Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións

22/04/2019

Día do Libro. Propostas e descargables.

Este ano o Día do Libro queda un pouco atropellado coa volta das vacacións, de feito, no centro no que estou optamos por convertilo en varias xornadas. 


Sempre penso que, aínda que todas as conmemoracións que se realizan na escola só destacan puntos nos que se traballa (ou debe) diariamente tamén son un punto forte, un día ou momento para dedicarlle máis atención, para diversificar actividades, para visibilizar, etc. e todo depende da carga de contido ou profundidade coa que se traten, unhas acaban por botar máis raíces que outras, mais coido que é o normal.

Aquí van alguhas propostas que fixen, por se vos son de utilidade.

O primeiro vai en relación ao díptico anual da Consellería. Este ano ten un poema de Marilar Aleixandre así que nada máis sinxelo que aproveitar este recurso, aquí tedes unhas fichiñas de distintos niveis por si as queredes descargar e empregar.


A miña segunda proposta son as "Xerras Literarias". 

Serán capaces os alumnos/as de reducir algun conto, libro, historia á súa expresión máis mínima sendo aínda así recoñecible?. 

É un exercicio de síntese e creatividade do que agardo bastante. No momento que se me ocurriu o primeiro que fixen, claro, foi facer a miña que é esta que vedes á marxe. 
Trátase de plantexar o exercicio como se dun proceso químico fora, que elementos simples, combinados maxistralmente poden facer esta historia identificable e única? 

Buscamos a esencia...





Nos tamén facemos maratón de lectura co apoio e colaboración das familias do alumnado que moi amablemente préstanse a ler contos durante a(s) xornada (s) aos distintos grupos no espazo de biblio, son momentos que o alumnado agradece e disfruta un montón.

Están os clásicos obradoiros de puntos de libro, dos máis sinxelos a verdadeiras obras de arte que se poden desenvolver en cada aula, basta botar unha ollada pola rede para atopar milleiros de xeitos de facelos, con paiños depresores, de origami, con limpiapipas, flores secas...


E tamén pode ser o momento de crear unha obra literaria conxunta, unha tola historia á que cada grupo aporta un pouquiño para deixarnos sorprender polo resultado final.



Outra actividade moi chula é a poesía (o non poesía) susurrada, de facer bó tempo é unha actividade que se pode plantexar facer en exterior. Pódese facer en gran grupo, equipos ou parellas e o material son tubos corrugados e textos ou poemas. Trátase de crear un ambiente un pouco "segredo" ou íntimo ou misterioso... Cada alumno/a escollerá, recibirá ou creará un textiño ou poema e a idea é que cada un sinta que aquelo que vai escoitar é só para el ou ela, é unha peza única, un susurro irrepetible que nunca salirá do mesmo xeito. Os tubos entrelázanse de xeito que a cada lado haxa un alumno/a. Coma se de teléfonos se tratara, un será o que lea (poñéndolle atención á intención, á forma de ler... e do outro lado do tubo terá que haber un receptor/a con este na orella disposto a desfrutar da mensaxe.

Está claro que as posibilidades de proposta son prácticamente infinitas mais aquí quedan algunhas por se vos son de interese, utilidade ou inspiración.

Agardo que teñades unha feliz volta aos coles e feliz día do libro!

Saúdos desde a fiestra!

01/08/2018

Materiais arredor de Wonder

Chega agosto e pouco a pouco vai voltando a actividade...

Para ir abrindo boca ao novo curso traio algunhas ideas arredor da novela Wonder, é que tiña xa moitas ganas de falar dela polo blogue.


Wonder é un libro (e unha colección) protagonizada por August Pullman, e o certo é que é moi difícil que, se cae nas mans dun docente, este poida resistirse a levalo ás aulas porque é unha marabilla,  é coma se todos/as pensáramos "esto é preciso que o lean os rapaces/zas" e, de feito,o movemento xerado por este libro en aulas de todo o mundo é enorme.

O caso é que Auggie é un rapaz de 5º de primaria, ten 10 anos e o síndrome de Treacher Collins, un trastorno xenético caracterizado por malformacións craneofaciais. 


No libro "Wonder, La lección de August" [CAST] é el mesmo quen nos conta as experiencias, sensacións frustracións e superacións que vive cando por fin asiste ao cole e tamén distintos personaxes contan a historia desde o seu propio punto de vista.

Aquí traio un material de libre descarga que preparei, neste caso, para empregar cando todo o grupo le a novela ou nun clube de lectura... e está dividido en 4 partes.

  • A primeira sección do material son preguntas (abertas e pechadas) sobre cada parte do libro para promover o debate, a comprensión e a reflexión.Pódense ir facendo todas, só algunhas, unhas en conxunto e outras de xeito individual...
  • A segunda son unhas tarxetas de propostas de escritura breve (un ou dous parágrafos) relativas ao libro e esixen un pouco máis de reflexión e elaboración que as preguntas iniciais.
  • A terceira parte son unha serie de actividades propostas que abranguen distintos estilos (cómic, crítica literaria, poesía, arte...)
  • E a cuarta é para a realización dunha tarefa en equipo, neste caso unha campaña fotográfica, inclúe as indicacións, pasos, ficha de idea e boceto do grupo e tamén a rúbrica para que a poidan ter presente en todo o proceso.

Coido que si botades unha ollada ao material entenderedes mellor todo isto.




O certo é que o libro parece perfecto para os rapaces da mesma idade de August pero tamén é moi sinxelo de ler e cada parte está dividida en mini capítulos de apenas unha páxina; xenial para traballar a distintos niveis, en distintos momentos e de distintas formas xa que se adapta desde tempos moi curtos de lectura compartida e traballo a procesos máis longos, así que se aínda non lle botaches unha lectura, anímote a que o fagas.

Por certo, uns apuntes finais; aínda que este material está en galego, de momento, a novela non está traducida e a lectura facémola en castelán e outra cousa interesante é que se fixo unha peli baseada no libro que pode ser un bo recurso para culminar todo o traballo sobre o mesmo!

Pouco a pouco volto á fiestra con máis cousiñas, agardo que esteades a disfrutar do verán!

Saúdos desde a fiestra!

08/04/2018

Letras Galegas 2018

Nin cedo nin tarde, unha vez máis achégase o maio e a correspondente celebración do Día das Letras Galegas.

É unha das miñas conmemoracións favoritas pola oportunidade que da, cada ano, de descubrir un autor (neste caso autora, por fin, "só" levamos un balance 54-4...) cos cales ir seleccionando os que máis nos gustan, os que non, as obras que máis nos chaman a atención, as vidas dos escritores/as galegos, etc.



Aquí déixovos a web que elaborei na que creei unha serie de recursos que irei empregando con distintos grupos do meu cole, o certo é que ata o día das Letras é moi probable que esta entrada se amplie en contidos mais vou deixando unha serie de ideas e recursos.

Na web atoparedes:

  • Biografía sonorizada: Unha biografía da autora, escrita para descubrir nela non só a súa traxectoria vital senon tamén seccións susceptibles de ser sonorizadas e ás que lles engadiremos os nosos efectos de son. Poderedes atopar as actividades paso a paso e tamén o material descargable que emprego.
  • Fichas descargables: 6 fichas descargables para o traballo sobre anacos de obras da autora coas que descubrir a esencia da galardoada.


  • Regueifa das Letras: Actividade coa que traballar a regueifa, arte da improvisación versada a través da vida e obra da autora e da propia conmemoración. Atoparedes como desenvolvo a actividade paso a paso e o material descargable correspondente.
  • Pílulas de Victoria: Actividade de traballo audiovisual co que sumerxirnos nun mini-proxecto en grupo para a difusión da vida e obra da autora e ao que incorporaremos realidade virtural nunha fase final. Tamén está o paso a paso e o material.
  • Concurso das Letras: Mini concurso ou test ao estilo do 50x15 sobre a conmemoración e a galardoada e a súa obra.

Podes facer clic na imaxe para acceder á web!



Agardo que botedes un ollo e vos sexan de interese e utilidade os recursos e procurarei actualizar a entrada con aqueles que vaia incorporando.

Saúdos desde a fiestra!

12/04/2016

Día das Letras Galegas: Un video-proxecto!

A falta dun mes para a conmemoración do Día das Letras Galegas aquí ven a proposta para traballala con tempo e chegar ao resultado final na data sinalada.

Temos unha tarefiña que mistura unha pequena investigación sobre o galardoado deste ano, coa creatividade e expresión artística así coma tamén coa introducción a ferramentas sinxelas de edición de video ou un uso funcional para os códigos QR. Que vos parece? Veña, dádelle unha oportunidade e seguide lendo...

Para a tarefa podemos empregar a seguinte ligazón web para orientar o traballo que comezará, recopilando uns cantos datos importantes sobre o galardoado. A quen se lle adica o día este ano? Quen foi? Que escribiu? Que destacamos del?...

 http://patrifulca.wix.com/letrasgalegas


Despois adentrarémonos no proceso creativo, deseñando un pequeno vídeo (ata 30 segundos) con algún dato da vida ou obra o do autor, a nosa proposta é empregar algúns versos ou frases da súa obra acompañados de voz, vídeo, música e/ou fotografía. Faremos o bosquexo da nosa idea paso a paso e despois levarémolo a cabo e editarémolo.

Finalmente crearemos uns códigos QR que alberguen ditos videos para poder expoñelos á entrada do centro, nos cartaces da celebración do día das letras e mesmo nos trípticos do día para que as nosas familias e amigos poidan escanealos cos seus dispositivos móbiles e desfrutar das nosas video creacións.

Este traballo pode plantexarse de distintos xeitos para adaptarnos aos nosos grupos, podemos facer equipos mixtos e que cada un traballe a súa proposta, grupos de expertos que se adiquen a cada fase do proxecto, parellas ou mesmo incluír propostas individuais. Así como destacar os elementos que creamos convintes: a parte de investigación, a creatividade, o desenvolvemento no emprego das TIC, o traballo colaborativo..

Anímovos a probar pequenos retos coma este e a achegarme outras propostas xa que eu teño comprobado o seu funcionamento adaptándoos a distintos tipos de grupos e tanto o proceso coma os resultados remataron sendo moi satisfactorios e enriquecedores.

Agardo que vos guste, saudos desde a fiestra!

27/11/2015

Xosé Neira Vilas na escola. Actividades e recursos.

Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en galego e ademáis de ser libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis traducidos en todo o mundo. 


É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.



O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas: 

Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":

"Eu son 
Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."

desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.

Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:

"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")

Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".

Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.



De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:

Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á bibliotecamergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.

20/09/2015

Recomendación literaria.

Hoxe traio unha recomendación literaria para os máis pequenos, un prezado recurso tanto para infantil coma para os primeiros cursos de primaria. O título en inglés é Press here mais está dispoñible nuns vinte idiomas distintos. 

Press Here é un sinxelo libro interactivo cunha estética coidada e atractiva, á vez que arriscada, que será un éxito asegurado nas aulas.



Este libro, escrito por Hervé Tullet, invita ao lector a comezar presionando un círculo amarelo e non hai mente curiosa que poda resistirse a tal invitación, neste punto da comezo a aventura. Nas sucesivas páxinas o libro solicitará que realicemos distintas accións: axitalo, soprar, dar palmas... e reaccionará ás nosas accións coma por arte de maxia.

Hevé Tullet

Press here ou Un Libro, que é o seu título en castelán, é un recurso útil e divertido para a introducción de formas, cores e verbos así coma para esperta-lo disfrute pola lectura dos máis pequenos; tanto eles coma os adultos quedarán cautivados polo intelixente á vez que simple desta obra que, ademáis, é unha ferramenta eficaz coma desencadeante de actividades e tarefas tan variadas coma sexamos quen de imaxinar; de feito, anímovos a que botedes unha ollada pola rede xa que atoparedes multitude de recursos relacionados coa obra. Este curso empregarei Press Here coma mestra de inglés pero, nin que decir ten, que pode trasladarse a outras áreas, ben sexa lingua, plástica ou mesmo música, como fai Estela Arias neste vídeo

O autor, Hervé Tullet dispón tamén doutros títulos de similares características co compoñente común da interactividade, un dos atractivos máis relevantes destes libros que serán, sen lugar a dúbidas un éxito que alumnos e alumnas desexarán revisitar unha e mil veces.