01/05/2021

Descubrindo a Xela, un xogo polas Letras

Ola! 

Estou aquí...

Entre as cousiñas que se me van acumulando non quería deixar de partillar o xogo interactivo "Descubrindo a Xela" que fixen co gallo do Día das Letras Galegas.


Se ben é unha conmemoración da que desfruto moitísimo e coa que xa levamos bastante tempo traballado, agora que se achega a data en si, creei un xogo de pistas no cal deberon procurar información pola "biblio" (virtual). A historia cóntalles que estaban tan concentrados/as na biblio que todo o mundo marchou e quedaron dentro e que agora deben recoller a información e saír cos arquivos necesarios antes de que chegue o autobús.

Nada máis comezar aparecen (virtualmente) dentro dunha biblioteca pola cal deben ir buscando as pistas e superando os retos ata chegar a pantalla final para saír coa documentación. (Ollo, deu algún erro o xogo con aqueles rapaces/zas que abrían empregando Firefox pero abrimos con Chrome e foi perfecto)

Podedes acceder desde ESTA web que abre con este pequeno vídeo como disparador da actividade

[Ligazón: https://afiestradamestra.wixsite.com/descubrindoaxela ]

A pantalla final do xogo premia aos/ás, agora, expertos/as en Xela Arias coa posibilidade de participar nun proxecto de fotografía e poesía (en realidade farémolo todos/as na clase) que aínda está en construción pero tamén cun montón de recursos (cos que sae da "biblio" despois da investigación), desde o vídeo-documental en capítulos sobre Xela Arias da RAG, a unha listaxe de cancións da cal estamos empregando algunha e distintos cursos, o programa de radio que fixeron, etc.

O que fixen cos máis maiores foi pedirlles que xogaran de xeito individual (teñen un disposittivo para cada un/ha) e, a primeira persoa en chegar á pantalla final debeu achegarse a unha zona cun pulsador, botar xel e pulsar, entón todos/as levantaron as mans do teclado, se a persoa que pulsou é quen de dar resposta ás 5 preguntas dunha tarxeta que lle formulo gaña o xogo, se non é así volve ao sitio e todos poden seguir xogando mentres el/ela e pode buscar máis información; se outra persoa remata repite o proceso do pulsador e formúlanse as preguntas doutra tarxeta e así... (en realidade, nunha clase, dous dos que chegaran ao final aliáronse para dar resposta ás preguntas)

Deixo AQUÍ algunhas tarxetas tamén por se as queredes empregar..


Ao final é unha actividade bastante sinxela pero que me permitiu traballar distintos aspectos que precisaba e coa que o pasamos bastante ben, a verdade, así que se a alguén lle é de utilidade aquí queda...

Agardo atopar os momentos para partillar as cousas que van quedando no tinteiro, mentres... algunhas déixanse ver de cando en cando polo Instagram se queredes botar un ollo...

Agardo tamén que esteades todos e todas ben, sen dúbida está sendo un curso complicado e os niveles de... estrés (entre outros sentimentos e sensacións) son altos así que envío moitos folgos a todas e todos.

Saúdos e saúde desde a fiestra!