08/08/2020

Axenda docente 20-21 descargable

Aquí estamos, 

Sen dúbida achégase o curso máis confuso ao que me enfrontei nunca (e mira que ao que rematou chegoulle!); a crise da Covid19 veu para remexelo todo a todos os niveis e a incertidume é inmensa, por máis "protocolos" que publican, as inquedanzas permanecen e sinto que imos cara unha marusía que non sei como navegaremos só que procuraremos non afundir mentres loitamos nas ondas por ter un ensino de calidade e seguro para todos/as.

No medio desta marexada eu tamén procuro áncoras; non podo evitar pensar, programar, "argallar" aínda que as múltiples variables que andan en xogo deixen todo con centos de fíos soltos (se se pode así, ou quizás mellor facelo deste outro xeito, ou se non...) e unha das áncoras foi facer a miña axenda deste curso, non está claro o que levará dentro pero o curso sucederá así que aferreime a unha das poucas certidumes (supoño).
Como sabedes doutros anos a miña axenda é moooi simple porque ao final, é o que uso eu, non son de levar grandes libros de avaliacións e demáis e incluso imprimo por trimestres... (tedes máis info sobre como me organizo nas entradas doutros anos).

Neste caso ten as capas, folla de datos, calendario escolar, horarios (algunha folla extra), portadas para cada trimestre e, diante de cada mes o calendario mensual (ademáis das follas da planificación de actividades (semana vista), claro) este ano procurei inclúir tamén no planificador e nos calendarios datas sinaladas (semana da prensa, día da muller, das Letras, etc.) así como uns sutís puntiños coma fondo de páxina que sirven de guía.

Ademáis tedes aquí outro arquivo con algunhas outras páxinas: portadas para claustros, Consello Escolar, cursos/grupos/PFPP..., a nosa biblio e ideas; tamén a páxina de "Parabéns para tí" e ademáis unhas pequenas fichiñas ou etiquetas para empregar como marcadores: dos meses do curso e de seccións (tamén follas adicionais e unha portada alternativa).

A axenda ten cor pero coido que está tratada dun xeito que se se imprime en escala de grises o resultado non ten porque ser malo, e eu, por exemplo, imprimín as capas (coa portada alternativa) en folios  de cor, ben, neste caso nos folios reciclados dos "antigos" esos que tiñan esa tonalidade entre marrón e grisáceo...


Chegará o novo curso e vai facer falta máis que ilusión e profesionalidade, chegará, sen dúbida, entre importantes medidas porque é como ten que ser, ademáis, para min, estas medidas esixen tamén máis investimento e persoal nos centros para minimizar os riscos e á vez procurar unha calidade educativa a todos os niveis; os equipos docentes non somos avaliadores de riscos sanitarios, nin médicos, nin arquitectos, nin... e coido que non podemos asumir tooodo ese tipo de responsabilidades sen axuda, pero isto é outra historia que da para moito... voltaremos ás aulas con ideas e forza, eu devezo porque chegue ese momento e ogallá sexa nunhas condicións seguras para todos/as e con recursos para continuar desenvolvendo experiencias educativas enriquecedoras, diversas, adaptables, participativas, etc. (non podemos dar pasos atrás na calidade...) o escenario non é cómodo e a lectura dos protocolos produce calafríos nalgúns puntos pero, como sexa, a vontade e a ilusión de cada curso están presentes e esas, poden ser outra áncora e outro faro.

Aquí queda a miña axenda, por se é de utilidade para alguén, non hai máis que descargar e imprimir (pódese descargar directamente desde os "slideshares" de arriba (aquí a axenda e aquí as páxinas adicionais) e quedan os arquivos tamén neste cartafol, se hai problemas sabedes que podedes contactar e mándovos os arquivos por mail) mentres, eu sigo procurando áncoras, faros e aparellos cos que navegar o curso que está por vir e mándovos moita sorte e folgos así como agardo tamén que desfrutedes na medida do posible das vacacións porque o certo é que, sen dúbida, van máis que gañadas.

Saúdos e saúde desde a fiestra!