13/02/2022

Recursos para o noso entroido choqueiro

 Boas, 

O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...

Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.


O primeiro é comentar que temos, de balde, na rede
dous arquivos que serviron de moito para a documentación e traballo inicial, son "Choqueiros. Breve crónica histórica do Carnaval coruñés ata 1882" e "Choqueiros e "mascaritas", Crónica viva do Antroido coruñés. 1883-1936" ambos asinados por Xosé Alfeirán.

Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:

"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración,  estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.

Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).

Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso "choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...


Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!

Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.

Saúdos e saúde desde a fiestra!

26/10/2021

Fetiches e conxuros de Samaín

 Ola! o curso vai máis que arrincado, a fume de carozo!

Samaín é unha das festividades ás que lles saco bastante partido, entre o outono, os conxuros e tradicións, o seres "máxicos", os medos, a música tenebrosa, os retos artísticos e demáis acabo facendo unha mistura que disfruto moito e na que enredamos prácticamente o mes completo con distintas variables e enfoques educativos.

Coido que rematarei por facer un espazo no que recopilar bastante do que teño desperdigado relacionado con esto, desde propostas de escritura/expresión oral a xogos, ritmogramas, danzas... porque xa nin sei...

Unha das propostas que coido que non gardara aquí son os nosos amuletos ou fetiches de Samaín.

Para esta tarefa falamos dos San Andresiños, esos amuletos feitos co miga de pan propios de San Andrés de Teixido e dos seus "poderes" e misturando esta idea coa da apertura das portas do alén durante o Samaín decidimos crear os nosos propios amuletos.

A receita: Hai varios xeitos de facer a pasta de miga de pan e nós fixemos a nosa propia receita "escolar" empregando pan de molde, cola branca e un pouco de glicerina ou aceite. Picamos o pan e engadimos os ingredientes ata ter un pasta máis ou menos homoxénea e manexable.


As formas: Cada un/ha fixemos polo menos un amuleto, debía ser unha forma bastante sinxela e xa pensando no poder que lle outorgaríamos.

Pintado: No momento xa engadimos a cor, observamos que nos San Andresiños sempre se ve parte sen pintar así que procuramos seguir a mesma idea.
Secado e verniz: deixamos secar botando tamén unha capa de verniz para protexer as creacións.



Os conxuros: Cada un/ha tivemos que crear algúns pequenos versos rimados que indicaran para que sería de utilidade o noso amuleto xa que sen conxuro non tería poder.
Recopilamos todo, fixemeos a tarxeta do conxuro e empaquetamos o noso fetiche!

Tamén engadimos unha tarxetiña coa receita e o conxuro xuntos coma esta:


Os fetiches quedaron moi feitiños e a actividade completiña, misturar a expresión artística coa oral/escrita, rima, métrica, coñecemento da contorna e tamén o feito de pensar contra que nos poderían protexer ou en que nos poderían dar sorte os nosos fetiches foi toda unha experiencia tan divertida coma de valor para nós.

Esta é unha de tantas... irán aparecendo as restantes e tamén hai por aquí cousas doutros anos (tamén hai algo polo Instagram, coma os "contos máxicos" incluído o novo deste curso)

Bo samaín, saúdos e saúde desde a fiestra!


29/07/2021

Axenda docente 2021-2022 descargable

Xa estamos aquí, a piques de entrar en agosto, e chega a axenda docente...

Lembro que o curso pasado escribía sobre que facer a axenda era un xeito de atopar áncora nun curso que se viña plagado de incertezas porque... vaia marexadas levamos desde aquel 13 de marzo, a verdade.

Semella que á "normalidade" aínda lle vai faltar un pouco para chegar ás escolas e imos ter que seguir navegando entre ondas e remuíños (se cadra sempre o fixemos) así que haberá que agarrar os aparellos e botarse ao mar.


Deste xeito chega a miña nova axenda, sendo áncora e faro para min... como sabedes doutros anos é unha axenda/planificador moooi sinxela, mais é o que teño comprobado que funciona para min... (se buscades por "axenda" tedes algunhas entradas sobre como me fun organizando varios anos)

A axenda ten as capas, folla de datos, calendario escolar e parte para os horarios e despois follas para dividir os trimestres (poderíades movelas de sitio se fora preciso) un calendario de cada mes ao principio do mesmo con algunhas datas sinaladas e as follas da programación (semana vista)na que tamén se sinalan algunhas datas de interese. É dicir, o formato xeral é coma o dos outros anos e tamén repito o de incluír uns sutís puntiños de fondo que sirven de guía na escritura xa que estiven cómoda con eles...




Persoalmente imprimo en A4 (a dobre cara), o arquivo está listo para imprimir así sen máis (ou mandar a imprimir) e xa se podería encadernar (eu teño un caderno Filofax reutilizable de hai uns anos e é o que estou empregando pero é igual que encanutillar).

Ademáis, deixo un arquivo máis que contén: dous modelos de follas de táboa (tipo avaliación/faltas/retos...), un modelo de folla para os aniversarios e portadas simples doutras seccións/cadernos (claustros, cursos, ideas, reunións con familias, biblio...)


Non é unha axenda moi extensa nin con moita historia pero é o que me funciona a min (de feito eu imprimo por trimestres...) pero se a alguén lle é de utilidade aquí está para que a poidades descargar, podedes facelo no arquivo deslizable de arriba mais deixo tres ligazóns alternativas e xa sabedes que podedes contactarme (aquí, no instagram ou onde sexa) e non teño problema en mandala por mail:

LIGAZÓN CARTAFOL DE GDRIVE

LIGAZON WEB DESCARGA DIRECTA ARQUIVOS 

LIGAZON SLIDESHARE AXENDA

LIGAZÓN SLIDESHARE FOLLAS ADICIONAIS

(Teño a sensación de que slideshare está reducindo moito a calidade do arquivo, polo menos eu véxoo peor aí así que recomendo calquera das outras alternativas, se cadra a web da "descarga directa" é o máis sinxelo...)

Sen máis, aquí quedan os arquivos por se a alguén lle son de utilidade,  imprimir e listo!

Agardo que esteades ben e tendo un bo verán e que collades moitos folgos para o vindeiro curso e mándovos tamén...

Saúdos e saúde desde a fiestra!