01/05/2016

A nosa axencia de tempo libre.

Nestas alturas de calendario a maior parte de programacións de lingua estranxeira inclúen os termos relacionados con deportes, actividades de tempo libre, xogos de exterior, etc. E, por tanto, esta tarefa vennos perfecta.

Neste caso o alumnado deberá traballar de xeito cooperativo para crear a súa axencia de tempo libre seguindo os sinxelos pasos e materiais que proporcionamos na web.

No inicio elixirán o seu nome e logo. Enquisarán aos seus compañeiros e compañeiras coa fin de coñecer as súas actividades favoritas, (Deportes? Cales? Pintura? Música? Ciencia? Tamén engadirán aportacións imaxinando actividades que cren que triunfarían entre os seus compañeiros/as.


Nunha segunda parte elaborarán o horario das distintas actividades da súa axencia seguindo os criterios que eles/as crean e facendo un documento atractivo.

Na parte final crearán un tríptico ou cartaz que anuncie a súa axencia, co nome, o logo, as actividades que ofertan, modos de contacto e mensaxes atractivas ou ofertas. Tamén planearán como van presentar o seu traballo ao resto da clase.

É importante que o conxunto da tarefa está dividida nos distintos pasos e cada paso remata cun pequeno obxectivo logrado (na primeira deben cubrir un documento e entregalo, na segunda entregar o horario e a enquisa sobre como traballou o equipo, e na terceira o  triptico e plan de presentación). Non é unha tarefa especialmente aberta pero esto fai que sexa moi sinxela de plantexar sobretodo naqueles grupos que non están acostumados a este tipo de traballos colaborativos.


Tamén destaca o apartado de avaliación no que hai: Unha rúbrica para que poidan ter presentes aspectos sobre os que serán avaliados, un lámina que poden empregar durante as presentacións dos seus compañeiros para avalialos e outra individual que inclúe preguntas de autoavaliación e opinións sobre a actividade así como un valor sociométrico. (Tedes todas estas fichas para descaragar desde a propia web da tarefa)



Recomendo tarefas coma esta sobretodo para aqueles que desexan iniciar tarefas máis participativas e contextualizadas na área de lingua estranxeira e non facer tantas actividades e exercicios illados pero sen ter que embarcarse en proxectos dun recorrido moi longo. 

Saúdos desde a fiestra.



23/04/2016

20 novas propostas de escritura creativa.

Vai un tempo presenteis 20 propostas de escritura creativa. Un dos meus xeitos favoritos de mellorar a expresión escrita nos alumnos e alumnas e explorar distintos estilos así como fomentar a creatividade e o aprecio pola lectura e escritura.


Nesa entrada comentaba como moitos dos estudantes opinan que escriben moito nas horas que están na escola pero como apenas hai alumnos/as que se sintan mínimamente escritores.

Prometín achegar novas propostas e aquí están as vinte seguintes. Se desexas saber cando e como as emprego na aula podes re-visitar a outra entrada para tomar algunha idea. E pòr suposto, tanto estas como as vinte anteriores propostas están a vósa completa disposición para ser descargadas!

12/04/2016

Día das Letras Galegas: Un video-proxecto!

A falta dun mes para a conmemoración do Día das Letras Galegas aquí ven a proposta para traballala con tempo e chegar ao resultado final na data sinalada.

Temos unha tarefiña que mistura unha pequena investigación sobre o galardoado deste ano, coa creatividade e expresión artística así coma tamén coa introducción a ferramentas sinxelas de edición de video ou un uso funcional para os códigos QR. Que vos parece? Veña, dádelle unha oportunidade e seguide lendo...

Para a tarefa podemos empregar a seguinte ligazón web para orientar o traballo que comezará, recopilando uns cantos datos importantes sobre o galardoado. A quen se lle adica o día este ano? Quen foi? Que escribiu? Que destacamos del?...

 http://patrifulca.wix.com/letrasgalegas


Despois adentrarémonos no proceso creativo, deseñando un pequeno vídeo (ata 30 segundos) con algún dato da vida ou obra o do autor, a nosa proposta é empregar algúns versos ou frases da súa obra acompañados de voz, vídeo, música e/ou fotografía. Faremos o bosquexo da nosa idea paso a paso e despois levarémolo a cabo e editarémolo.

Finalmente crearemos uns códigos QR que alberguen ditos videos para poder expoñelos á entrada do centro, nos cartaces da celebración do día das letras e mesmo nos trípticos do día para que as nosas familias e amigos poidan escanealos cos seus dispositivos móbiles e desfrutar das nosas video creacións.

Este traballo pode plantexarse de distintos xeitos para adaptarnos aos nosos grupos, podemos facer equipos mixtos e que cada un traballe a súa proposta, grupos de expertos que se adiquen a cada fase do proxecto, parellas ou mesmo incluír propostas individuais. Así como destacar os elementos que creamos convintes: a parte de investigación, a creatividade, o desenvolvemento no emprego das TIC, o traballo colaborativo..

Anímovos a probar pequenos retos coma este e a achegarme outras propostas xa que eu teño comprobado o seu funcionamento adaptándoos a distintos tipos de grupos e tanto o proceso coma os resultados remataron sendo moi satisfactorios e enriquecedores.

Agardo que vos guste, saudos desde a fiestra!