05/08/2026

Axendas 2026-2027: imprimibles, interactiva... e unha nova axenda escolar

Boas! Non minto se digo que máis dunha e de dúas persoas preguntaron polas axendas... pero xa están aquí!

A verdade é que levan xa unhas semanas feitas pero non era quen de subilas sen telas antes na man e... tardaron un pouco máis do esperado.


Unha vez máis están deseñadas para responder as necesidades que atopo eu personalmente... son unha sorte de planificadores.

Así que, un curso máis van quedar aquí partilladas por se tamén lle resultan de utilidade a alguén máis...

Este curso atoparedes:

A axenda docente vertical. É a que levo utilizando un montón de anos, a que a min se me da xeito para programar as accións de aula e así.

Unha axenda docente en formato apaisado... comezou porque é como lles ven ben a unhas cantas profes do cole no que traballo e aquí está. O seu formato é horizontal e as cinco xornadas da semana collen nunha única páxina.

A axenda interactiva: Isto empezou porque a min encántame fedellar e aprender a facer cousas e claro... resulta que se hai a xente que lle vale pois velaí vai. Trátase dun planificador pensado para empregar en tablets ou iPads ou así xa que goza de interactividade entre apartados, semanas, calendarios, etc. 

Caderno interactivo: Son uns apartados moi sinxelos que eu fun incorporando na miña práctica, xa contei algunha vez que eu levo a avaliación e así nunha aplicación pois digamos que isto complementa aspectos coma as reunións, ideas e asi. (Eu emprego GoodNotes para traballar cos arquivos interactivos)

Ademáis queda tamén o caderno en formato PDF normal por se alguén prefire engadir as páxinas ao final da axenda tantas veces coma considere necesario.

Coma novidade está a Axenda Escolar (A5), isto levaba tempo rondando a cabeza, de feito, unha vez nun cole xa fixeramos unha axenda escolar. O caso é que aquí está, é unha axenda escolar simple, semana vista. Mantén a liña estética das outras non está sobrecargada pero penso que pode resultar de utilidade para quen busca algo funcional, doado de imprimir e personalizar e na nosa lingua. 

Así que se picades AQUÍ podedes acceder a todos os materiais por se vos valen.




Non hai nada máis que facer, clic, descargar, imprimir e empregar.

Coma sempre, grazas por seguir pasando pola fiestra, a min alégrame se atopades algo de utilidade e agardo que teñades unha boa fin do verán e un bo inicio de curso.


Saúdos desde a fiestra!

07/03/2026

Begoña Caamaño. Un lume violeta

Boas!
Tendo en conta que no cole o proxecto xira arredor das lendas pois coma nunha especie de fermosa coincidencia introducimos a Begoña Caamaño, homenaxeada das Letras Galegas 2026, a súa ollada feminista sobor da vida en xeral e da mitoloxía en particular, a súa obra Circe ou o pracer do azul, a sororidade, a prensa, algo de música...

Á verdade é que é un material pensado coma unha das moitas sementes das que agroman un montón doutras historias na escola, así coma moi para nós, pero ben... xa que teño un minuto e alguén lle é de interese pois... aquí queda.


Coma sempre, clic, descargar, usar.

Saúdos desde a fiestra! <3


02/12/2025

Algún xogo e material de inverno

 Ola!

Hoxe que saco un anaco de tempo ao tempo vou deixar aquí unha parte do material de inverno...


Hai dous imprimibles de cartas para xogar.

Un é un tabú temático de inverno/nadal. Un xogo que sempre resulta no fomento da expresión oral, incremento de vocabulario e do que se poden facer moitas variantes na aula. En resumo, que para min é de utilidade e por iso está aí.  

O outro xogo de cartas é unha versión do xogo "Taco, gato, cabra, queso, pizza". Este é un xogo que moitos nenos e nenas xa coñecen; de mecánica sinxela e rápida e tamén divertido, por iso decidín facer unha versión para aulas e biblio coa que asentar uso da lingua noutros contextos e tamén o traballo que realizamos arredor do inverno e nadal aquí. Neste caso, no canto de "Taco, gato, cabra, queso, pizza" empregamos "saco, rato, masa, zoca, piña" e as cartas especiais son "trubinco", "tizón" e "zambomba". Un éxito.

Deixo tamén un lote de imprimibles básicos, están marcados con niveis do 1 ao 4. E outro lote con plastificables sinxelos (retos de lego, de policubos, tres en liña, busca e conta, puzzles...) Ademáis dun mapa para Beebot que xa empregamos outro ano.

Por último hai un pequeno xogo de probas feito en Genially que xira en torno ao nadal, o Apalpador e os trubincos.

AQUÍ podes descargar unha única páxina en PDF interactivo de xeito que fas clic en cada elemento e xa vas directamente á descarga ou acceso.

Ah, e tamén este pequeno almanaque ata as vacacións...


Volven quedar cousiñas pero se algo disto vos é de utilidade para as aulas... pois aí queda, con agarimo.

Saúdos desde a fiestra e feliz remate do 2025.

12/08/2025

Axenda(s) imprimibles e interactiva 2025-2026

 Bo día!

Un curso máis estou aquí para deixar a axenda que emprego eu por se é de utilidade.


Non prolongarei moito esta entrada, deixo a disposición: 

  • Axenda vertical: A que emprego eu, lista para imprimir a dobre cara.
  • Axenda apaisada: Algunhas compañeiras do meu cole apáñanse ben con este modelo así que volvín facelo por elas.
  • Axenda interactiva: Con lapelas superiores e laterales ademáis de interactividade nos calendarios. É un pdf interactivo que tamén se pode importar a GoodNotes e así.

  • Caderno adicional interactivo: É un caderno dixital moi simple, con algunhas lapelas e follas punteadas que a min me serviu os últimos anos.
  • Caderno-páxinas adicionais: Son arquivos de páxinas o caderno dixital pero por se alguén quere imprimilos ou combinalos coa axenda.

  • Calendarios do curso 25-26 e do ano 26.
Como explico sempre, eu para rexistros e avaliacións emprego iDoceo odesde hai moito tempo así que este material non inclúe iso...

Se algo de todo isto é de utilidade para ti, só tes que facer clic AQUÍ e descargar o que interese. sen máis, listo para imprimir ou usar no teu dispositivo.

Listo, agardo que esteades a ter un bo agosto e mando moito azos para a volta.

Saúdos desde a fiestra.

10/06/2025

Xogo de cartas: Foliada!

Boas!

Vai rematando o curso e aínda que deixei moito no tinteiro veño deixar aquí un dos éxitos do recreo.

Sabedes xogar ao xogo de cartas Virus!?, pois nós fixemos unha versión que se chama Foliada!

(Podes facer clic na imaxe para descargar o xogo de cartas!)

Como funciona?

No canto de órganos tes que conseguir elementos para a Foliada! (pandeiretas, baile, comida, xente ou a propia foliada (comodín), poden suceder enredos (virus) coma a pandeireta rachada, a escordadura de nocello, a comida queimada, chuvia ou a foliada cancelada (enredo-comodín).

Ademáis podemos solucionar os enredos con axudiñas: cantareira, sacapuntos, bochinche, carpa da comisión, ou aturuxo (axudiña-comodín)

E temos as cartas especiais: Cacique (rouba elementos da foliada), figa (envía enredos da túa foliada a outras), trasno (cambia un elemento da folida por outro), aire de morto (fai que todos os demáis se descarten das cartas da súa man), polavila (intercambiar foliadas).

Non é máis ca unha versión dun xogo que moitos e moitas coñecen pero é un placer ver como xogan! Ao final, xogos coma o Virus! ou Foliada! combinan estratexia, atención, toma de decisións... nun contexto divertido; e velos/as planificando, anticipando accións, xestionando, interactuando, razoando e co engadido do valor cultural e identidade... pois da gusto!

Así que se o queredes, se vos é de utilidade ou interese para a escola ou para a vida pois CLIC descargar, imprimir e xogar! (O documento está feito para imprimir a dobre cara e recortar e inclúe a páxina de instruccións!)

Sen máis, agardo ter momentos para deixar por aquí algunhas outras cousas pendentes por se a alguén lle valen... pero ás veces apílase a vida! :)

Saúdos desde a fiestra!

02/04/2025

Modelo de pandeireta 3D

Seguimos na teima cun ano no que as Letras Galegas homenaxean ás cantareiras coma creadoras, transmisoras e gardiás do noso cancioneiro popular e a nosa tradición oral. Bendito ano! E que mellor excusa?

Serei breve, os polos (e galiñas) creativos deixaron nos nosos centros algunhas impresoras 3D e outros artiluxios así que hai unhas semanas estiven a fedellar para crear uns broches para a ocasión coa forma dunha pandeireta ben feita e... por fin, saliu!


A verdade é que quedei contentísima co resultado, non o vou negar, así que vou deixar AQUÍ o modelo do arquivo .stl (sen o nome do meu centro, claro) por se o queredes empregar. 

Unha vez impreso o modelo ao tamaño que desexemos só haberá que pegar o peche para ter uns broches conmemorativos ben feitiños ou mesmo un imán, por exemplo.

(Ah, deixei un modelo .stl tamén sen o texto no parche!)

Esas ferreñas semellan inofensivas pero déronme máis dunha dor de cabeza (claro, a min que non sei nada disto...) Deixo o arquivo en "Thingiverse" porque creo que é a plataforma máis común para a procura e tamén para partillar modelos... non sei.

Ligazón completa: https://www.thingiverse.com/thing:6997712

Por se vos é de utilidade!

Saúdos desde a fiestra!

12/02/2025

Algúns recursos de Entroido!

 Boas, 

Deixo por aquí algúns recursos de entroido por se a alguén lle son de utilidade, hai de diversa tipoloxía e nivel quedan os arquivos cos que só hai que facer clic e descargar cada un (agás o video-ritmograma que queda dispoñible no Youtube), deixarei tamén un arquivo final no que se compilan todos os imprimibles por se queredes descargalo todo xunto.

Xogos plastificables:

Por unha banda está o dominó de entroido (ilustración-palabra)

E tamén fixen un xogo de cartas coma o clásico das familias pero relacionado co entroido onde teremos que conseguir reunir ás familias Troula, Larpeira, Paparota, Xuntanza, Leria, Máscara ou á familia Rachada.

Outros plastificables: 

Reúno aquí unha serie de recursos para máis cativos/as como son o xogo de sombras (con ou sen palabras), outro de vocabulario de entroido, outro de conteo,  un A, B, C... de entroido e finalmente ou recursos de "Robótica sen robot" onde a través dun taboleiro e unhas tiras descubren os camiños polos que nos leva o entroido e poden crear os seus.

Ollo! Os arquivos plastificables levan parte traseira para imprimir a dobre cara, se queres aforrar esa impresión lembra imprimir só as páxinas impares!

Enterro da sardiña: mini libro (versión en letra ligada e imprenta) e tamén un documento sobre o testamento do Entroido.

"Vellada": Este ano, na escola na que estou, a través do PDI preparamos a nosa propia vellada de entroido e aquí queda algún material coma o mini libro (tamén en versión maiúsculas, ligada e imprenta) e outros dous documentos.

Recursos para os mandadiños (mini libro, arquivo mediano (nós normalmente facemos que o mandadiño estea escrito e con espazos para completar neste caso; ficha...)

Ademáis deixo aquí un video ritmograma: "As chocas do entroido". Como non desfrutar acompañando con percusións o bater das chocas do entroido? Queda subido ao Youtube para quen goste!

Velai vai, o prometido é debeda  se fas clic podes descargar o DOCUMENTO COMPLETO por se alguén prefire telo todo xunto.

Que datas máis divertidas, desde a receita das filloas ata ata a vellada, desde os rituais do triángulo máxico do entroido ata os mandadiños...

Se algo é de utilidade aquí queda, con agarimo.

Saúdos desde a fiestra e bo entroido!

07/01/2025

Imprimible: Dúas ducias de coplas para darlle ao miolo

 Antes de comezar, feliz ano para todos e todas.

Van quedando cousas no tinteiro pero aló vai outro trimestre e aproveito estos primeiros días do ano para partillar un pequeno material imprimible por se é de utilidade para alguén.

As coplas e cantigas populares veñen sendo recurso educativo (no ensino regrado e no informal tamén) desde a orixe dos tempos, supoño; son, para min, un material moi recorrente tanto nas aulas música (é unha obviedade) coma en lingua, por exemplo.


Lembro, sendo eu alumna de primaria, que un titor que tiven convidaba a outra persoa a unha das sesións semanais de lingua que tiñamos e esta persoa traia as cantigas que aprendimos. Ditaba, copiaba con esmero na pizarra, copiabamos nos cadernos, analizabamos teimudamente letra, rima, vocabulario... e cantabamos tamén. Cousas bastante básicas por unha banda pero cun aire diferente por outra... Non creo que aquel home falara nunca do valor daquelas cantigas ou o cancioneiro popular pero supoño que xa no lo estaba ensinando. Non lembro se aquel home era familiar do mestre, amigo ou mesmo un antigo compañeiro pero si lembro descubrir o "bocarte" que levaban os catro vellos mariñeiros despois de tanto vogar.

O caso é que algo quedou daquelo.

Si, as cantigas e coplas populares son un recurso manido para moitas de nós pero tamén un recurso moi valioso. 

Xa que inauguramos este 2025, (un ano moi especial...) pois velaí vai este pequenísimo caderno arredor de dúas ducias de coplas. Non é un material que presente especial novidade nas actividades que propón pero pretende achegar valor polo seu contido compilado e accesible e o xeito no que complementa outras accións de ensino-aprendizaxe. 

Non substitúe todo o traballo que se fai coas cantigas pero igual pode darlle un pulo dalgún xeito nalgunhas aulas. Son sinxelos pasatempos ou pequenas actividades alén do traballo de descubrimento, análise, interpretación, creación...

Sen máis, se che é de utilidade ou interese só tes que facer CLIC e descargalo. Listo para imprimir e empregar


Saúdos desde a fiestra!

08/08/2024

Axenda(s) 2024-2025 imprimibles e interactivas

 Un ano máis estamos aquí...

Non vou estender moito as explicacións; fixen de novo a miña axenda (a que uso, sen artificio vaia... en varios formatos) e ademáis, desta volta engado un pequeno caderno interactivo que empreguei o ano pasado (fixérao rápidamente e non chegara a subilo).



Eu só emprego esto: a axenda impresa e o caderno dixital xunto co mil veces mentado iDoceo onde gardo as cualificacións e esas cousas...

A miña axenda impresa é en formato vertical pero como teño unhas compañeiras moi afeitas á horizontal... volvinlla facer con agarimo tamén en apaisado.

Ademáis, fixen de novo o documento da axenda en interactivo para empregar nos dispositivos quen así o desexe. Deixo o formato .pdf interactivo coas lapelas laterais e superiores (tamén son interactivos os días de cada calendario mensual) e tamén o formato GoodNotes.

Como dixen, o curso pasado fixen para min un pequeno caderno interactivo que non ten nada máis que apartados separados (claustros, equipos, ideas, calendarios...) e follas punteadas que se van insertando; é, coma quen di, un caderno de anotacións dixital un pouco depurado pero é que eu non me adapto moito cos formatos ríxidos que teñen espazo para data, para orde do día... porque, por exemplo, esto último adoito pegalo en imaxe, engado ligazóns... non sei. O caso é que como o volvín facer queda aí tamén por se a alguén lle é de utilidade (tamén deixo o que serían as portadas e follas normais por se alguén as quere imprimir, combinar, o que sexa...)


Así que; se a alguén lle son de utilidade quedan AQUÍ (ou facendo clic na imaxe) todos os arquivos distintos listos para descargar e imprimir (ou empregar directamente no caso das interactivas).


Sen máis, agardo que esteades a desfrutar un bo agosto e que collades folgos e ilusións para setembro. 💙

Saúdos desde a fiestra!

17/04/2024

Luísa Villalta: A(s) sala (s) de fuga e imprimibles

 Boas!

17 de abril, un mes exacto para o Día das Letras Galegas e...

O certo é que este curso cruzou a miña mente a idea non facer sala de fuga ou como moito algunha pequena sobre algo moi concreto pero... para cando me quixen decatar xa estaba ata as cellas de información e ideas sobre a autora homenaxeada nestas Letras Galegas e é que entrar no universo Villalta pode non semellar doado para todo o mundo pero unha vez que estás dentro... é tremendamente cautivante.

De feito, non é que non fixera sala de fuga, é que preparei tanto a sala "física" ou "analóxica" ou non sei como chamarlle e tamén a sala de fuga dixital e algún pequeno material imprimible máis que podes descargar tamén.


Comezarei por intentar explicar un pouco as salas de fuga e, ese e o outro material, está todo para descargar baixo as liñas de texto!

Como explicaba, vinme ateigada de información, xa tiña varios libros antigos de Luísa Villalta e de súpeto engadín un montón de textos, libros novos, xornais, publicacións colectivas artigos... e tratar de reducir e simplificar (moito) información non é sempre o máis sinxelo de facer pero coido que quedou unha sala de fuga que da información relevante sen chegar a saturar demasiado, procurando ser unha porta para que, quen queira, siga explorando despois (porque é fascinante!).

Tanto nunha como noutra as "investigacións" e retos poden ser acometidos en calquera orde xa que con eles iranse conseguindo diferentes números e cores que, combinados, abren un cadeado e recompensa final.

Intentarei simplificar a explicación das salas, digamos que, por distintos camiños, podes chegar a explorar 4 puntos esenciais: Un esta composto de aspectos básicos da biografía de Luísa Villalta, outro da súa vertente vencellada a música, un terceiro sobre a bibliografía e outro máis sobre sociedade e activismo.

Explorando textos, imaxes, audios... resolvense retos de dificultade media que van aportando as cifras e cores que precisamos para desbloquear o cadeado final.

(este é un esquema da sala de fuga "analóxica")


Na sala de fuga dixital todo isto acontece mentres navegamos libremente por distintos escenarios (un mapa da Coruña no que ir a distintos puntos de interese, un estudo ficticio da autora no que ir picando en distintos elementos, unha rúa da cidade, o conservatorio de música, etc.) na maioría de escenarios os botóns están ocultos así que haberá que ir probando, investigando e deducindo ata atopar e resolver os retos. (Podes acceder á sala de fuga dixital AQUÍ ou máis abaixo)

Por outra banda, na sala de fuga "analóxica" o escenario constrúese (no meu caso na biblioteca do centro) emprego libros da autora, tamén algunha da publicacións deste ano relacionadas con ela, recortes, uns botóns, etc. a mecánica é semellante, poden investigar polo espazo e resolver os retos como vaian atopando ou desexen ata ter os números e cores precisos (eu prepareina para realizar en pequenos equipos, non todos á vez)


Non é nada doado intentar explicar así a sala "analóxica" pero fixen un
.pdf cos materiais básicos engadindo un mínimo de explicación sobre como preparala, non sei se pode ser comprensible pero se a alguén lle é de utilidade pode descargalo.

Algún outro material que fixen:


  • Cartaz colaborativo: Fixen un cartaz conmemorativo todo formado por cadriños que se pintan seguindo un código para formar a imaxe final. Se o queres empregar só tes que descargar, imprimir, repartir, colorear seguindo o código e montar. (Eu emprégoo na sala de fuga, cada equipo ten no seu cofre final algunhas das pezas e cando pasan todos os equipos montamos o cartaz)



Tamén se accede a todo desde aquí, 


Así que se alguén lle é de utilidade ou algo pois aquí queda todo o que puiden e eu feliz. 

Non me despido sen antes decir que tanto na Web da sala de fuga dixital coma no material da "analóxica" hai un apartado (ou unha páxina) de fontes, cun montón de referencias, webs, publicacións, .pdfs, guías didácticas, vídeos, tamén os libros físicos que máis usei... etc. Seguramente deixei algunhas cousas pero moitos dos recursos que empreguei máis a cotío no traballo ou que me pareceron máis interesantes están aí e poden ser de utilidade, por se queredes botar un ollo.

Puf, isto si que é "moito texto" e non o que din por aí, semella imposible que alguén chegue a ler ata esta liña pero se é así grazas polo interese e saúdos desde a fiestra! <3

15/10/2023

Máis recursos descargables de Samaín.(2023)

Non é ningún segredo que me encantan estas datas e sacarlles partido nas aulas; e se aproveitando que traballamos cincocentas cousas podo facer ao tempo que ao alumnado tamén lle interesen, divirtan e teñan querenza polo noso,  pois mira...

Quedan aquí algúns xogos e materiais de Samaín que se suman a outros dos anos anteriores... 

Se facedes CLIC aí ou na seguinte imaxe podedes descargar o PDF interactivo no que cada botón da esquerda do epígrafe vos leva directamente ao arquivo correspondente para descargar e empregar.


No arquivo hai desde xogos imprimibles a textos, un mapa para os Beebot, música...en fin, unha pequena escolma, un ano máis.

Van uns exemplos do que atopar:

Xogo "Onde vive quen", un sinxelo xogo de conversas con final aberto no que 8 personaxes (ánima, compaña, calvaquiño...) buscan o lugar idóneo onde vivir (cova, casa encantada, hórreo perdido...) as curtas descricións e a comunicación faran que tratemos de axudalos (instrucións no arquivo)


Manual das bruxas mariñeiras: Baseado no libro "O manual das bruxas" de Malcom Bird está este sinxelo "Manual das bruxas mariñeiras", eu imprimino coma "folleto" é dicir sendo cada páxina un A5 para ir completando os manuais.


Un mapa de misterios de Samaín:
Un mapa dunha illa chea de misterios de Samaín que explorar cos Beebot. Está listo para imprimir e cortar cada peza axustado aos desprazamentos dos Beebot.

Atopa o argumento para a túa historia:  Unha sinxela plantilla na que empregando a inicial, día e mes de nacemento podemos atopar unha idea da que xurda unha fantástica historia de Samaín.


Tarxetas de Samaín do "SpeedCups", ou "Vasos a todo filispín": é un pack de tarxetas do xogo de apilar vasos segundo a cor.


Xornal de Samaín: 5 artigos adaptados e algunhas ideas de uso, ten un espazo na cabeceira de cada páxina para poñerlle nome ao xornal, pode ser o nome da biblio, da aula... (o noso proxecto deste curso vai da costa e cultura de mar de aí que moita temática intentemos relacionala...)


Novo  "conto máxico" "A luz misteriosa": O dos contos máxicos estase a converter nunha auto-tradición curiosa e xa van un montón deles... están polo Instagram compilados nese Genially.


Unha listaxe de propostas "Art-ubro" ao estilo do Inktober con ideas variadas de uso.
Tamén o libro do medo, unha compilación de textos, propostas visuais os San Andresiños, dos que subín cousas noutra ocasión,  unhas vellas fichas de escritura e mesmo un novo ritmograma...

Seguramente deixo cousas polo camiño mais tamén podedes fedellar por entradas doutros anos e se algo vos é de utilidade, pois clic e listo para ser empregado.

Bo outubro! Saúdos desde a fiestra!

02/08/2023

Axenda(s) docente(s) imprimible (s) e interactiva! 2023-2024

 Boas!

Xa chegou!, xa estamos aquí...

Un ano máis deixo a miña axenda por se a alguén lle é de uitlidade, como digo sempre é un caderno moi sinxelo, o xusto para o que eu emprego, nin máis nin menos... eu avalío, anoto, etc. en dixital (no iDoceo) mais non logro renunciar a empregar a miña axenda diaria en papel... costume, supoño.



Se alguén quere os documentos só ten que facer clic e poderá descargar os arquivos listos para imprimir a dobre cara.

Hai un arquivo coa axenda en vertical na cal unha semana vai en dúas páxinas (é a que emprego eu) e outro formato máis compacto no cal a axenda ten un formato apaisado de xeito que cada semana completa sae nunha única páxina.

Actualización: Houbo algunhas persoas (catro, non pensedes) que preguntaron pola axenda interactiva que fixera o ano pasado... e velaí vai, adaptei de novo a axenda para que se poda empregar nos dispositivos (por exemplo con GoodNotes no iPad) e coido que quedou ademáis máis manexable que a do ano pasado!


Ademáis deixo uns arquivos cos
calendarios soltos para imprimir a calquera tamaño e en vertical ou apaisado (eu emprego uns en A3 para a aula) e outro con algunhas páxinas adicionais por se son de utilidade (portadas, táboas, páxina de aniversarios...)

Velai vai, uns cantos arquivos dos cadernos para un novo curso que comezará, por se son de utilidade ou interese.


Agardo que teñades moi bo agosto e esteades a coller moitos folgos.

Saúdos desde a fiestra!

07/03/2023

As Sensombreiro: Sala de fuga dixital e máis.

Boas, a verdade é que últimamente non estou subindo aquí as cousas... este blogue comezou coma un xeito de gardar experiencias, organizar os materiais... e, de paso, partillalos por se alguén lle eran de utilidade e é o que pretende continuar a ser... os ritmos dependen de moitas cousas, do meu tempo, da voráxine da escola mesmo das propias ganas, sen máis.

Hai varias cousas pendentes pero non quería deixar máis tempo sen partillar esto.

Estiven un tempo consultado e dando voltas arredor das Sensombreiro, e rematei por crear varias cousas.


Unha sala de fuga dixital: Esta sala comeza coa escolla dun dos 4 personaxes que a protagonizan; na aula eu dividin ao grupo en 4 equipos de xeito que cada equipo fixo a sala dun personaxe e na derradeira proba tiveron que xuntar un código de cada equipo para chegar ao logro final, (deixei tamén un apartado por se algúen traballa individualmente e non vai facer as castro misións para que poida acceder ao final por outra vía).



A sala é unha aventura na que ir descubrindo tempos, personaxes, obras e accións das Sensombreiro; mulleres artistas de distintos eidos que compartiros espazos, debates, tarefas e logros con todos os autores de renome da Xeración do 27 (Lorca, Alberti, Dalí...) pero cuxas vidas e obras quedaron sistemáticamente invisibilizadas. A sala de fuga está creada en web (uso preferible en ordenador) e debe empregarse con auriculares ou dispositivo de audio xa que hai moitas pistas, cavilacións, vídeos... para os que se precisa escoitar.

A sala é asequible aínda que esixe, coma calquera sala de fuga, poñer a traballar un pouco o miolo e buscar, probar, inferir, decidir... e procurei non deixar de lado o uso de material real e variado, ou anécdotas e imaxes da época á vez contextualizar, presentar historias e datos que non son, a priori, coñecidos polo meu alumnado.

Acceso á sala de fuga dixital na imaxe ou AQUÍ

Ademáis creei outra serie de materiais:

Uns pequenos xogos de lóxica con tres niveis diferentes, estos xogos están compostos dunhas pistas ou afirmacións e unha grella na que ir marcando para descubrir nomes, profesións e obras dalgunhas das Sensombreiro, teñen unha versión dixital AQUÍ na que cun clic na cela esta se pon en verde, con dous clics márcase en vermello e se picas unha terceira vez borrarase a marca da cela (mais tamén fixen a versión imprimible que vai no documento completo)

Para o traballo sobre o contexto das Sensombreiro e a súa historia fixen tamén un material imprimible ao igual que preparei algunhas biografías descargables para empregar. Xuntei tamén unha sorte de propostas de traballo sobre as Sensombreiro que inclúo no documento así coma os citados xogos de lóxica de pistas e grella.

Todos estos materiais adicionais poden descargarse nun pdf completo NESTA LIGAZÓN.

Así que aquí quedan por se son de utilidade ou interese para alguén, agardo que esteades a ter un bo curso.

Saúdos desde a fiestra!

01/08/2022

Axenda(s) docente 2022-2023 descargables e interactivas

Boas!

Chegou agosto, mes vacacional pero por se a alguén no lle para a cabeza ou sinte gozo co de ter as cousas novas... xa chega a axenda 2022-2023 desta volta con algunha pequena novidade...

Como sabedes a axenda que emprego eu é moi sinxela, non é máis que un... programador poderíamos decir, e aquí está o deste ano por se a alguén lle é de utilidade.

Desta volta temos unha axenda imprimible en dous formatos distintos, por unha banda a axenda en vertical (eu imprimo en A4 a doble cara) e polo outro lado un formato máis compacto (a do ano pasado adapteina a ese formato para unha compañeira así que desta volta fixen unha réplica directamente), este formato máis pequeno é tamén en A4 mais en horizontal ou apaisado de xeito que cada semana está enteira nunha páxina (arquivo pensado para imprimir tamén directamente a doble cara) e a verdade é que quedou bastante feitiña.


Ademáis tiña bastante curiosidade por saber se podía facer unha cousa máis... Eu son moi de papel para isto (non así para avaliación, notas, rúbricas, etc.) pero de tanto ver traballar con editores coma GoodNotes nos iPads e así quixen saber se eu era capaz de adaptar a axenda a ese formato e facela interactiva e...aló foi!

Así, hai unha terceira versión da axenda tanto en formato GoodNotes coma Pdf interactivo para empregar noutros editores e nesta versión incluín unhas lapelas nas que, ao facer clic, imos directamente aos distintos trimestres, meses, calendarios ou horarios e tamén, ao facer clic en calquera día dun calendario mensual iremos á páxina da axenda que ten ese día... trasteando pareceume moi cómodo (hai que lembrar que para navegar temos que saír do modo edición que si empregamos para escribir nela, claro), por suposto hai mil interaccións máis que se poderían incluír pero para comezar... creo que quedou xeitosa por se hai alguén por aí a quen lle poida servir a miña curiosidade quedou saciada tamén...

Se accededes á web para descarga de arquivos veredes que tamén deixei uns arquivos cos calendarios separados (en vertical e horizontal) e tamén as follas adicionais que empreguei algún ano, listaxes, folla de aniversarios, separadores...

Desistín de empregar o Slideshare para partillar os arquivos xa que cambiou moito desde os inicios e da bastantes problemas mais, se a alguén os quere é tan sinxelo coma acceder á web desde as imaxes e ligazóns ou AQUÍ e facer clic nos arquivos que vos sexan de utilidade ou interese.

LIGAZÓN DE DESCARGAS

LIGAZÓN ALTERNATIVA GDrive

Agardo que desfrutedes moito do mes de vacacións,

Saúdos e saúde desde a fiestra!