Boas! Tendo en conta que no cole o proxecto xira arredor das lendas pois coma nunha especie de fermosa coincidencia introducimos a Begoña Caamaño, homenaxeada das Letras Galegas 2026, a súa ollada feminista sobor da vida en xeral e da mitoloxía en particular, a súa obra Circe ou o pracer do azul, a sororidade, a prensa, algo de música...
Á verdade é que é un material pensado coma unha das moitas sementes das que agroman un montón doutras historias na escola, así coma moi para nós, pero ben... xa que teño un minuto e alguén lle é de interese pois... aquí queda.
Seguimos na teima cun ano no que as Letras Galegas homenaxean ás cantareiras coma creadoras, transmisoras e gardiás do noso cancioneiro popular e a nosa tradición oral. Bendito ano! E que mellor excusa?
Serei breve, os polos (e galiñas) creativos deixaron nos nosos centros algunhas impresoras 3D e outros artiluxios así que hai unhas semanas estiven a fedellar para crear uns broches para a ocasión coa forma dunha pandeireta ben feita e... por fin, saliu!
A verdade é que quedei contentísima co resultado, non o vou negar, así que vou deixar AQUÍ o modelo do arquivo .stl (sen o nome do meu centro, claro) por se o queredes empregar.
Unha vez impreso o modelo ao tamaño que desexemos só haberá que pegar o peche para ter uns broches conmemorativos ben feitiños ou mesmo un imán, por exemplo.
(Ah, deixei un modelo .stl tamén sen o texto no parche!)
Esas ferreñas semellan inofensivas pero déronme máis dunha dor de cabeza (claro, a min que non sei nada disto...) Deixo o arquivo en "Thingiverse" porque creo que é a plataforma máis común para a procura e tamén para partillar modelos... non sei.
Van quedando cousas no tinteiro pero aló vai outro trimestre e aproveito estos primeiros días do ano para partillar un pequeno material imprimible por se é de utilidade para alguén.
As coplas e cantigas populares veñen sendo recurso educativo (no ensino regrado e no informal tamén) desde a orixe dos tempos, supoño; son, para min, un material moi recorrente tanto nas aulas música (é unha obviedade) coma en lingua, por exemplo.
Lembro, sendo eu alumna de primaria, que un titor que tiven convidaba a outra persoa a unha das sesións semanais de lingua que tiñamos e esta persoa traia as cantigas que aprendimos. Ditaba, copiaba con esmero na pizarra, copiabamos nos cadernos, analizabamos teimudamente letra, rima, vocabulario... e cantabamos tamén. Cousas bastante básicas por unha banda pero cun aire diferente por outra... Non creo que aquel home falara nunca do valor daquelas cantigas ou o cancioneiro popular pero supoño que xa no lo estaba ensinando. Non lembro se aquel home era familiar do mestre, amigo ou mesmo un antigo compañeiro pero si lembro descubrir o "bocarte" que levaban os catro vellos mariñeiros despois de tanto vogar.
O caso é que algo quedou daquelo.
Si, as cantigas e coplas populares son un recurso manido para moitas de nós pero tamén un recurso moi valioso.
Xa que inauguramos este 2025, (un ano moi especial...) pois velaí vai este pequenísimo caderno arredor de dúas ducias de coplas. Non é un material que presente especial novidade nas actividades que propón pero pretende achegar valor polo seu contido compilado e accesible e o xeito no que complementa outras accións de ensino-aprendizaxe.
Non substitúe todo o traballo que se fai coas cantigas pero igual pode darlle un pulo dalgún xeito nalgunhas aulas. Son sinxelos pasatempos ou pequenas actividades alén do traballo de descubrimento, análise, interpretación, creación...
Sen máis, se che é de utilidade ou interese só tes que facer CLIC e descargalo. Listo para imprimir e empregar.
17 de abril, un mes exacto para o Día das Letras Galegas e...
O certo é que este curso cruzou a miña mente a idea non facer sala de fuga ou como moito algunha pequena sobre algo moi concreto pero... para cando me quixen decatar xa estaba ata as cellas de información e ideas sobre a autora homenaxeada nestas Letras Galegas e é que entrar no universo Villalta pode non semellar doado para todo o mundo pero unha vez que estás dentro... é tremendamente cautivante.
De feito, non é que non fixera sala de fuga, é que preparei tanto a sala "física" ou "analóxica" ou non sei como chamarlle e tamén a sala de fuga dixital e algún pequeno material imprimible máis que podes descargar tamén.
Comezarei por intentar explicar un pouco as salas de fuga e, ese e o outro material, está todo para descargar baixo as liñas de texto!
Como explicaba, vinme ateigada de información, xa tiña varios libros antigos de Luísa Villalta e de súpeto engadín un montón de textos, libros novos, xornais, publicacións colectivas artigos... e tratar de reducir e simplificar (moito) información non é sempre o máis sinxelo de facer pero coido que quedou unha sala de fuga que da información relevante sen chegar a saturar demasiado, procurando ser unha porta para que, quen queira, siga explorando despois (porque é fascinante!).
Tanto nunha como noutra as "investigacións" e retos poden ser acometidos en calquera orde xa que con eles iranse conseguindo diferentes números e cores que, combinados, abren un cadeado e recompensa final.
Intentarei simplificar a explicación das salas, digamos que, por distintos camiños, podes chegar a explorar 4 puntos esenciais: Un esta composto de aspectos básicos da biografía de Luísa Villalta, outro da súa vertente vencellada a música, un terceiro sobre a bibliografía e outro máis sobre sociedade e activismo.
Explorando textos, imaxes, audios... resolvense retos de dificultade media que van aportando as cifras e cores que precisamos para desbloquear o cadeado final.
(este é un esquema da sala de fuga "analóxica")
Na sala de fuga dixital todo isto acontece mentres navegamos libremente por distintos escenarios (un mapa da Coruña no que ir a distintos puntos de interese, un estudo ficticio da autora no que ir picando en distintos elementos, unha rúa da cidade, o conservatorio de música, etc.) na maioría de escenarios os botóns están ocultos así que haberá que ir probando, investigando e deducindo ata atopar e resolver os retos. (Podes acceder á sala de fuga dixital AQUÍ ou máis abaixo)
Por outra banda, na sala de fuga "analóxica" o escenario constrúese (no meu caso na biblioteca do centro) emprego libros da autora, tamén algunha da publicacións deste ano relacionadas con ela, recortes, uns botóns, etc. a mecánica é semellante, poden investigar polo espazo e resolver os retos como vaian atopando ou desexen ata ter os números e cores precisos (eu prepareina para realizar en pequenos equipos, non todos á vez)
Non é nada doado intentar explicar así a sala "analóxica" pero fixen un .pdf cos materiais básicos engadindo un mínimo de explicación sobre como preparala, non sei se pode ser comprensible pero se a alguén lle é de utilidade pode descargalo.
Cartaz colaborativo: Fixen un cartaz conmemorativo todo formado por cadriños que se pintan seguindo un código para formar a imaxe final. Se o queres empregar só tes que descargar, imprimir, repartir, colorear seguindo o código e montar. (Eu emprégoo na sala de fuga, cada equipo ten no seu cofre final algunhas das pezas e cando pasan todos os equipos montamos o cartaz)
Así que se alguén lle é de utilidade ou algo pois aquí queda todo o que puiden e eu feliz.
Non me despido sen antes decir que tanto na Web da sala de fuga dixital coma no material da "analóxica" hai un apartado (ou unha páxina) de fontes, cun montón de referencias, webs, publicacións, .pdfs, guías didácticas, vídeos, tamén os libros físicos que máis usei... etc. Seguramente deixei algunhas cousas pero moitos dos recursos que empreguei máis a cotío no traballo ou que me pareceron máis interesantes están aí e poden ser de utilidade, por se queredes botar un ollo.
Puf, isto si que é "moito texto" e non o que din por aí, semella imposible que alguén chegue a ler ata esta liña pero se é así grazas polo interese e saúdos desde a fiestra! <3
Sigo por aquí, e veño cun material que levo bastante tempo preparando...
Non é sorpresa ningunha que unha das miñas conmemoracións favoritas é a das Letras Galegas... e o homenaxeado deste ano... vaia gusto de traballo, foi unha madeixa que fun desenleando moi aos poucos (falamos de meses) e desfrutando moito o camiño, atopando arquivos, citas, documentos de moi variada tipoloxía e moito interés. E con tanta información pois... ademáis de falar de Florencio Delgado (moito, xa o sinto polas persoas achegadas) pois quería traducir parte da información a distintas tarefas de descubrimento... non sabía moi ben pero eu estaba tan emocionada...
O caso é que na escola fun facendo cousas, retos, guións radiofónicos, pequenas investigacións, lecturas...
E montei unha sala de fuga baseada en documentación real sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, pensada para os últimos niveis de primaria e secundaria, (4º de primaria, 5º, 6º...) e ademáis da dixital estiven collendo e modificando algunhas das probas para xerar unha "sala de fuga" real (como as que facía pre-pandemia, digamos).
Imos primeiro coa versión web.
É un xogo de probas no que cada pantalla ten e aspectos da vida e obra de Florencio Delgado cos que obter constrasinais para ir desevelando cada vez máis información (e evitar que o feitizo "Lobos da xente" oculte todos os datos e obras) todo ganduxado con anacos e selección de documentos reais que fun compilando.
Neste xogo empreguei documentos dunha entrevista real que lle fixeron en Guadalajara (México) e da que tamén atopei a transcrición literal, xenuínos telegramas sobre os "barcos da liberdade", o documento real da listaxe e datos dos pasaxeiros/as do Ipanema (barco no que emigrou) e mesmo os diarios que se editaron na propia viaxe, obras, revistas, poemas, homenaxes, etc.)
Así que AQUÍ queda por se a alguén lle é de utilidade ou lle serve para descubrir a este homenaxeado co que eu xa tanto levo desfrutado.
Por certo, na web do xogo queda tamén un apartado de "referencias" con todas as ligazóns e documentos empregados completos que coido que poden ser de utilidade para moitas outras cousas, actividades, investigacións ou mesmo saciar a curiosidade que poida xerar o asunto...
Sobre a sala de fuga "real", a intención é que a xoguen os grupos maiores que non participaron noutras tarefas cara o comezo do mes de maio; e para pasar esta a ese formato o que fixen é transformar un pouco as probas e os resultados que dan; uns levan a sobres con números ou caixas (por exemplo caixas con nomes dos barcos e dentro da correcta unha proba e outra caixa con fechadura á que chegarán noutro momento coa chave, outras directamente a distintos tipos de cadeado...). (Tamén organicei para que cada equipo comece nun punto dinstinto e así non coincidir nos retos á vez)
Cara o final preparei unha diferenciación na que cada un dos 4 equipos ten unha proba que lles da; por un lado unha chave para o cadeado final e por outro un reto no que sacar unha foto cunha cámara instantánea formando cos seus propios corpos unhas letras.
Entre as letras dos catro equipos deben concluír formando as palabras "Galiza infinda" coas que, se son montadas sobre unha plantilla coma como a que poño aquí debaixo, entre todos terán o código do último cadeado (cadeado de 6 letras) co que abrir a derradeira caixa e obter a recompensa.
De verdade que desfrutei moito con toda esta información e documentos e creo que os cursos aos que nomeei "especialistas en Letras Galegas" e xa xogaron tamén, así que se a alguén máis lle é de utilidade... eu feliz.
Entre as cousiñas que se me van acumulando non quería deixar de partillar o xogo interactivo "Descubrindo a Xela" que fixen co gallo do Día das Letras Galegas.
Se ben é unha conmemoración da que desfruto moitísimo e coa que xa levamos bastante tempo traballado, agora que se achega a data en si, creei un xogo de pistas no cal deberon procurar información pola "biblio" (virtual). A historia cóntalles que estaban tan concentrados/as na biblio que todo o mundo marchou e quedaron dentro e que agora deben recoller a información e saír cos arquivos necesarios antes de que chegue o autobús.
Nada máis comezar aparecen (virtualmente) dentro dunha biblioteca pola cal deben ir buscando as pistas e superando os retos ata chegar a pantalla final para saír coa documentación. (Ollo, deu algún erro o xogo con aqueles rapaces/zas que abrían empregando Firefox pero abrimos con Chrome e foi perfecto)
Podedes acceder desde ESTA web que abre con este pequeno vídeo como disparador da actividade
A pantalla final do xogo premia aos/ás, agora, expertos/as en Xela Arias coa posibilidade de participar nun proxecto de fotografía e poesía (en realidade farémolo todos/as na clase) que aínda está en construción pero tamén cun montón de recursos (cos que sae da "biblio" despois da investigación), desde o vídeo-documental en capítulos sobre Xela Arias da RAG, a unha listaxe de cancións da cal estamos empregando algunha e distintos cursos, o programa de radio que fixeron, etc.
O que fixen cos máis maiores foi pedirlles que xogaran de xeito individual (teñen un disposittivo para cada un/ha) e, a primeira persoa en chegar á pantalla final debeu achegarse a unha zona cun pulsador, botar xel e pulsar, entón todos/as levantaron as mans do teclado, se a persoa que pulsou é quen de dar resposta ás 5 preguntas dunha tarxeta que lle formulo gaña o xogo, se non é así volve ao sitio e todos poden seguir xogando mentres el/ela e pode buscar máis información; se outra persoa remata repite o proceso do pulsador e formúlanse as preguntas doutra tarxeta e así... (en realidade, nunha clase, dous dos que chegaran ao final aliáronse para dar resposta ás preguntas)
Deixo AQUÍ algunhas tarxetas tamén por se as queredes empregar..
Ao final é unha actividade bastante sinxela pero que me permitiu traballar distintos aspectos que precisaba e coa que o pasamos bastante ben, a verdade, así que se a alguén lle é de utilidade aquí queda...
Agardo atopar os momentos para partillar as cousas que van quedando no tinteiro, mentres... algunhas déixanse ver de cando en cando polo Instagram se queredes botar un ollo...
Agardo tamén que esteades todos e todas ben, sen dúbida está sendo un curso complicado e os niveles de... estrés (entre outros sentimentos e sensacións) son altos así que envío moitos folgos a todas e todos.
Non sei como chegamos ata aquí pero de súpeto resta só un mes (e un día) para o Día das Letras Galegas, un Día das Letras que non se sabe como vai transcurrir, polo de agora con actos oficiais adiados a outubro e con voces que se erguen pedindo un 2021 para Carvalho Calero... é que... tantos anos agardando por un Día das Letras para el e agora... semella que temos outras cousas máis urxentes que atender.
O certo é que si, afirmativo, temos outras cousas máis urxentes que atender pero ben, aínda así achego a miña proposta, adaptada a tempos de confinamento.
É unha proposta pensada para 6º de primaria e secundaria (tamén para que a probedes os adultos).
O caso é que eu, en terceiro ciclo, como sabedes, adoito crear unha especie de "Break Out" ou "EscapeRoom" distinto cada ano (aquí no que liberaron o antídoto contra a desigualade o ano pasado) e este ano faría algo similar... mais as cousas mudaron pero seguindo un pouco ese espíritu e pensando en que tiveran algo semellante pero desde o fogar creei este "Break Out" dixital.
É un xogo de pistas, códigos, investigacións...como unha serie de puzzles con informacións sobre o Día das Letras e sobre Carvalho Calero para ir descubrindo e que van dando contrasinais para ir de pista en pista obtendo información.
Por suposto, eu tamén agardo e desexo estar nas aulas para o 15 de maio (o 17 é domingo) pero como todas e todos sabedes, polo xeral, o traballo para o descubrimento e coñecemento do homenaxeado adoita comezar bastante antes... así que esta foi a miña argallada para ilo facendo.
Un xogo que nos reta e pretende entreternos un anaco do día e, de camiño, descubrirnos a Ricardo Carvalho Calero e o seu enorme labor a prol da nosa lingua.
O xogo coido que funciona de xeito aceptable nos móbiles mais sempre será máis doado usalo en ordenador, é unha forma de achegar a celebración do día e tamén información sobre o homenaxeado, a súa vida e obra, aos fogares (ou aulas de informática...) Encantaríame que o probarades se vos apetece (e que participarades do "Cadavre Exquisito" final tamén...).
Nin cedo nin tarde, unha vez máis achégase o maio e a correspondente celebración do Día das Letras Galegas. É unha das miñas conmemoracións favoritas pola oportunidade que da, cada ano, de descubrir un autor (neste caso autora, por fin, "só" levamos un balance 54-4...) cos cales ir seleccionando os que máis nos gustan, os que non, as obras que máis nos chaman a atención, as vidas dos escritores/as galegos, etc.
Aquí déixovos a web que elaborei na que creei unha serie de recursos que irei empregando con distintos grupos do meu cole, o certo é que ata o día das Letras é moi probable que esta entrada se amplie en contidos mais vou deixando unha serie de ideas e recursos.
Biografía sonorizada: Unha biografía da autora, escrita para descubrir nela non só a súa traxectoria vital senon tamén seccións susceptibles de ser sonorizadas e ás que lles engadiremos os nosos efectos de son. Poderedes atopar as actividades paso a paso e tamén o material descargable que emprego.
Fichas descargables: 6 fichas descargables para o traballo sobre anacos de obras da autora coas que descubrir a esencia da galardoada.
Regueifa das Letras: Actividade coa que traballar a regueifa, arte da improvisación versada a través da vida e obra da autora e da propia conmemoración. Atoparedes como desenvolvo a actividade paso a paso e o material descargable correspondente.
Pílulas de Victoria: Actividade de traballo audiovisual co que sumerxirnos nun mini-proxecto en grupo para a difusión da vida e obra da autora e ao que incorporaremos realidade virtural nunha fase final. Tamén está o paso a paso e o material.
Concurso das Letras: Mini concurso ou test ao estilo do 50x15 sobre a conmemoración e a galardoada e a súa obra.
Tiña xa moitas ganas de achegar esta tarefa que reúne moitos factores moi interesantes: creatividade, tradición, música, lingua, poesía, rima, métrica, improvisación, colaboración... sona ben, non é?
Seguro que todos e todas escoitáchedes algunha vez falar da regueifa, unha regueifa é un desafío oral improvisado e en verso, algo que lembra moito ao que coñecen coma "batalla de galos". A súa orixe pérdese no tempo mais o certo é que hoxe en día non quedan moitos regueifeiros e regueifeiras e é aquí onde chega o encargo para o alumnado.
O proxecto que elaborei para a miña aula segue uns pasos para iniciar ao alumnado no coñecemento e creación da regueifa para transformarse en "salvadores/as da regueifa".
(Clic na imaxe se queres acceder ao proxecto)
Este proxecto é susceptible de ser adaptado, de xeito moi sinxelo, a contextos diversos (por exemplo, na área de lingua) máis eu desenvólvoo desde a clase de música e tamén a distintos niveis xa que ata os máis pequenos/as, cun pouco de entrenamento, poden crear unhas regueifas incríbles que vos deixen abraiados/as. Palabra.
Este ano, os meus heroes e heroínas da regueifa son os de 3º pero se entrades naweb do proxectodescubriredes que este se pode desenvolver noutros cursos con leves adaptacións que modulen o nivel de esixencia.
O proxecto comeza por explicar un pouco que é a regueifa, como se constrúe e cal é noso encargo.
Despois conta cunha serie de tarefas pensadas para "entrenar" as facultades regueifeiras comezando por facer unha escrita (non improvisada) nun tempo determinado, despois por crear unha listaxe de palabras que rimen (tamén nun tempo límite), etc.
No percorrido das tarefas o alumnado gaña axilidade e destrezas de improvisación, rima, exposición, etc. de xeito moi notable ata crear a regueifa grupal definitiva.
Veredes que a curva de aprendizaxe é moi pronunciada, a evolución é, en xeral, moi rápida ao ir realizando as actividades.
Por último, e non menos importante, os heróes e heroínas regueifeiros/as deben espallar a súa mensaxe, daráse difusión á gravación e tamén ás estrofas acompañadas dunha imaxe cada un deles/as debe crear e aportar para a posterior publicación nunha rede social.
O proxecto inclúe un apartado de coavaliación (no que o alumnado valora o traballo dos seus compañeiros/as) e avaliación a ter en conta, apartado ao que adoitamos acudir desde o inicio da tarefa para ter claro que se pide de nós, a que debemos prestar atención, etc.
E no futuro? Regueifamos polo nadal? pola paz? pola igualdade? polas letras?... os heróes e heroínas da regueifa non descansan!
O certo é que na clase é un éxito de motivación e interese, e observar a incríble mellora no uso da lingua, improvisación, rima... é moi gratificante así que agardo que o material vos guste ou interese!
Chega maio e non pode faltar a aportación para o Día das Letras Galegas.
Se xa redes visitado un pouco o blogue saberedes que os proxectos que involucran traballo en grupo, algo creativo e podemos engadir algo de vídeo gústanme moito xa que soen dar moi bos resultados, o grupo adoita implicarse moito e sempre superan con creces os obxectivos propostos.
O primeiro que traio é un mini-video proxecto, moi sinxelo e guiado para poder desenrolalo con nenos/as desde 1º (con maior nivel de intervención).
Trátase de coñecer un chisco da obra de Carlos Casares coa fin de despertar curiosidade para adentrarnos las historias de Toribio, os contos da Galiña azul, etc.
Imos seleccionar un trociño dunha das súas obras ou un poema e planificar unha idea creativa a partires do texto, é dicir, hai que reflexionar sobre o contido do texto e o seu significado.
A idea inicial é realizar un micro-vídeo en stop motion mais xa sabemos que cada grupo é un mundo e pode achegar outras ideas que poderemos acoller.
O vídeo incluirá tamén audio do texto que se representa e pretendemos que sexa un pequeno spot, unha suxerencia para lectores, un pequeno xerme que esperte interese e curiosidade, ganas de descubri-la obra de Carlos Casares, en definitiva.
Pero aínda hai máis, estiven preparando unha caza do tesouro empregando códigos QR para facer pola escola, o certo é que o material completo non é adecuado para calquera centro xa que inclúe pistas que só a comunidade de cada cole descifraría como:
"No mar de libros do cole
o animal máis tranquilo ten a segunda proba"
Esa pista lévanos á biblioteca (mar de libros) onde hai unha parede cunha balea pintada. A balea é a mascota dun proxecto de centro sobre atención e calma, e, por tanto, "o animal más tranquilo", pero aínda así, aquí paso a miña idea, ao mellor inspira outras para os vosos centros.
1. Preparei preguntas sobre a vida de Carlos Casares como:
"O Camiño leva a esta cidade donde Carlos se fai mozo, devorando ata os libros prohibidos polo galego loitando moito".
2. Tamén retos (recitar, gravarse representando un diálogo moi curto de "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas", crear unha nova portada para "A Galiña Azul" ou deseñar un "doodle" de Google para conmemorar o día das Letras Galegas).
3. E empregando ActionBound creei o xogo de pistas co cal deberán percorre-lo centro dando resposta aos retos, escaneando os códigos QR e avanzando ata a última proba.
Unha alternativa mais sinxela que ActionBound é Qr Treasure Hunt Generator, non é tan completa pero fai perfectamente a súa función, só terás que darlle a cada equipo ou neno/a unha ficha de recollida de respostas aos retos e preguntas xa que non é autocorrexible, entón poden presentar esa ficha na proba final onde se comprobarán os puntos acadados, retos superados, etc. por exemplo, pode establecerse un mínimo de puntos para acceder á proba final de xeito que teñan que repetir algunha proba se non chegan cos suficientes retos superados.
Tamén elaborei este pequeno xogo de preguntas de localización que emprega Google Maps, se accededes o xogo vai facendo preguntas da vida e obra de Carlos Casares relacionadas con localizacións que debedes atopar no mapa para superar as misións (son moediñas), todas as preguntas coido que contan con suficientes pistas de xeito que aínda que non se coñeza a resposta sexamos quen de buscala cunha breve investigación e localizala para aprender sobre estos feitos. (Agardo que vos guste!)
Ademáis nada coma mergullarse na biblioteca e botar contas dos exemplares que temos do autor (Galaxia ven de re-editar a colección de contos de Toribio!) así coma dos numerosos recursos impresos, fichiñas que elabora o Seminario Galán cada ano ou outros ben chulos da web Primavera das Letras.
A falta dun mes para a conmemoración do Día das Letras Galegas aquí ven a proposta para traballala con tempo e chegar ao resultado final na data sinalada.
Temos unha tarefiña que mistura unha pequena investigación sobre o galardoado deste ano, coa creatividade e expresión artística así coma tamén coa introducción a ferramentas sinxelas de edición de video ou un uso funcional para os códigos QR. Que vos parece? Veña, dádelle unha oportunidade e seguide lendo...
Para a tarefa podemos empregar a seguinte ligazón web para orientar o traballo que comezará, recopilando uns cantos datos importantes sobre o galardoado. A quen se lle adica o día este ano? Quen foi? Que escribiu? Que destacamos del?...
Despois adentrarémonos no proceso creativo, deseñando un pequeno vídeo (ata 30 segundos) con algún dato da vida ou obra o do autor, a nosa proposta é empregar algúns versos ou frases da súa obra acompañados de voz, vídeo, música e/ou fotografía. Faremos o bosquexo da nosa idea paso a paso e despois levarémolo a cabo e editarémolo.
Finalmente crearemos uns códigos QR que alberguen ditos videos para poder expoñelos á entrada do centro, nos cartaces da celebración do día das letras e mesmo nos trípticos do día para que as nosas familias e amigos poidan escanealos cos seus dispositivos móbiles e desfrutar das nosas video creacións.
Este traballo pode plantexarse de distintos xeitos para adaptarnos aos nosos grupos, podemos facer equipos mixtos e que cada un traballe a súa proposta, grupos de expertos que se adiquen a cada fase do proxecto, parellas ou mesmo incluír propostas individuais. Así como destacar os elementos que creamos convintes: a parte de investigación, a creatividade, o desenvolvemento no emprego das TIC, o traballo colaborativo...
Anímovos a probar pequenos retos coma este e a achegarme outras propostas xa que eu teño comprobado o seu funcionamento adaptándoos a distintos tipos de grupos e tanto o proceso coma os resultados remataron sendo moi satisfactorios e enriquecedores.