Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións

08/08/2017

Organizando o curso 17-18! Axenda descargable, iDoceo e outras.

Chega agosto e ábrese a fiestra para que entre o aire! 
Chegadas estas datas unha xa deu unhas cantas voltas á organizaciónproxectos e materiais para o novo curso, a verdade. Xa teño unha ringleira de proxectos abertos e materiais en contrucción que moi pronto iredes vendo.

Ademáis, sempre se pensa en xeitos de optimizar a organización e planificación da globalidade do curso.


Como xa contara na entrada sobre organización do curso pasado, tras ter alternado entre anos nos que toda a miña organización docente era dixital e outros nos que empregaba moito papel e cadernos docentes físicos atopei a miña fórmula persoal, o que coido que máis se adecúa ás miñas necesidades, e é unha opción combinada.

Coma organizador de aulas, grupos, notas e rexistro de calificacións en canto a competencias e proxectos seguirei empregando iDoceo (só para dispositivos Apple), xa comentara que probara outros como "Cuaderno del profesor" e o de Additio mais cada día recomendo máis encarecidamente o iDoceo se o dispositivo que empregas ten a mazá por marca. As súas posibilidades, optimizacións e uso son cada vez máis sorprendentes e funcionais para todo tipo de docente e ademáis da gran capacidade de personalización que ten cada día incorpora funcións máis  interesantes, persoalmente intéresanme e destaco especialmente: 

  • Total integración co entorno Google Classroom.
  • Facilidade para a organización da avaliación do desenrolo de competencias cun completísimo sistema de xestión  de estándares e competencias (video explicativo máis abaixo, funciona incríble!)
  • Diario e planificador por día/semana tanto xeral como para cada grupo.
  • Integración coa asignación de insignias (badges) (moi interesante para todos os proxectos gamificados ou ludificados, e esta asignación de insignias pódese vincular tamén con Google Classroom)
  • Actualización e optimización da aplicación con moita frecuencia e xeralización no seu uso.

Non direi que é á máis sinxela de comezar a empregar pero cun chisco de tempo argallando é, sen dúbida, á que eu lle saco máis rendemento, tamén vai no gusto, recoñezo que cando empreguei "Cuaderno del profesor" e a de Additio a curva de aprendizaxe foi moito máis rápida e nun minuto tes andando un cuaderno sinxelo, con menos funcionalidades pero válido para moitas tarefas.


Tras curso desbotando o uso de papel recoñezo que eu preciso un pequeno soporte físico, moitas veces teño moitas frontes abertas, ideas, proxectos e tarefas que prefiro ter organizadas nun caderno no que escribo, borro, cambio, pego cousas, etc. e este tamén mellora a miña eficiencia.
Non gosto de cargar con pesadas axendas docentes (ou non docentes) só para a planificación de actividades de aula así que opto por elaborar unha que resulte cómoda e divídoa nos tres trimestres de xeito que levo unha pequena libreta. 
Aquí podedes descargar o modelo de axenda lixeira que fixen para o primeiro trimestre.



Coido que esta mesma semana subirei outra entrada con parte da organización de aula. Cantos/as empregades o portfolio do alumno/a? para min é un recurso moi potente e de valioso poder para o desenvolvemento de aprendizaxes, ademáis cada día hai máis xeitos de crealos, presentalos, etc. así que... pronto a miña idea, apps e demáis.

Xa teño varios proxectos e actividades no forno listas para ir subindo así que, comezamos de novo! Agardo que esteades a pasar unhas boas vacacións, desfrutade!

Saúdos desde a fiestra!

Ups! Non quero marchar sen deixar mostra da curtametraxe (case media...) que crearon, guionizaron, prepararon, representaron e estrearon os rapaces de 1º e 2º do CEIP de Caión o curso pasado co soporte desta mestra e do seu incríble mestre de música, estos proxectos, claro, son  imposibles sen a impecable implicación de cada alumno/a así como a do resto do claustro e a axuda das familias, nesta outra entrada tamén podedes ver o proxecto "cinema na escola" por si vos animades!



ACTUALIZACIÓN: Nesta entrada podedes descargar xa a segunda e terceira parte da axenda imprimible! 

26/09/2016

Creamos cinema!

Tras dúas semanas intensas co alumnado xa nas aulas preséntovos un proxecto bastante ambicioso pero moi gratificante, transversal e motivador: crear cinema nas nosas aulas de primaria. Non temas e continúa lendo!

Son innumnerables os estudos sobre como empregar o cinema nas aulas, con visionados reflexivos, buscando o contido, a crítica, a comprensión, análise de aspectos técnicos ou musicais, etc. Ademáis, a creación animada ou cinematográfica ofértanos un recurso amplio e sempre motivador co que traballar que non é tan complexo como pode parecer se o organizamos e diriximos correctamente.


Podemos comezar por pequenos proxectos de animación; un exemplo cuxo funcionamento e resultados foron moi satisfactorios na miña práctica foi empregar uns bonecos e obxectos de Playmobil e a técnica stopmotion para contar unha pequena historia, unha lenda ou representar as festas patronais do lugar onde estaba o centro. Logrei unha gran implicación no deseño da historia, a secuenciación, a aportación e creación de materiais, o desenrolo, execución... e por suposto, conseguimos esa cara de satisfación do alumnado ou visionar un proxecto rematado, totalmente elaborado por eles en equipo con todo o que conleva.

Hoxe achego o proxecto para a creación dunha curtametraxe na escola. Tendo en conta que se desenvolve nos primeiros niveis de primaria é aplicable a todos os demáis dándolles máis grado de autonomía, creando equipos de expertos, guiando menos algúns pasos ou complexizando elementos coma o guión, a creación de personaxes, etc.

Tras planificar e organizar o proceso que iamos seguir elaborei unha web que vai guiar todo o proceso e que tamén alberga os recursos imprimibles que podemos precisar de xeito que todo queda recollido e programado desde o inicio axundando ao avance paulatino e dando esa sensación de ir alcanzando pequenas metas, elemento moi importante no desenrolo dun proxecto longo para manter a motivación e o interese e que non se faga tedioso ou disperso.


A idea é comezar cunha semente inicial, coma os exemplos que se plantexan na web, pode ser relacionada con algunha temática do centro, cun tema de actualidade, cun interese do alumnado... as posibilidades neste punto son infinitas. A partir de ahí comezaremos creando a nosa personaxe ou personaxes principais nun debate inicial e buscando secundarios e antagonistas da historia. 


Para plasmar os pasos recomendase o uso dun portfolio en calquera soporte (dixital ou analóxico), para o cal se proporcionan as plantillas descargables.

       

A partir de aí seguiremos creando a nosa historia seguindo os pasos indicados na web que nos levarán, paso a paso, desde este punto ata a misma estrea da nosa propia curtametraxe.

Preparados? Anímovos encarecidamente a implementar proxectos deste tipo xa que o proceso é apaixoante tanto para o docente coma, sen dúbida, para o alumnado; desenvolvendo competencias linguísticas, sociais, artísticas... nun primeiro momento pode dar vertixe pero a miña experiencia dí que todo o que se alcanza tanto no proceso coma co resultado é  moi gratificante, significativo e edificante.

Agardo que vos sirva coma recurso ou inspiración e vos animedes a comentar as vosas impresións, ideas ou proxectos nesta fiestra!

Saúdos.