01/08/2018

Materiais arredor de Wonder

Chega agosto e pouco a pouco vai voltando a actividade...

Para ir abrindo boca ao novo curso traio algunhas ideas arredor da novela Wonder, é que tiña xa moitas ganas de falar dela polo blogue.


Wonder é un libro (e unha colección) protagonizada por August Pullman, e o certo é que é moi difícil que, se cae nas mans dun docente, este poida resistirse a levalo ás aulas porque é unha marabilla,  é coma se todos/as pensáramos "esto é preciso que o lean os rapaces/zas" e, de feito,o movemento xerado por este libro en aulas de todo o mundo é enorme.

O caso é que Auggie é un rapaz de 5º de primaria, ten 10 anos e o síndrome de Treacher Collins, un trastorno xenético caracterizado por malformacións craneofaciais. 


No libro "Wonder, La lección de August" [CAST] é el mesmo quen nos conta as experiencias, sensacións frustracións e superacións que vive cando por fin asiste ao cole e tamén distintos personaxes contan a historia desde o seu propio punto de vista.

Aquí traio un material de libre descarga que preparei, neste caso, para empregar cando todo o grupo le a novela ou nun clube de lectura... e está dividido en 4 partes.

  • A primeira sección do material son preguntas (abertas e pechadas) sobre cada parte do libro para promover o debate, a comprensión e a reflexión.Pódense ir facendo todas, só algunhas, unhas en conxunto e outras de xeito individual...
  • A segunda son unhas tarxetas de propostas de escritura breve (un ou dous parágrafos) relativas ao libro e esixen un pouco máis de reflexión e elaboración que as preguntas iniciais.
  • A terceira parte son unha serie de actividades propostas que abranguen distintos estilos (cómic, crítica literaria, poesía, arte...)
  • E a cuarta é para a realización dunha tarefa en equipo, neste caso unha campaña fotográfica, inclúe as indicacións, pasos, ficha de idea e boceto do grupo e tamén a rúbrica para que a poidan ter presente en todo o proceso.

Coido que si botades unha ollada ao material entenderedes mellor todo isto.




O certo é que o libro parece perfecto para os rapaces da mesma idade de August pero tamén é moi sinxelo de ler e cada parte está dividida en mini capítulos de apenas unha páxina; xenial para traballar a distintos niveis, en distintos momentos e de distintas formas xa que se adapta desde tempos moi curtos de lectura compartida e traballo a procesos máis longos, así que se aínda non lle botaches unha lectura, anímote a que o fagas.

Por certo, uns apuntes finais; aínda que este material está en galego, de momento, a novela non está traducida e a lectura facémola en castelán e outra cousa interesante é que se fixo unha peli baseada no libro que pode ser un bo recurso para culminar todo o traballo sobre o mesmo!

Pouco a pouco volto á fiestra con máis cousiñas, agardo que esteades a disfrutar do verán!

Saúdos desde a fiestra!

07/06/2018

A cápsula do tempo

Os días pasan, o tempo bule... pero canto bule?

Aproveitando que este ano teño máis dunha área cun grupo de 1º de primaria decidín crear unha cápsula do tempo con eles/as.
Si, unha cápsula do tempo!...só con nomeala estoupou a emoción na aula, de veras!


A cápsula será unha caixa na que gardar varias cousas sobre hoxe en día e que será custodiada polo centro (viaxe á caixa forte incluída) ata a data prevista de apertura, e, en canto se lle comunicou aos rapaces/zas de primeiro mostráronse entusiasmados pero... que terá a nosa cápsula?

Nunha cápsula do tempo podemos meter moitas cousas: imaxes de obxectos ou "modas" recentes (cromos, bailes, cancións, xoguetes...), listas de prezos como "hoxe un café vale...", recortes de xornais... a nosa opción foi enchela de "cousas sobre nós".

Para enchela preparei unhas tarxetas que cada un deles debe completar e gardar nun sobre.



A escrita do seu nome, o seu autoretrato, unhas fotos, algo sobre os seus amigos/as, o que pensan que queren ser de maiores e tamén, o que probablemente lles fixo a maior ilusión: unha mensaxe de audio ao seu "eu" do futuro. Que lle dirían ao "eu" de sexto? (Agardo que..., non esquezas...).  (Pegamos uns códigos QR que conteñen o audio e agardamos que funcionen no futuro, por se non fora así meteremos un pendrive tamén na cápsula)

Aquí podedesde descargar todo ese material por si o queredes empregar!

Unha vez que todo está completado, as tarxetas van aos sobres e dos sobres á cápsula, esta cápsula queda pechada baixo chave con data de apertura: Xuño de 2023 (estos rapaces/zas estarán rematando 6º de primaria) soprenderanse do que hai dentro? O tempo dirá!

O certo é que a idea é moi sinxela mais resultoume un bo xeito de ir pechando este primeiro de primaria (ou infantil...) e agardo que vos sexa de interese ou utilidade!

Saúdos desde a fiestra!


29/05/2018

A conta atrás. 10 actividades para os días finais do curso

Ai, ai ai, que outro curso que vai rematando!
Parece mentira...



Como xa fixen outros cursos aquí ven "A conta atrás", só hai que escoitar cantas veces nos din eso de "faltan 29 días para o meu cumple", "dentro de 37 días vou..." e demáis para saber canto lles gustan estas cousas das contas atrás aos rapaces/zas.

Eu, adoito facer unha conta regresiva á fin do curso na que cada día imos abrindo unha actividade distinta durante os 10 días finais. Eles/as agardan o momento de abrir a sorpresa diaria con emoción e pasámolo xenial, a verdade. Nesta ocasión atoparmos  actividades de equipo, xogos, manualidades, bailes...

Este especial "calendario de advento" fíxeno en formato dixital e pódese empregar na pizarra da aula... se pasades por enriba do botón de cada número atoparedes a actividade proposta e o recurso ou descargable se o precisa aínda que poderían meterse as tarxetas das actividades en globos que se van estourando co paso dos días, sobreciños... esas cousas!

(Tamén podes acceder a esta conta atrás directamente facendo clic NESTA LIGAZÓN)


Agardo que vos sexa de utilidade ou inspiración a conta ou algún dos recursos que podedes ver ou descargar dela e pronto máis cousas dos días finais!

Saúdos desde a fiestra!