Amosando publicacións coa etiqueta organización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta organización. Amosar todas as publicacións

27/08/2019

Axenda simple 2019-2020

Boas!
Estamos de volta, ben, case de volta... sabendo que hai a xente á que lle pode ser de utilidade subo a axenda simple deste curso que está a piques de comezar.



Como sabedes, eu levo case toda a organización de calificacións, asistencia, etc. en dixital (emprego iDoceo) mais non deixo de empregar papel á hora de planificar as sesións de xeito que este descargable non é máis iso, un planificador simple, procurando ser o máis lixeiro posible...

O certo é que para este curso que entra, un equipo do cole creamos unha axenda escolar propia, pensada para os nenos e nenas pero... que con tanto traballo e agarimo invertido nela agardo que sexa a que empregue...polo menos en parte; a risco de non adaptarme creei esta co formato doutros anos así que se vos é de utilidade... aquí a tedes!

Coma noutros cursos neste arquivo atoparedes:
  • Portada
  • Páxina de datos
  • Calendario escolar
  • Horarios
  • Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
  • Páxinas de reunións
  • Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)





Agardo que desfrutedes estos días e voltedes tamén con moitos folgos para o curso que entra! 

Agardo tamén empregar e priorizar mellor o meu tempo este curso e poder así ir organizando e partillando aquí máis cousiñas por se lle son de utilidade a alguén!😅

Saúdos desde a fiestra!

10/08/2017

Axenda simple do 2º e 3º trimestre. Descargable

Hai uns días, nesta entrada, explicaba ou meu método "mixto" de organización no cal a axenda física é só un acompañamento necesario para min pero lixeiro que divido en trimestres mentres que o "peso" lévao o soporte dixital (visita a entrada anterior se queres saber máis sobre isto).


Aínda que para min é moi comodo levar só un caderno A4 delgadiño tamén comprendo a posible utilidade de ter todo o curso xunto de xeito que aquí van os outros dous pedazos da axenda simple que continúa co formato e estética que decidín para este curso e que podedes descargar libremente.





Agardo que vos sexa de utilidade e lembrade que tedes a parte do primeiro trimestre na entrada anterior.

Moi pronto entramos de cheo nos proxectos, tarefas e materiais de aula que devezo por ir compartindo en canto poida!

Saúdos desde a fiestra!

19/03/2017

Axenda docente do terceiro trimestre

O tempo pasa voando... e coma quen no quere a cousa xa estamos inmersos en sesións de avaliación, boletíns e cerrando o segundo trimestre.




Coma fixen nos outros dous aquí deixo a axenda docente que emprego eu, é a que me facilita programar as actividades de aula xa que para o resto de datos (asistencia, rexistros de calificacións de traballos e probas, equipos, etc.) emprego o formato dixital. 

Personalmente para esto emprego a aplicación IDoceo pola súa capacidade de personalización, versatilidade, etc. mais nesta outra entrada xa recomendei outras que tamén funcionaron moi ben comigo e teñen certas vantaxes coma que son menos "engorrosas" aínda que permitan menos modificacións.

Aquí podedes acceder á axenda lista para ser descargada e imprimida a doble cara, o certo é que estou moi satisfeita con ter dividido a axenda nos tres trimestres para non cargar cun formato innecesariamente pesado e pouco manexable como o que empreguei nalgunha outra ocasión.



Deséxovos a todos e todas que teñades moi bo final e inicio de trimestre, que manteñades a ilusión, que as carreiras por abranguelo todo non vos amolen e disfrutedes da viaxe e que non esquezamos que a aprendizaxe está no proceso e non no resultado.

Moi pronto teredes por aquí máis ideas, proxectos xogos e experiencias que xa estou desexando partillar en canto lle roube un pouco de tempo ao tempo.

Para abrir boca déixovos un video realizado co galo do 8 de marzo, día da muller. Fixemos un pequeno estudo da orixe da celebración do día, análise da situación actual, un amplo debate que nos levou varias sesións, etc. no que tamén empregamos este outro video que realicei para visualizar aspectos relevantes da conmemoración deste día, e tras moito conversar e confrontar ideas fixemos unha lista común de enunciados para a creación do video.





Saúdos desde a fiestra!

18/08/2016

Organizando o curso: axenda docente e apps.

A pouco de comezar un novo curso escolar pareceume boa idea traervos os materiais esenciais cos que organizo os meus días.

Xa vai uns anos que optaba por ter todo (ou case todo) dixitalizado, para o cal empregaba unha tablet, mais, a gran cantidade de grupos e alumnos/as aos que din clase o ano pasado fixéronme ter que engadir, de novo, parte de soporte en papel e, este curso, optarei por unha opción combinada, sinxela e, sobre todo, lixeira. 

A mistura da que vos falo consiste, no meu caso, en empregar as aplicacións de xestión docente da que vos falo un pouco máís abaixo para todo tipo de calificacións e rexistros do alumnado coma viña facendo e empregar unha axenda trimestral en papel que elaborei para a planificacion de distintas actividades ou proxectos de aula ou para anotar todo o que considero que debe estar máis á man ou é máis útil aí que no dispositivo.



axenda en papel que podedes descargar e imprimir é moi sixela, consta só catro elementos diferenciados:
- Unha portada.
- A folla dos datos persoais.
- Unhas plantillas para incluír os horarios que precisemos (persoais, de grupo, de aulas, biblioteca...)
- Un calendario escolar (neste caso o que teñen colgado na web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística)
- As follas de planificación semanal que constituirán o groso da axenda; cun pequeno calendario na parte superior e moito espacio en cada día para completar todo o necesario en cada sesión ou periodo, etc.
- Unha portada interior de anotacións que da paso a algúns folios en branco (ou ben papel pautado ou de cores) para anotacións varias.

Incluín tamén dous separadores que se poden eliminar mais están coa fin de que se imprimimos todo o documento a doble cara quede cada páxina no seu lugar  e vexamos a semana completa ao abrir o caderno.

Esta axenda comprende desde  o inicio de Setembro ata finais de Decembro e, en Xaneiro, comezarei unha similar coa fin de que sexan funcionais e lixeiras. 
Sobre as aplicacións de xestion docente; por si vos sirve de referencia, os anos nos que traballaba só cunha tablet con sistema operativo Android probei diversas Apps como a de Additio pero sen dúbida a miña favorita naquel tempo foi "Cuaderno del Profesor" (ten versión Lite, gratuita e outra de pago) intuitiva moi, moi simple e super eficiente, mais seguro que agora hai outras moitas opcións máis completas. (Tamén empregaba ferramentas de Google para completar a dixitalización de todo o necesario, desde as reunións, programacións de aula, recordatorios...)

Agora, levo dous cursos completos nos que o que emprego é un iPad e, para o seu sistema operativo, a oferta de Apps de xestión docente é enorme. Tras probar e indagar, comecei a usar iDoceo, unha aplicación con miles de usuarios, e, sen dúbida, é a que maís me gusta e a que mellor se adapta no meu caso.



Pode resultar confusa ao principio xa que non é tan intuitiva coma os outros exemplos mais esto é o que permite que sexa moi personalizable e adaptable á situación de cada docente. Podes crear e descargar moitos tipos de plantillas para notas de toda índole, combinalas, modificalas, engadir as célebres rúbricas, etc. En definitva, é unha aplicación coa que, se lle adicas un pouco de esforzo ao comezar o curso, aforrarás moito tempo durante o resto de meses e terás todo organizado e sinxelo para xestionar; un gusto.

Ademáis, nestas aplicacións tamén temos outras moitas funcionalidades que podemos explorar: diario, apartado para todo tipo de datos do alumnado, xestión de faltas, exportación de datos a documentos ou para imprimir, planos da aula para organizar mesas ou recunchos... de xeito que cada un acabaremos por empregar aquelas que nos axudan ou facilitan máis a nosa labor concreta nos centros.

En resumidas contas, coa axenda impresa e a apliación iDoceo é como eu comezarei a organizar o novo curso escolar aída que é un aspecto que vou adaptando ás necesidades de cada ano así que engadirei novos aspectos e materiais en futuras entradas.

Agardo que cheguedes coas pilas moi cargadas e con moitas ideas para o novo curso!
Saúdos desde a fiestra!