Amosando publicacións coa etiqueta dixital. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dixital. Amosar todas as publicacións

13/02/2022

Recursos para o noso entroido choqueiro

 Boas, 

O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...

Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.


O primeiro é comentar que temos, de balde, na rede
dous arquivos que serviron de moito para a documentación e traballo inicial, son "Choqueiros. Breve crónica histórica do Carnaval coruñés ata 1882" e "Choqueiros e "mascaritas", Crónica viva do Antroido coruñés. 1883-1936" ambos asinados por Xosé Alfeirán.

Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:

"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración,  estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.

Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).

Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso "choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...


Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!

Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.

Saúdos e saúde desde a fiestra!

16/04/2020

Letras Galegas 2020: Carvalho Calero! Un "escape room" dixital.

16 de abril! 
Non sei como chegamos ata aquí pero de súpeto resta só un mes (e un día) para o Día das Letras Galegas, un Día das Letras que non se sabe como vai transcurrir, polo de agora con actos oficiais adiados a outubro e con voces que se erguen pedindo un 2021 para Carvalho Calero... é que... tantos anos agardando por un Día das Letras para el e agora... semella que temos outras cousas máis urxentes que atender.

O certo é que si, afirmativo, temos outras cousas máis urxentes que atender pero ben, aínda así achego a miña proposta, adaptada a tempos de confinamento. 
É unha proposta pensada para 6º de primaria e secundaria (tamén para que a probedes os adultos).

O caso é que eu, en terceiro ciclo, como sabedes, adoito crear unha especie de "Break Out" ou "EscapeRoom" distinto cada ano (aquí no que liberaron o antídoto contra a desigualade o ano pasado) e este ano faría algo similar... mais as cousas mudaron pero seguindo un pouco ese espíritu e pensando en que tiveran algo semellante pero desde o fogar creei este "Break Out" dixital.

É un xogo de pistas, códigos, investigacións... como unha serie de puzzles con informacións sobre o Día das Letras e sobre Carvalho Calero para ir descubrindo e que van dando contrasinais para ir de pista en pista obtendo información.
Por suposto, eu tamén agardo e desexo estar nas aulas para o 15 de maio (o 17 é domingo) pero como todas e todos sabedes, polo xeral, o traballo para o descubrimento e coñecemento do homenaxeado adoita comezar bastante antes... así que esta foi a miña argallada para ilo facendo.

Un xogo que nos reta e pretende entreternos un anaco do día e, de camiño, descubrirnos a Ricardo Carvalho Calero e o seu enorme labor a prol da nosa lingua.





O xogo coido que funciona de xeito aceptable nos móbiles mais sempre será máis doado usalo en ordenador, é unha forma de achegar a celebración do día e tamén información sobre o homenaxeado, a súa vida e obra, aos fogares (ou aulas de informática...) Encantaríame que o probarades se vos apetece (e que participarades do "Cadavre Exquisito" final tamén...).



 


Déixovos co xogo, por si a alguén lle é de utilidade, como todo, podedes empregalo libremente, compartilo,...

Agardo que vos sexa de interese e/ou utilidade. 

Saúdos e, sobretodo, saúde desde a fiestra!