Amosando publicacións coa etiqueta libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libro. Amosar todas as publicacións

02/02/2017

Que fixo que 15 nenos/as leran máis de 100 libros menos de 3 meses.


A motivación e resultados no tocante á lectura este curso están sendo  moi destacables, de feito, xa son varias as familias que notifican un cambio notable nos seus fillos/as en canto ao hábito lector así que estiven a extraer os factores fundamentais intervintes en tal éxito. Que é o que funcionou e o que foi diferencial? Creo que uns puntos sinxelos pero esenciais extraídos da miña propia experienza poden resultar de interese.

Se ben é certo que os distintos integrantes do grupo serán moi determinantes non é menos certo que a forma de presentación e outros elementos remataron sendo puntos clave.

A solicitude de fichas de lectura obrigatorias é un clásico nos centros escolares que non adoita dar froitos moi relevantes, máis alá de constituír un elemento de pseudoavaliación ("non aprobas porque non entregaches as X fichas solicitadas no trimestre") así que se o que pretendemos e fomentar a lectura e o gusto pola mesma será preciso cambiar un pouco a estratexia.

1. A historia:

A historia introductoria será un punto inicial interesentante que esperte a curiosidade e as ganas polo tanto deberá ser adaptada tanto ao nivel coma ao entorno e contexto.

No meu caso recibimos unha misiva na aula solicitando o noso ingreso no "Clube dos Devoralibros", dita misiva pode incluír tamén algún dato sobre o tema para as familias.

2. Leo porque quero.

Nesa nota informativa además aclaramos que só teñen que recopilar información e opinión daqueles libros que desexen; os que lles pareceran máis sorprendentes, divertidos, interesantes, ou calquera outro motivo, pero non detallamos un número nin periodicidade, non precisan ler un ao mes, nin á semana nin X ao trimestre.


3. Conto o que leo:

Este é. sen lugar a dúbidas o punto máis importante e, considero, que o que fai que todo funcione.
Son innumerables os casos de fichas de lectura e métodos de "fomento da lectura" nas que os rapaces e rapazas entregan unhas fichas que o mestre/a recolle e corrixe e pasan sen pena nin gloria ao contador de libros pero coido que a parte máis importantes para o éxito deste programa foi que os rapaces ensinan as láminas e contan parte do libro que leron diante de toda a clase, (sempre teñen que ter coidado de non contar o desenlace!) así como tamén dan súa opinión ou comentan a quen llo recomendan. De feito a ficha en sí apenas propón datos que recoller máis alá do título, unha breve opinión, un debuxo... (tamén é certo que están nos primeiros niveis de primaria) pero plasma á perfección o seu traballo e esforzo e é un bó punto de inicio e pretexto para facer énfase na súa exposición oral posterior.
Ademáis poden achegar un exemplar do libro para prestar á aula durante un tempo (despois de deixarnos coa intriga moitos/as anímanse a lelo).

É certo que algúns días temos 3, 4 ou máis fichas para contar e opinar pero por outra banda, outros días pode que non haxa ningunha e prometo que nada de esto constitúe unha "perda de tempo", non se trata só de protagonismo, ou o gusto de que alguén pregunte a nosa opinión e agarde unha reposta, ademáis, o que é seguro é que recontar unha historia e dar a nosa opinión ao respecto é un exercicio moi valioso e que sen dúbida está sendo moi beneficioso en distintos ámbitos (lectura, expresión oral, autoestima, memoria, secuenciación...) Por certosempre hai na aula copias das fichas de recollida de datos de Devoralibros que poden coller cando desexen (algúns/has ata as levan de dúas en dúas).



O seguemento do clube (Bonus)

Se ben é certo que podemos incluír un lectómetro individual (colorear unha parte dun debuxo dun mural persoal por cada libro lido e contado, engadir contas de cores a unha pulseira, etc) cando observei que o clube prosperaba a gran velocidade non dubidei en facer un seguemento grupal, neste caso vin por casualidade un contador de clic que acciono cada vez que un alumno/a conta  unha das súas lecturas.



Así, un día con tres rapaces/as contando historias, outro día con 4 ou outro sen ningún de súpeto había 100 libros lidos no contador así que decidín que era o momento de que o grupo recibira outra carta de parte do "SuperDevoralibros!" 

Teño que destacar que nunca lles dixera que pasaría algo ao chegar a dito número nin nada semellante (nin se me pasara pola cabeza) e nin sequera lle dabamos ningún tipo de protagonismo ao contador, por eso incluín esta parte coma "bonus" xa que non foi un elemento determinante en absoluto, senón algo que surxiu a posteriori, coma reacción á aceptación e ao desenrolo dos acontecementos.

O feito e que recinimos a carta e, claro que debe ser, de novo, adaptada ao contexto, grupo e nivel pero eu non dubidei en incluír toda a prosa e historia que considerei precisa (adxúntovola aquí debaixo por si vos da algunha idea) e esta carta prometía unha caixa sorpresa pola realización de tal fazaña.

Na caixa recibida había uns marcapáxinas de agasallo relacionados co entorno do centro e intereses dos nenos/as (neste caso foron baleas), un certificado para cada un que o nomeaba como mestre/a devoralibros oficial, un libro para a aula, algunha gominola, etc.
                            

O certo e esencial é que todo esto non son máis que aderezos, se tivera que sinalar algún punto coma esencial para o bo funcionamento e a mellora significativa do interese pola lectura, sen dúbida sería a non obrigatoriedade e, sobretodo, a exposición oral ante o grupo.


Claro que todo esto pode verse mellorado o modificado dependendo das situacións e grupos, pero agardo que a miña experiencia poida ser de interese ou axuda a alguén. 

Saúdos desde a fiestra!




24/10/2016

Xogos de rol no cole? "Pequeños detectives de monstruos"

Todos coñecemos famosos xogos de rol... eses xogos, que á vez son historias que imos creando mentras xogamos con nós coma protagonistas; uns son de cartas, outros videoxogos, ou con figuras e taboleiro... e despois están aqueles que se crean ou "viven" en primeira persoa. Son un alimento para a imaxinación, a creación literaria, o traballo en equipo e a diversión. Perfecto para a miña aula, pensei.

Coma por arte de maxia atopei nas redes un libro que non dubidei en mercar e certamente, foi un acerto.

O libro (que non é só un libro) chámase "Pequeños detectives de monstruos" (non o atopei en galego pero as historias desenvólvense na lingua que nós decidamos ;) ). 
Este libro, cunha coidadísima e preciosa edición, xa no inicio promete ser un elemento perfecto para achegar o mundo da creación e vivencia de historias e as aventuras de rol a nenos. A partir de 3 anos!


O libro é a guia perfecta para o "detective veterán" onde explica como preparar a nosa partida, é tan flexible que pode adaptarse a distintas idades, grupos, e formas de xogar. Incluso podemos plantexar a nosa partida ou historia cun taboleiro no canto de moverse polos espacios reais (aínda que xa sabemos o que preferirán os rapaces máis novos...)

Ensina as normas de xogo, tamén achega os modelos de "contrato coa axencia de detectives" (que au adaptei para a aula e a lingua), insignias, ferramentas para a nosa misión, e os perfís dun montón de monstros aos que podemos ter que atrapar (o dos segredos, o dos dentes sucios, do lixo...) ademáis dunha aventura de exemplo, historias, novas da axencia... buf.



Así que, ao adquirilo non puiden máis que poñerme a preparar a aventura que ían construír os nenos e nenas (neste caso de 1º e 2º de primaria).
A carta que recibirían solicitando se desexaban unirse á axencia de detectives para resolver o caso, o contrato de detectives, a ficha da misión que terían que levar a cabo, as ferramentas que poderiamos empregar, as pistas poderían atopar (ou non), as insignias que poderían recibir, comunicacións da axencia de detectives...

E paf! a nosa historia comezaba. 

Pode desenrolarse nunha soa sesión, en varias, en equipos, todos xuntos, as posibilidades son moitas e, sen dúbida as oportunidades posteriores tamén son destacables: escribir o que pasou na nosa historia coma un conto, contestar á carta que a axencia nos fai chegar se atrapamos e enviamos ao monstro, escribirlles, deixar algunhas pistas e que pensen ou inventen que tipo de monstro pode estar detrás delas, inventar personaxes...

A verdade é que o libro pareceume incríble para empregar así que si coñecedes máis deste estilo, adaptado aos rapaces, non dubidedes en contarmo. 

Ademáis agora que estamos na semana do Samaín... que mellor que crear unha historia na procura dun monstro fedello que se agocha pola escola!

Pronto publicarei os documentos desta aventura por se queredes desenrolar unha semellante ou coller ideas e se vos tedes algo semellante ou xa probastes este libro estaría ben compartir experiencias.

Agardo que vos resulte interesante e, aproveitando a data, lémbrovos que nesta outra entrada tedes uns libriños descargables para completar sobre o medo, na miña experiencia, os rapaces sempre disfrutan moito reflexionando sobre cada páxina e completándoo!

Saúdos desde a fiestra!



20/09/2015

Recomendación literaria.

Hoxe traio unha recomendación literaria para os máis pequenos, un prezado recurso tanto para infantil coma para os primeiros cursos de primaria. O título en inglés é Press here mais está dispoñible nuns vinte idiomas distintos. 

Press Here é un sinxelo libro interactivo cunha estética coidada e atractiva, á vez que arriscada, que será un éxito asegurado nas aulas.



Este libro, escrito por Hervé Tullet, invita ao lector a comezar presionando un círculo amarelo e non hai mente curiosa que poda resistirse a tal invitación, neste punto da comezo a aventura. Nas sucesivas páxinas o libro solicitará que realicemos distintas accións: axitalo, soprar, dar palmas... e reaccionará ás nosas accións coma por arte de maxia.

Hevé Tullet

Press here ou Un Libro, que é o seu título en castelán, é un recurso útil e divertido para a introducción de formas, cores e verbos así coma para esperta-lo disfrute pola lectura dos máis pequenos; tanto eles coma os adultos quedarán cautivados polo intelixente á vez que simple desta obra que, ademáis, é unha ferramenta eficaz coma desencadeante de actividades e tarefas tan variadas coma sexamos quen de imaxinar; de feito, anímovos a que botedes unha ollada pola rede xa que atoparedes multitude de recursos relacionados coa obra. Este curso empregarei Press Here coma mestra de inglés pero, nin que decir ten, que pode trasladarse a outras áreas, ben sexa lingua, plástica ou mesmo música, como fai Estela Arias neste vídeo

O autor, Hervé Tullet dispón tamén doutros títulos de similares características co compoñente común da interactividade, un dos atractivos máis relevantes destes libros que serán, sen lugar a dúbidas un éxito que alumnos e alumnas desexarán revisitar unha e mil veces.