Amosando publicacións coa etiqueta refuxiados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta refuxiados. Amosar todas as publicacións

12/01/2018

Día da paz 2018

Chega xaneiro e con el o Día escolar da Paz en Non Violencia.

Ás veces semella moi superficial esta conmemoración pero darlle peso que merece é, para min, moi importante.



Por suposto, a educación pola paz e outros valores é un percorrido diario na escola, é algo que se fomenta e traballa día tras día e hora tras hora con palabras e con feitos pero esto non resta importancia á celebración do día sinalado xa que este é unha oportunidade anual única para deterse, falar, pensar, compartir, reflexionar, descubrir... 

Para min, non importa se escollemos unha causa, un personaxe destacado, unha nova de actualidade, unha acción local, un conto, citas... se o tratamos en xeral ou deténdonos máis nalgún aspecto; o que verdadeiramente importa é crer de verdade e transmitir que a paz non é un conto de nenos, que o día non vai de recortar unha pomba, que o día vai de recordar ao alumnado que eles  son quen, que a súa voz está para ser escoitada e que eles son esenciais para facer a sociedade e o mundo mellor (e nós tamén).

Lembro que o curso pasado unha iniciativa chamada #CantaPorSiria que comezou nunha escola e percorreu centos de centros sumando máis e máis colaboradores/as, este ano sucede algo semellante. Perdeu tirón nos xornais pero a situación dos refuxiados nun e outro lugar é, se colle, peor este inverno. 
A iniciativa deste ano leva o mesmo camiño que a anterior, a cuestión é, claro traballar sobre a problemática dos refuxiados (do mundo enteiro) desde o punto de vista dos valores, empatía, concienciación, servizo social, etc.



Aproveito para lembrar que tedes nesta entrada e nesta outra, dous proxectos sobre os refuxiados que fixen, o primeiro emprégoo en 1º/2º de primaria e o segundo é para niveis máis altos, son traballos bastante adaptables que vos poden dar materiais ou ideas para traballar o tema se así o queredes.

O caso é que a iniciativa, proposta polo grupo de mestres/as de música de Castela e León Imusicar non persegue só difundir unha canción, pretende que o tema se traballe nos centros e, a ser posible constribuír tanto coa acción educativa como coa canción e outras propostas a través de ONGs.

Nesta web reunín algún material e o centro da proposta que inclúe a base musical que fixeron, a adaptación da letra ao galego, o audio guía coa letra en galego... A canción comeza suave e só con piano pero pronto entran as percusións e guitarras e faise sinxela de preparar nas aulas.


Ogallá que moitos/as vos animedes a unirvos á proposta dos profes de IMusicar e alcancemos algún dos obxectivos, espero que vos sexa de interese.

Saúdos desde a fiestra.


Outras entradas sobre o día da Paz:



19/01/2017

Proxecto: Nos pés dos refuxiados a partir de 1º de primaria.

Vai un tempo publicaba esta entrada cun pequeno proxecto para 5º e 6º sobre o tema dos refuxiados que me deu moi bos resultados e foi unha moi grata experiencia de traballo.

Aínda así, andiven na procura desesperada doutras experiencias, ideas, recursos, etc. sobretodo para niveis máis baixos (A partir de 5º e 6º a verdade é que hai máis material que se adapta a eles, traballo con películas, organizacións, etc.). Grazas á rede e a algúns contribuíntes logrei descubrir algo máis de material accesible e algunha idea para así misturalo todo coas miñas ideas e o que eu buscaba para o meu grupo para xerar un proxecto funcional para 1º e 2º  (apto tamén para adaptarse a 3º e 4º).

(Fai clic na imaxe para acceder á web do proxecto)

O certo é que ás veces non son temas sinxelos de traballar cos niveis máis baixos pero co recurso axeitado e unha forma de desenvolvelo adaptada o resultado é moi, moi bó.

O proxecto comeza e pivota sobre un eixo central, o conto "La pequeña Carlota". Atopeino na web da fundación ACNUR e está dispoñible, de xeito gratuíto, en vídeo, en .pdf e tamén cunha guía e material de apoio ao profesorado. Este conto ten unha delicada e orixinal forma de narrar a viaxe dunha nena refuxiada e foi o punto clave para o desenrolo do proxecto.

Nesta web, tedes detallados todos os pasos que seguimos no proxecto, os exercicios, cartaces, debates, etc. que desenvolvimos.

Partindo do conto, traballamos sobre os sentimentos da protagonista, as necesidades básicas, etc. tamén traballamos cunha historia fotográfica que ampliou e deu máis realismo ás vivencias de Carlota; cunha dinámica de grupo nos fixemos "Señores/as Bo Refuxio" e fixemos gala da hospitalidade, solidariedade, etc.
Tamén aportamos luz e positividade ao asunto vendo coma distintas organizacións, concellos e colectivos se solidarizan e organizan para axudar aos refuxiados/as e tomamos outra perspectiva transformando con creatividade misiles en cousas positivas.

Coma punto tamén importante fixemos un repaso e traballo sobre a carta dos Dereitos Humanos, reflexionando sobre cales están sendo vulnerados.
Para rematar escribindo en grupo a carta que lle mandariamos ao actual presidente das Nacións Unidas (que sabemos?, que pensamos?, que se vulnera?, que pedimos?, como apelamos?...)

Todo isto tédelo máis detallado, explicado e con todo o material para descargar na web do proxecto así que vos animo a visitala.

Estando xa inmersos neste proxecto enterámonos dunha iniciativa que naceu en Castela e León e se foi estendendo por todos os centros do territorio, tratáse da interpretación dunha coñecida canción ("Como te atreves a volver") á que unha rapaza de 6º lle adaptou a letra, aquí aquí (ou en moitas outras webs, blogs e en redes sociais se buscades #CyLcantaPorSiria, #EspanaCantaPorSiria, etc.) tedes información e material para traballar dita canción se gostades de facelo coma colofón ao proxecto ou a algún outro tipo de traballo sobre o tema que lles dea unha visión do caso e reflexión antes da canción.

ACTUALIZACIÓN: A iniciativa da canción continúa difundíndose sen descanso polos coles e xa temos a versión en galego. Así que púxenme mans á obra e fixen o video karaoke da mesma. Podedes decargalo libremente AQUÍ!




Agardo que vos sexa de interese, inspiración e/ou utilidade o proxecto que no meu grupo está funcionando moi ben e no que os rapaces/as están moi implicados/as e co que estamos aprendendo un montón de cousas sorprendentes.

Podedes pasar tamén por esta outra entrada na que propuxen outro distinto para 5º e 6º sobre o mesmo tema.

Saúdos desde a fiestra

28/03/2016

Tarefa: A voz dos refuxiados.

Chega o terceiro trimesre do curso e comezamos cun novo recurso co que pretendemos achegar información sobre a crise dos refuxiados aos nosos alumnos/as cunha actividade colaborativa, reflexiva e tamén creativa.

Está plantexada para a área de Educación Musical debido ao producto final que imos elaborar máis é evidente que o tema tratado é necesariamente extensible a diversas áreas. Tamén esta orientada a niveis de 5º ou 6º xa que ten fases que requiren certo nivel de autonomía na aprendizaxe máis todo dependerá das características dos vosos grupos.

(Podes facer clic na imaxe para acceder á web da tarefa!)

Unha vez máis temos a tarefa organizada nunha web e comezamos por botar unha ollada a que sabemos de inicio sobre o tema. Para esto, a parte de mostrar as nosas ideas elaboramos unha nube de palabras colaborativa cunha ferramenta como Answergarden (permite facer nubes cooperativas de xeito moi sinxelo).

Nunha segunda fase recopilaremos información veraz, interesante e comprensible e agruparémola en tres apartados: Historia e sociedade (infografías, artigos, documentais...), ONGs (recopilamos información e ligazóns sobre como actúan certas ONGs con respecto a este tema) e en terceiro lugar: artes (recopilamos distintas manifestacións artísticas relativas ao tema; cartaces, murais, fotos, cancións, viñetas...).
Así despois poderemos analizar as nosas tres seccións e facer un coloquio sobre o tema no cal podemos incluír o visionado dalgún video, as nosas impresións sobre algún dos artigos visitados e incluso solicitar a elaboración unha entrada de blogue que resuma e ilustre cada apartado. 

Coa fin de comparar visualmente a diferenza entre o que sabíamos antes e despois de recopilar e visitar a información elaboraremos unha nova nube de paralabras colaborativa para analizar que novas palabras aparecen e en que grado esta nube reflicte os nosos novos coñecementos e impresións.


A fase final é a máis creativa e na que elaboraremos o noso producto, escolleremos unha base musical (a web oferta dúas opcións) e en gran grupo escribiremos o retrouso atendendo á rima, á metrica e por suposto á mensaxe que imos enviar, despois, en pequenos grupos escribirán a letra das estrofas que faltan e finalizaremos o proceso creativo. Logo só falta pulir, ensaiar e compartir o noso xeito de alzar a voz polos refuxiados na radio escolar, en actuacións, nas redes... 

Cómpre destacar que a web tamén inclúe unha sinxela rúbrica que servirá de guía para a avaliación do desenrolo de toda a actividade.

Así, este recurso pode constituir un xeito motivador, creativo e sinxelo de achegar información e desenvolver un pensamento crítico, reflexivo e razoado a redor da crise dos refuxiados, drama  que non ten por que ser alleo á escola.


Anímovos a que o empreguedes e modifiquedes para adpatalo ás vosas necesidades así como a que acheguedes tanto resultados como as vosas ideas sobre se tratades e como tratades temas coma este nas vosas aulas.


Saúdos desde a fiestra e feliz comezo de trimestre para todos e todas!