Hoxe que saco un anaco de tempo ao tempo vou deixar aquí unha parte do material de inverno...
Hai dous imprimibles de cartas para xogar.
Un é un tabú temático de inverno/nadal. Un xogo que sempre resulta no fomento da expresión oral, incremento de vocabulario e do que se poden facer moitas variantes na aula. En resumo, que para min é de utilidade e por iso está aí.
O outro xogo de cartas é unha versión do xogo "Taco, gato, cabra, queso, pizza". Este é un xogo que moitos nenos e nenas xa coñecen; de mecánica sinxela e rápida e tamén divertido, por iso decidín facer unha versión para aulas e biblio coa que asentar uso da lingua noutros contextos e tamén o traballo que realizamos arredor do inverno e nadal aquí. Neste caso, no canto de "Taco, gato, cabra, queso, pizza" empregamos "saco, rato, masa, zoca, piña" e as cartas especiais son "trubinco", "tizón" e "zambomba". Un éxito.
Deixo tamén un lote de imprimibles básicos, están marcados con niveis do 1 ao 4. E outro lote con plastificables sinxelos (retos de lego, de policubos, tres en liña, busca e conta, puzzles...) Ademáis dun mapa para Beebot que xa empregamos outro ano.
Por último hai un pequeno xogo de probas feito en Genially que xira en torno ao nadal, o Apalpador e os trubincos.
AQUÍ podes descargar unha única páxina en PDF interactivo de xeito que fas clic en cada elemento e xa vas directamente á descarga ou acceso.
Ah, e tamén este pequeno almanaque ata as vacacións...
Volven quedar cousiñas pero se algo disto vos é de utilidade para as aulas... pois aí queda, con agarimo.
O tempo pasa e as cousas pendentes va quedando mais veño cunha aportación entroideira...
Este curso, na escola, decidimos darlle un pulo ao entroido choqueiro, tendo feito outros anos os nosos pequenos estudos etnográficos de distintos xeitos de celebración do entroido (Laza, Verín, Samede, Viana, Manzaneda, Entrimo, Chantada...) sentimos que esquecíamos un pouco o de máis preto, o entroido choqueiro. e que era hora de apostar por el.
Ademáis disto, deixo aquí algúns dos recursos a empregar:
"Os farrapos do entroido" é un xogo ao estilo "sala de fuga" no cal se nos di que, hai tanto tempo que non subimos ao faiado que cando queremos ir para coller farrapos para a nosa vestimenta choqueira non lembramos o contrasinal da porta mais, como somos precavidos e precavidas deixáramos un xogo de pistas cos que recopilar os 4 números que abren a porta (non iamos deixar o contrasinal anotado de calquera forma, claro...) o xogo transcorre descubrindo algúns datos sobre o entroido choqueiro, a súa forma de celebración, estilo, cambios, etc. ata que podemos abrir a porta.
Ademáis, no faiado non só atopamos roupas e farrapos senón que tamén algúns outros recursos para seguir traballando (na pantalla final do xogo).
Un xogo de dado imprimible para crear e describir as roupas do noso"choqueiro a sortes", proposta para crear os nosos propios "apropósitos" do entroio, un imprimible para crear, decorar e montar as nosas "chocas", unha proposta de teatriño improvisado a partir dunha crónica choqueira da época, un cartaz para colorear...
Ademáis temos o noso mini-libro dos mandadiños do Meco para completar e ilustrar, e andamos a ensaiar ritmos do noso propio folión con instrumentos e obxectos sonoros...esas cousas que se fan!
Aquí queda tamén por se é de utilidade, sen máis... agardo que esteades a ter un bo curso e que cada vez vaia quedando máis ao lado a "non-normalidade", coidádevos moito.
O caso é que funcionara moi ben e quedaramos tanto eu como o alumnado moi satisfeitos coa experiencia así que este ano xa tiña de novo a teima rondando e decidín tratar de transformar aquela experiencia "física" na cal os equipos movíanse, procuraban en distintos espazos, medios, etc. en algo completamente virtual.
O reto é o mesmo, axudar a atopar o antídoto contra a desigualdade que ten agochado o infame Matt, Matt Chismo e pasei a experiencia a ESTA web.
Aquí está o mini vídeo co que comeza a historia:
No acceso veredes que está plantexado por unha banda para acceso en 4 equipos (ou 4 xogadores/as) ou outro acceso que é para desenvolvemento completo individual ou en gran grupo (toda a clase), difiren nalgúns aspectos.
A primeira proba chámase "A liña lila do tempo" e consiste en poñer en orde cronolóxica 4 eventos relacionado coa historia do feminismo para obter o contranisal que abre o primeiro candado cara o antídoto.
Se entramos coma equipos cada equipo ten 4 eventos distintos, eu plantexeino de xeito que cada fila da aula é un equipo (todos/as buscan información para o equipo desde os seus postos, poden distribuirse e pasar duns a outros o que atopan falando ou nunha sala de conversa virtual que abren paralelamente para así introducir o mesmo código), se entran individualmente ou o facemos como gran grupo atoparán só 4 eventos que poñer en orde (así o fixen, en gran grupo, empregando a PDI e eles os seus dispositivos para a busca de información, por exemplo, en 4º de primaria, de xeito que ao resolver a proba obtivemos o primeiro número para o candado final).
A segunda proba é un test de mitos do amor romántico que tras a súa resolución da o pase á seguinte proba na que poñer nome a unha muller referente (en gran grupo/ individual aquí obteríamos o segundo e terceiro números do candado final mentres que en equipos cada equipo ten pistas para procurar o nome dunha muller distinta, co nome abren o candado e pasan á seguinte proba). (Aproveitei e unha das mulleres é Xela Arias...)
A cuarta proba para chegar ao antídoto son unha serie de preguntas que plantexa Matt Chismo e que versan sobre conceptos relacionados coa igualdade tales coma fenda salarial, taxa rosa, sororidade, etc. Se chegamos a esta proba por equipos aquí cada equipo obterá un número distinto co que, entre todos/as poderemos abrir o candado final, se, pola contra, chegamos aquí individualmente ou en gran grupo o que obteremos será o cuarto número para a apertura do candado final.
O candado final chega se superamos todas as probas dándonos acceso ao antídoto e alí atopan para comezar unha imaxe en negro.
"Que vedes?" pregunto. "Nada" responderon nos grupos e como estaban cos seus dispositivos diante proseguín "Que vedes así, na pantalla en negro do voso dispositivo?" miraron e de súpeto puxéronse a exclamar sorprendidos/as "A min!!!!" e en cada grupo sempre hai alguén que é o/a primeiro/a en concluír "Somos o antídoto!!!" a ledicia pola sorpresa e por chegar á conclusión contáxiase rápidamente, entón baixamos na pantalla e atopan efectivamente a mensaxe que o explica.
Eu concluín entregando tamén un recordatorio/recompensa en forma de lazo violeta.
A experiencia, aínda que distinta da "física" volveu ser un éxito e rápidamente pediron que a ligazón fora colgada na aula virtual para poder acceder desde a casa así que a satisfación foi enorme.
(Ao final tamén hai unha sección con outros recursos relacionados, descargables, etc. en construción...)
Así que, agora que se achega a conmemoración do 8 de marzo aquí queda o recurso por que a alguén máis lle é de utilidade ou inspiración!