras Aladas chegou ás miñas mans.

Este libro conta con 42 emocións enlazadas, explicadas e ilustradas dun xeito moi coidado e sen nunca xulgalas ou clasificalas como "boas" ou "malas".



En canto o tiven comecei a cavilar xeitos de traballar este libro xa que non é moi dado a ser un simple recurso de lectura autónoma e atopei que, na propia web da editorial teñen guías de traballo para distintas idades e fichas gratuitas (en castelán) así que xa tiña moitas ideas polas que comezar.

De xeito que este traballo non é completamente meu, eu visitei ese material, collín o que pensaba que viña mellor ao meu grupo, transformei algunhas actividades escritas en orais, modifiquei, adaptei e elaborei as fichas das emocións en galego adaptadas ao meu grupo de 1º e 2º.

Aquí tedes as das 10 primeiras emocións por si vos son de utilidade para empregar ou como inspiración. Eu intento traballar, polo menos, dúas emocións distintas á semana co grupo e os resultados son moi satisfactorios, descubrimos un montón de cousas!

Agora que vai rematando o trimestre faremos recopilación das que levamos vistas e prepararemos un emocionario fotográfico - musical (solicitando unha axudiña ás familias, aínda que rapaces de niveis máis altos poderán facelo autónomamente).


A verdade é que o libro sorprendeume para ben, é moi recomendable desde infantil ata os cursos do final da primaria e incluso na secundaria só con mudar a forma de traballalo.

Ademáis hai moitas e moi interesantes cousas que podemos traballar de multitude de formas arredor das emocións; como cando fixemos iSinto as nosas Apps con sentimentos, podedes ver este proxectiño nesta entrada.


E vos? Tamén botáchedes un ollo ao archicoñecido Emocionario? E que tal?

Saúdos desde a fiestra!