Como xa fixen outros cursos aquí ven "A conta atrás", só hai que escoitar cantas veces nos din eso de "faltan 29 días para o meu cumple", "dentro de 37 días vou..." e demáis para saber canto lles gustan estas cousas das contas atrás aos rapaces/zas.
Eu, adoito facer unha conta regresiva á fin do curso na que cada día imos abrindo unha actividade distinta durante os 10 días finais. Eles/as agardan o momento de abrir a sorpresa diaria con emoción e pasámolo xenial, a verdade. Nesta ocasión atoparmos actividades de equipo, xogos, manualidades, bailes...
Este especial "calendario de advento" fíxeno en formato dixital e pódese empregar na pizarra da aula... se pasades por enriba do botón de cada número atoparedes a actividade proposta e o recurso ou descargable se o precisa aínda que poderían meterse as tarxetas das actividades en globos que se van estourando co paso dos días, sobreciños... esas cousas!
(Tamén podes acceder a esta conta atrás directamente facendo clic NESTA LIGAZÓN)
Agardo que vos sexa de utilidade ou inspiración a conta ou algún dos recursos que podedes ver ou descargar dela e pronto máis cousas dos días finais! Saúdos desde a fiestra!
Nin cedo nin tarde, unha vez máis achégase o maio e a correspondente celebración do Día das Letras Galegas. É unha das miñas conmemoracións favoritas pola oportunidade que da, cada ano, de descubrir un autor (neste caso autora, por fin, "só" levamos un balance 54-4...) cos cales ir seleccionando os que máis nos gustan, os que non, as obras que máis nos chaman a atención, as vidas dos escritores/as galegos, etc.
Aquí déixovos a web que elaborei na que creei unha serie de recursos que irei empregando con distintos grupos do meu cole, o certo é que ata o día das Letras é moi probable que esta entrada se amplie en contidos mais vou deixando unha serie de ideas e recursos.
Biografía sonorizada: Unha biografía da autora, escrita para descubrir nela non só a súa traxectoria vital senon tamén seccións susceptibles de ser sonorizadas e ás que lles engadiremos os nosos efectos de son. Poderedes atopar as actividades paso a paso e tamén o material descargable que emprego.
Fichas descargables: 6 fichas descargables para o traballo sobre anacos de obras da autora coas que descubrir a esencia da galardoada.
Regueifa das Letras: Actividade coa que traballar a regueifa, arte da improvisación versada a través da vida e obra da autora e da propia conmemoración. Atoparedes como desenvolvo a actividade paso a paso e o material descargable correspondente.
Pílulas de Victoria: Actividade de traballo audiovisual co que sumerxirnos nun mini-proxecto en grupo para a difusión da vida e obra da autora e ao que incorporaremos realidade virtural nunha fase final. Tamén está o paso a paso e o material.
Concurso das Letras: Mini concurso ou test ao estilo do 50x15 sobre a conmemoración e a galardoada e a súa obra.
Este curso estamos devorando propostas de escritura creativa e expresión oral a velocidade de vertixe! Así que non queda outra que ir engadindo as novas propostas!
Funcionan, motivan, son divertidas e creativas e fannos mellorar tanto a expresión oral coma a escrita de xeito moi notable, de verdade que recomendo moito que as probedes en moitos niveis porque é moi sorprendente.
Antes de nada déixovos a primeira entrada deste tipo que fixen, na que xa había 20 propostas e ideas de como usalas. Comentarvos que tamén están dando boísimos resultados empregándoas como recurso para o desenvolvemento da expresión oral, non imaxinades os argumentos tan convincentes que dan os rapaces de primeiro para nos convencer de que cada un deles merece "o último pedazo de pizza do mundo" :)
Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en
galego e ademáis de ser
libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis
traducidos en todo o mundo.
É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.
O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas:
Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":
"Eu son Balbino.
Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."
desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.
Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:
"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo
como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí,
nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada
conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra
saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")
Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".
Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.
De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:
Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á biblioteca e mergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.