Un curso máis estou aquí para deixar a axenda que emprego eu por se é de utilidade.
Non prolongarei moito esta entrada, deixo a disposición:
Axenda vertical: A que emprego eu, lista para imprimir a dobre cara.
Axenda apaisada: Algunhas compañeiras do meu cole apáñanse ben con este modelo así que volvín facelo por elas.
Axenda interactiva: Con lapelas superiores e laterales ademáis de interactividade nos calendarios. É un pdf interactivo que tamén se pode importar a GoodNotes e así.
Caderno adicional interactivo: É un caderno dixital moi simple, con algunhas lapelas e follas punteadas que a min me serviu os últimos anos.
Caderno-páxinas adicionais: Son arquivos de páxinas o caderno dixital pero por se alguén quere imprimilos ou combinalos coa axenda.
Calendarios do curso 25-26 e do ano 26.
Como explico sempre, eu para rexistros e avaliacións emprego iDoceo odesde hai moito tempo así que este material non inclúe iso...
Se algo de todo isto é de utilidade para ti, só tes que facer clic AQUÍ e descargar o que interese. sen máis, listo para imprimir ou usar no teu dispositivo.
Listo, agardo que esteades a ter un bo agosto e mando moito azos para a volta.
Vai rematando o curso e aínda que deixei moito no tinteiro veño deixar aquí un dos éxitos do recreo.
Sabedes xogar ao xogo de cartas Virus!?, pois nós fixemos unha versión que se chama Foliada!
(Podes facer clic na imaxe para descargar o xogo de cartas!)
Como funciona?
No canto de órganos tes que conseguir elementos para a Foliada! (pandeiretas, baile, comida, xente ou a propia foliada (comodín), poden suceder enredos (virus) coma a pandeireta rachada, a escordadura de nocello, a comida queimada, chuvia ou a foliada cancelada (enredo-comodín).
Ademáis podemos solucionar os enredos con axudiñas: cantareira, sacapuntos, bochinche, carpa da comisión, ou aturuxo (axudiña-comodín)
E temos as cartas especiais: Cacique (rouba elementos da foliada), figa (envía enredos da túa foliada a outras), trasno (cambia un elemento da folida por outro), aire de morto (fai que todos os demáis se descarten das cartas da súa man), polavila (intercambiar foliadas).
Non é máis ca unha versión dun xogo que moitos e moitas coñecen pero é un placer ver como xogan! Ao final, xogos coma o Virus! ou Foliada! combinan estratexia, atención, toma de decisións... nun contexto divertido; e velos/as planificando, anticipando accións, xestionando, interactuando, razoando e co engadido do valor cultural e identidade... pois da gusto!
Así que se o queredes, se vos é de utilidade ou interese para a escola ou para a vida pois CLIC descargar, imprimir e xogar! (O documento está feito para imprimir a dobre cara e recortar e inclúe a páxina de instruccións!)
Sen máis, agardo ter momentos para deixar por aquí algunhas outras cousas pendentes por se a alguén lle valen... pero ás veces apílase a vida! :)
Van quedando cousas no tinteiro pero aló vai outro trimestre e aproveito estos primeiros días do ano para partillar un pequeno material imprimible por se é de utilidade para alguén.
As coplas e cantigas populares veñen sendo recurso educativo (no ensino regrado e no informal tamén) desde a orixe dos tempos, supoño; son, para min, un material moi recorrente tanto nas aulas música (é unha obviedade) coma en lingua, por exemplo.
Lembro, sendo eu alumna de primaria, que un titor que tiven convidaba a outra persoa a unha das sesións semanais de lingua que tiñamos e esta persoa traia as cantigas que aprendimos. Ditaba, copiaba con esmero na pizarra, copiabamos nos cadernos, analizabamos teimudamente letra, rima, vocabulario... e cantabamos tamén. Cousas bastante básicas por unha banda pero cun aire diferente por outra... Non creo que aquel home falara nunca do valor daquelas cantigas ou o cancioneiro popular pero supoño que xa no lo estaba ensinando. Non lembro se aquel home era familiar do mestre, amigo ou mesmo un antigo compañeiro pero si lembro descubrir o "bocarte" que levaban os catro vellos mariñeiros despois de tanto vogar.
O caso é que algo quedou daquelo.
Si, as cantigas e coplas populares son un recurso manido para moitas de nós pero tamén un recurso moi valioso.
Xa que inauguramos este 2025, (un ano moi especial...) pois velaí vai este pequenísimo caderno arredor de dúas ducias de coplas. Non é un material que presente especial novidade nas actividades que propón pero pretende achegar valor polo seu contido compilado e accesible e o xeito no que complementa outras accións de ensino-aprendizaxe.
Non substitúe todo o traballo que se fai coas cantigas pero igual pode darlle un pulo dalgún xeito nalgunhas aulas. Son sinxelos pasatempos ou pequenas actividades alén do traballo de descubrimento, análise, interpretación, creación...
Sen máis, se che é de utilidade ou interese só tes que facer CLIC e descargalo. Listo para imprimir e empregar.
Non vou estender moito as explicacións; fixen de novo a miña axenda (a que uso, sen artificio vaia... en varios formatos) e ademáis, desta volta engado un pequeno caderno interactivo que empreguei o ano pasado (fixérao rápidamente e non chegara a subilo).
Eu só emprego esto: a axenda impresa e o caderno dixital xunto co mil veces mentado iDoceo onde gardo as cualificacións e esas cousas...
A miña axenda impresa é en formato vertical pero como teño unhas compañeiras moi afeitas á horizontal... volvinlla facer con agarimo tamén en apaisado.
Ademáis, fixen de novo o documento da axenda en interactivo para empregar nos dispositivos quen así o desexe. Deixo o formato .pdf interactivo coas lapelas laterais e superiores (tamén son interactivos os días de cada calendario mensual) e tamén o formato GoodNotes.
Como dixen, o curso pasado fixen para min un pequeno caderno interactivo que non ten nada máis que apartados separados (claustros, equipos, ideas, calendarios...) e follas punteadas que se van insertando; é, coma quen di, un caderno de anotacións dixital un pouco depurado pero é que eu non me adapto moito cos formatos ríxidos que teñen espazo para data, para orde do día... porque, por exemplo, esto último adoito pegalo en imaxe, engado ligazóns... non sei. O caso é que como o volvín facer queda aí tamén por se a alguén lle é de utilidade (tamén deixo o que serían as portadas e follas normais por se alguén as quere imprimir, combinar, o que sexa...)
Así que; se a alguén lle son de utilidade quedan AQUÍ (ou facendo clic na imaxe) todos os arquivos distintos listos para descargar e imprimir (ou empregar directamente no caso das interactivas).
Sen máis, agardo que esteades a desfrutar un bo agosto e que collades folgos e ilusións para setembro. 💙
17 de abril, un mes exacto para o Día das Letras Galegas e...
O certo é que este curso cruzou a miña mente a idea non facer sala de fuga ou como moito algunha pequena sobre algo moi concreto pero... para cando me quixen decatar xa estaba ata as cellas de información e ideas sobre a autora homenaxeada nestas Letras Galegas e é que entrar no universo Villalta pode non semellar doado para todo o mundo pero unha vez que estás dentro... é tremendamente cautivante.
De feito, non é que non fixera sala de fuga, é que preparei tanto a sala "física" ou "analóxica" ou non sei como chamarlle e tamén a sala de fuga dixital e algún pequeno material imprimible máis que podes descargar tamén.
Comezarei por intentar explicar un pouco as salas de fuga e, ese e o outro material, está todo para descargar baixo as liñas de texto!
Como explicaba, vinme ateigada de información, xa tiña varios libros antigos de Luísa Villalta e de súpeto engadín un montón de textos, libros novos, xornais, publicacións colectivas artigos... e tratar de reducir e simplificar (moito) información non é sempre o máis sinxelo de facer pero coido que quedou unha sala de fuga que da información relevante sen chegar a saturar demasiado, procurando ser unha porta para que, quen queira, siga explorando despois (porque é fascinante!).
Tanto nunha como noutra as "investigacións" e retos poden ser acometidos en calquera orde xa que con eles iranse conseguindo diferentes números e cores que, combinados, abren un cadeado e recompensa final.
Intentarei simplificar a explicación das salas, digamos que, por distintos camiños, podes chegar a explorar 4 puntos esenciais: Un esta composto de aspectos básicos da biografía de Luísa Villalta, outro da súa vertente vencellada a música, un terceiro sobre a bibliografía e outro máis sobre sociedade e activismo.
Explorando textos, imaxes, audios... resolvense retos de dificultade media que van aportando as cifras e cores que precisamos para desbloquear o cadeado final.
(este é un esquema da sala de fuga "analóxica")
Na sala de fuga dixital todo isto acontece mentres navegamos libremente por distintos escenarios (un mapa da Coruña no que ir a distintos puntos de interese, un estudo ficticio da autora no que ir picando en distintos elementos, unha rúa da cidade, o conservatorio de música, etc.) na maioría de escenarios os botóns están ocultos así que haberá que ir probando, investigando e deducindo ata atopar e resolver os retos. (Podes acceder á sala de fuga dixital AQUÍ ou máis abaixo)
Por outra banda, na sala de fuga "analóxica" o escenario constrúese (no meu caso na biblioteca do centro) emprego libros da autora, tamén algunha da publicacións deste ano relacionadas con ela, recortes, uns botóns, etc. a mecánica é semellante, poden investigar polo espazo e resolver os retos como vaian atopando ou desexen ata ter os números e cores precisos (eu prepareina para realizar en pequenos equipos, non todos á vez)
Non é nada doado intentar explicar así a sala "analóxica" pero fixen un .pdf cos materiais básicos engadindo un mínimo de explicación sobre como preparala, non sei se pode ser comprensible pero se a alguén lle é de utilidade pode descargalo.
Cartaz colaborativo: Fixen un cartaz conmemorativo todo formado por cadriños que se pintan seguindo un código para formar a imaxe final. Se o queres empregar só tes que descargar, imprimir, repartir, colorear seguindo o código e montar. (Eu emprégoo na sala de fuga, cada equipo ten no seu cofre final algunhas das pezas e cando pasan todos os equipos montamos o cartaz)
Así que se alguén lle é de utilidade ou algo pois aquí queda todo o que puiden e eu feliz.
Non me despido sen antes decir que tanto na Web da sala de fuga dixital coma no material da "analóxica" hai un apartado (ou unha páxina) de fontes, cun montón de referencias, webs, publicacións, .pdfs, guías didácticas, vídeos, tamén os libros físicos que máis usei... etc. Seguramente deixei algunhas cousas pero moitos dos recursos que empreguei máis a cotío no traballo ou que me pareceron máis interesantes están aí e poden ser de utilidade, por se queredes botar un ollo.
Puf, isto si que é "moito texto" e non o que din por aí, semella imposible que alguén chegue a ler ata esta liña pero se é así grazas polo interese e saúdos desde a fiestra! <3
Non é ningún segredo que me encantan estas datas e sacarlles partido nas aulas; e se aproveitando que traballamos cincocentas cousas podo facer ao tempo que ao alumnado tamén lle interesen, divirtan e teñan querenza polo noso, pois mira...
Quedan aquí algúns xogos e materiais de Samaín que se suman a outros dos anos anteriores...
Se facedes CLIC aí ou na seguinte imaxe podedes descargar o PDF interactivo no que cada botón da esquerda do epígrafe vos leva directamente ao arquivo correspondente para descargar e empregar.
No arquivo hai desde xogos imprimibles a textos, un mapa para os Beebot, música...en fin, unha pequena escolma, un ano máis.
Van uns exemplos do que atopar:
Xogo "Onde vive quen", un sinxelo xogo de conversas con final aberto no que 8 personaxes (ánima, compaña, calvaquiño...) buscan o lugar idóneo onde vivir (cova, casa encantada, hórreo perdido...) as curtas descricións e a comunicación faran que tratemos de axudalos (instrucións no arquivo)
Manual das bruxas mariñeiras: Baseado no libro "O manual das bruxas" de Malcom Bird está este sinxelo "Manual das bruxas mariñeiras", eu imprimino coma "folleto" é dicir sendo cada páxina un A5 para ir completando os manuais.
Un mapa de misterios de Samaín:Un mapa dunha illa chea de misterios de Samaín que explorar cos Beebot. Está listo para imprimir e cortar cada peza axustado aos desprazamentos dos Beebot.
Atopa o argumento para a túa historia: Unha sinxela plantilla na que empregando a inicial, día e mes de nacemento podemos atopar unha idea da que xurda unha fantástica historia de Samaín.
Xornal de Samaín: 5 artigos adaptados e algunhas ideas de uso, ten un espazo na cabeceira de cada páxina para poñerlle nome ao xornal, pode ser o nome da biblio, da aula... (o noso proxecto deste curso vai da costa e cultura de mar de aí que moita temática intentemos relacionala...)
Seguramente deixo cousas polo camiño mais tamén podedes fedellar por entradas doutros anos e se algo vos é de utilidade, pois clic e listo para ser empregado.
Un ano máis deixo a miña axenda por se a alguén lle é de uitlidade, como digo sempre é un caderno moi sinxelo, o xusto para o que eu emprego, nin máis nin menos... eu avalío, anoto, etc. en dixital (no iDoceo) mais non logro renunciar a empregar a miña axenda diaria en papel... costume, supoño.
Se alguén quere os documentos só ten que facer clic e poderá descargar os arquivos listos para imprimir a dobre cara.
Hai un arquivo coa axenda en vertical na cal unha semana vai en dúas páxinas (é a que emprego eu) e outro formato máis compacto no cal a axenda ten un formato apaisado de xeito que cada semana completa sae nunha única páxina.
Actualización: Houbo algunhas persoas (catro, non pensedes) que preguntaron pola axenda interactiva que fixera o ano pasado... e velaí vai, adaptei de novo a axenda para que se poda empregar nos dispositivos (por exemplo con GoodNotes no iPad) e coido que quedou ademáis máis manexable que a do ano pasado!
Ademáis deixo uns arquivos cos calendarios soltos para imprimir a calquera tamaño e en vertical ou apaisado (eu emprego uns en A3 para a aula) e outro con algunhas páxinas adicionais por se son de utilidade (portadas, táboas, páxina de aniversarios...)
Velai vai, uns cantos arquivos dos cadernos para un novo curso que comezará, por se son de utilidade ou interese.
Boas, a verdade é que últimamente non estou subindo aquí as cousas... este blogue comezou coma un xeito de gardar experiencias, organizar os materiais... e, de paso, partillalos por se alguén lle eran de utilidade e é o que pretende continuar a ser... os ritmos dependen de moitas cousas, do meu tempo, da voráxine da escola mesmo das propias ganas, sen máis.
Hai varias cousas pendentes pero non quería deixar máis tempo sen partillar esto.
Estiven un tempo consultado e dando voltas arredor das Sensombreiro, e rematei por crear varias cousas.
Unha sala de fuga dixital: Esta sala comeza coa escolla dun dos 4 personaxes que a protagonizan; na aula eu dividin ao grupo en 4 equipos de xeito que cada equipo fixo a sala dun personaxe e na derradeira proba tiveron que xuntar un código de cada equipo para chegar ao logro final, (deixei tamén un apartado por se algúen traballa individualmente e non vai facer as castro misións para que poida acceder ao final por outra vía).
A sala é unha aventura na que ir descubrindo tempos, personaxes, obras e accións das Sensombreiro; mulleres artistas de distintos eidos que compartiros espazos, debates, tarefas e logros con todos os autores de renome da Xeración do 27 (Lorca, Alberti, Dalí...) pero cuxas vidas e obras quedaron sistemáticamente invisibilizadas. A sala de fuga está creada en web (uso preferible en ordenador) e debe empregarse con auriculares ou dispositivo de audio xa que hai moitas pistas, cavilacións, vídeos... para os que se precisa escoitar.
A sala é asequible aínda que esixe, coma calquera sala de fuga, poñer a traballar un pouco o miolo e buscar, probar, inferir, decidir... e procurei non deixar de lado o uso de material real e variado, ou anécdotas e imaxes da época á vez contextualizar, presentar historias e datos que non son, a priori, coñecidos polo meu alumnado.
Uns pequenos xogos de lóxica con tres niveis diferentes, estos xogos están compostos dunhas pistas ou afirmacións e unha grella na que ir marcando para descubrir nomes, profesións e obras dalgunhas das Sensombreiro, teñen unha versión dixital AQUÍ na que cun clic na cela esta se pon en verde, con dous clics márcase en vermello e se picas unha terceira vez borrarase a marca da cela (mais tamén fixen a versión imprimible que vai no documento completo)
Para o traballo sobre o contexto das Sensombreiro e a súa historia fixen tamén un material imprimible ao igual que preparei algunhas biografías descargables para empregar. Xuntei tamén unha sorte de propostas de traballo sobre as Sensombreiro que inclúo no documento así coma os citados xogos de lóxica de pistas e grella.
Todos estos materiais adicionais poden descargarse nun pdf completo NESTA LIGAZÓN.
Así que aquí quedan por se son de utilidade ou interese para alguén, agardo que esteades a ter un bo curso.
O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...
Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.
Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:
"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración, estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.
Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).
Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso"choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...
Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!
Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.
Sen dúbida achégase o curso máis confuso ao que me enfrontei nunca (e mira que ao que rematou chegoulle!); a crise da Covid19 veu para remexelo todo a todos os niveis e a incertidume é inmensa, por máis "protocolos" que publican, as inquedanzas permanecen e sinto que imos cara unha marusía que non sei como navegaremos só que procuraremos non afundir mentres loitamos nas ondas por ter un ensino de calidade e seguro para todos/as.
No medio desta marexada eu tamén procuro áncoras; non podo evitar pensar, programar, "argallar" aínda que as múltiples variables que andan en xogo deixen todo con centos de fíos soltos (se se pode así, ou quizás mellor facelo deste outro xeito, ou se non...) e unha das áncoras foi facer a miña axenda deste curso, non está claro o que levará dentro pero o curso sucederá así que aferreime a unha das poucas certidumes (supoño).
Como sabedes doutros anos a miña axenda é moooi simple porque ao final, é o que uso eu, non son de levar grandes libros de avaliacións e demáis e incluso imprimo por trimestres... (tedes máis info sobre como me organizo nas entradas doutros anos).
Neste caso ten as capas, folla de datos, calendario escolar, horarios (algunha folla extra), portadas para cada trimestre e, diante de cada mes o calendario mensual (ademáis das follas da planificación de actividades (semana vista), claro) este ano procurei inclúir tamén no planificador e nos calendarios datas sinaladas (semana da prensa, día da muller, das Letras, etc.) así como uns sutís puntiños coma fondo de páxina que sirven de guía.
Ademáis tedes aquí outro arquivo con algunhas outras páxinas: portadas para claustros, Consello Escolar, cursos/grupos/PFPP..., a nosa biblio e ideas; tamén a páxina de "Parabéns para tí" e ademáis unhas pequenas fichiñas ou etiquetas para empregar como marcadores: dos meses do curso e de seccións (tamén follas adicionais e unha portada alternativa).
A axenda ten cor pero coido que está tratada dun xeito que se se imprime en escala de grises o resultado non ten porque ser malo, e eu, por exemplo, imprimín as capas (coa portada alternativa) en folios de cor, ben, neste caso nos folios reciclados dos "antigos" esos que tiñan esa tonalidade entre marrón e grisáceo...
Chegará o novo curso e vai facer falta máis que ilusión e profesionalidade,chegará,sen dúbida, entre importantes medidas porque é como ten que ser, ademáis, para min, estas medidas esixen tamén máis investimento e persoal nos centros para minimizar os riscos e á vez procurar unha calidade educativa a todos os niveis; os equipos docentes non somos avaliadores de riscos sanitarios, nin médicos, nin arquitectos, nin... e coido que non podemos asumir tooodo ese tipo de responsabilidades sen axuda, pero isto é outra historia que da para moito... voltaremos ás aulas con ideas e forza, eu devezo porque chegue ese momento e ogallá sexa nunhas condicións seguras para todos/as e con recursos para continuar desenvolvendo experiencias educativas enriquecedoras, diversas, adaptables, participativas, etc. (non podemos dar pasos atrás na calidade...) o escenario non é cómodo e a lectura dos protocolos produce calafríos nalgúns puntos pero, como sexa, a vontade e a ilusión de cada curso están presentes e esas, poden ser outra áncora e outro faro.
Aquí queda a miña axenda,por se é de utilidade para alguén, non hai máis que descargar e imprimir (pódese descargar directamente desde os "slideshares" de arriba (aquí a axenda e aquí as páxinas adicionais) e quedan os arquivos tamén neste cartafol, se hai problemas sabedes que podedes contactar e mándovos os arquivos por mail) mentres, eu sigo procurando áncoras, faros e aparellos cos que navegar o curso que está por vir e mándovos moita sorte e folgos así como agardo tamén que desfrutedes na medida do posible das vacacións porque o certo é que, sen dúbida, van máis que gañadas.
Estamos de volta, ben, case de volta... sabendo que hai a xente á que lle pode ser de utilidade subo a axenda simple deste curso que está a piques de comezar.
Como sabedes, eu levo case toda a organización de calificacións, asistencia, etc. en dixital (emprego iDoceo) mais non deixo de empregar papel á hora de planificar as sesións de xeito que este descargable non é máis iso, un planificador simple, procurando ser o máis lixeiro posible...
O certo é que para este curso que entra, un equipo do cole creamos unha axenda escolar propia, pensada para os nenos e nenas pero... que con tanto traballo e agarimo invertido nela agardo que sexa a que empregue...polo menos en parte; a risco de non adaptarme creei esta co formato doutros anos así que se vos é de utilidade... aquí a tedes!
Coma noutros cursos neste arquivo atoparedes:
Portada
Páxina de datos
Calendario escolar
Horarios
Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
Páxinas de reunións
Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)
Agardo que desfrutedes estos días e voltedes tamén con moitos folgos para o curso que entra! Agardo tamén empregar e priorizar mellor o meu tempo este curso e poder así ir organizando e partillando aquí máis cousiñas por se lle son de utilidade a alguén!😅
Esto está a piques de comezar! Como sei que a moita xente lle pode ser de utilidade subo esta sinxela axenda docente descargable que fixen.
Como podedes ler en entradas doutros anoseu teño case toda a labor de calificacións, anotacións, programación, etc. dixitalizada (emprego principalmente iDoceo, moi útil e completa pero con moitísimo que trastear) así que esta axenda é en esencia un simple planificador xa que procuro que sexa moi lixeiro, de feito, sabedes por outros cursos que adoitei imprimir por trimestres para non levar peso de máis.
Aquí tedes o curso completo:
Portada
Páxina de datos
Calendario escolar
Horarios
Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
Páxinas de reunións
Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)
Con folgos e moitas ganas de ir subindo cousas que teño pendientes pecho esta entrada, agardo que todos e todas teñades moi boa entrada no curso, a disfrutar!
Chega agosto e pouco a pouco vai voltando a actividade...
Para ir abrindo boca ao novo curso traio algunhas ideas arredor da novela Wonder, é que tiña xa moitas ganas de falar dela polo blogue.
Wonder é un libro (e unha colección) protagonizada por August Pullman, e o certo é que é moi difícil que, se cae nas mans dun docente, este poida resistirse a levalo ás aulas porque é unha marabilla, é coma se todos/as pensáramos "esto é preciso que o lean os rapaces/zas" e, de feito,o movemento xerado por este libro en aulas de todo o mundo é enorme.
O caso é que Auggie é un rapaz de 5º de primaria, ten 10 anos e o síndrome de Treacher Collins, un trastorno xenético caracterizado por malformacións craneofaciais.
No libro "Wonder, La lección de August" [CAST] é el mesmo quen nos conta as experiencias, sensacións frustracións e superacións que vive cando por fin asiste ao cole e tamén distintos personaxes contan a historia desde o seu propio punto de vista.
Aquí traio un material de libre descarga que preparei, neste caso, para empregar cando todo o grupo le a novela ou nun clube de lectura... e está dividido en 4 partes.
A primeira sección do material son preguntas (abertas e pechadas) sobre cada parte do libro para promover o debate, a comprensión e a reflexión.Pódense ir facendo todas, só algunhas, unhas en conxunto e outras de xeito individual...
A segunda son unhas tarxetas de propostas de escritura breve (un ou dous parágrafos) relativas ao libro e esixen un pouco máis de reflexión e elaboración que as preguntas iniciais.
A terceira parte son unha serie de actividades propostas que abranguen distintos estilos (cómic, crítica literaria, poesía, arte...)
E a cuarta é para a realización dunha tarefa en equipo, neste caso unha campaña fotográfica, inclúe as indicacións, pasos, ficha de idea e boceto do grupo e tamén a rúbrica para que a poidan ter presente en todo o proceso.
Coido que si botades unha ollada ao material entenderedes mellor todo isto.
O certo é que o libro parece perfecto para os rapaces da mesma idade de August pero tamén é moi sinxelo de ler e cada parte está dividida en mini capítulos de apenas unha páxina; xenial para traballar a distintos niveis, en distintos momentos e de distintas formas xa que se adapta desde tempos moi curtos de lectura compartida e traballo a procesos máis longos, así que se aínda non lle botaches unha lectura, anímote a que o fagas.
Por certo, uns apuntes finais; aínda que este material está en galego, de momento, a novela non está traducida e a lectura facémola en castelán e outra cousa interesante é que se fixo unha peli baseada no libro que pode ser un bo recurso para culminar todo o traballo sobre o mesmo! Pouco a pouco volto á fiestra con máis cousiñas, agardo que esteades a disfrutar do verán! Saúdos desde a fiestra!