03/03/2021

O antídoto contra a desigualdade: "Escape Room" virtual

 Bo día, 

Se lembrades ou ledes AQUÍ hai uns cursos fixen un "escaperoom" (máis ben un BreakOut) físicamente no cole no cal a narrativa versaba sobre a procura, en equipos, do antídoto contra a desigualdade.  (Tamén fixen oustros como por exemplo esta vez un sobre música, ou e este virtual sobre Carvalho Calero e o Día das Letras Galegas do 2020

O caso é que funcionara moi ben e quedaramos tanto eu como o alumnado moi satisfeitos coa experiencia así que este ano xa tiña de novo a teima rondando e decidín tratar de transformar aquela experiencia "física" na cal os equipos movíanse, procuraban en distintos espazos, medios, etc. en algo completamente virtual.


O reto é o mesmo, axudar a atopar o antídoto contra a desigualdade que ten agochado o infame Matt, Matt Chismo e pasei a experiencia a ESTA web.

Aquí está o mini vídeo co que comeza a historia:


No acceso veredes que está plantexado por unha banda para acceso en 4 equipos (ou 4 xogadores/as) ou outro acceso que é para desenvolvemento completo individual ou en gran grupo (toda a clase), difiren nalgúns aspectos.



A primeira proba chámase "A liña lila do tempo" e consiste en poñer en orde cronolóxica 4 eventos relacionado coa historia do feminismo para obter o contranisal que abre o primeiro candado cara o antídoto.

Se entramos coma equipos cada equipo ten 4 eventos distintos, eu plantexeino de xeito que cada fila da aula é un equipo (todos/as buscan información  para o equipo desde os seus postos, poden distribuirse e pasar duns a outros o que atopan falando ou nunha sala de conversa virtual que abren paralelamente para así introducir o mesmo código), se entran individualmente ou o facemos como gran grupo atoparán só 4 eventos que poñer en orde (así o fixen, en gran grupo, empregando a PDI e eles os seus dispositivos para a busca de información, por exemplo, en 4º de primaria, de xeito que ao resolver a proba obtivemos o primeiro número para o candado final).


A
segunda proba é un test de mitos do amor romántico que tras a súa resolución da o pase á seguinte proba na que poñer nome a unha muller referente (en gran grupo/ individual aquí obteríamos o segundo e terceiro números do candado final mentres que en equipos cada equipo ten pistas para procurar o nome dunha muller distinta, co nome abren o candado e pasan á seguinte proba). (Aproveitei e unha das mulleres é Xela Arias...)


A cuarta proba
para chegar ao antídoto son unha serie de preguntas que plantexa Matt Chismo e que versan sobre conceptos relacionados coa igualdade tales coma fenda salarial, taxa rosa, sororidade, etc. Se chegamos a esta proba por equipos aquí cada equipo obterá un número distinto co que, entre todos/as poderemos abrir o candado final, se, pola contra, chegamos aquí individualmente ou en gran grupo o que obteremos será o cuarto número para a apertura do candado final.

O candado final chega se superamos todas as probas dándonos acceso ao antídoto e alí atopan para comezar unha imaxe en negro.

"Que vedes?" pregunto. "Nada" responderon nos grupos e como estaban cos seus dispositivos diante proseguín "Que vedes así, na pantalla en negro do voso dispositivo?" miraron e de súpeto puxéronse a exclamar sorprendidos/as "A min!!!!" e en cada grupo sempre hai alguén que é o/a primeiro/a en concluír "Somos o antídoto!!!" a ledicia pola sorpresa e por chegar á conclusión contáxiase rápidamente, entón baixamos na pantalla e atopan efectivamente a mensaxe que o explica.

Eu concluín entregando tamén un recordatorio/recompensa en forma de lazo violeta.

A experiencia, aínda que distinta da "física" volveu ser un éxito e rápidamente pediron que a ligazón fora colgada na aula virtual para poder acceder desde a casa así que a satisfación foi enorme.

(Ao final tamén hai unha sección con outros recursos relacionados, descargables, etc. en construción...)

Así que, agora que se achega a conmemoración do 8 de marzo aquí queda o recurso por que a alguén máis lle é de utilidade ou inspiración!

Agardo que sigades ben, 

Saúdos e saúde desde a fiestra.