Amosando publicacións coa etiqueta edlg. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta edlg. Amosar todas as publicacións

16/04/2020

Letras Galegas 2020: Carvalho Calero! Un "escape room" dixital.

16 de abril! 
Non sei como chegamos ata aquí pero de súpeto resta só un mes (e un día) para o Día das Letras Galegas, un Día das Letras que non se sabe como vai transcurrir, polo de agora con actos oficiais adiados a outubro e con voces que se erguen pedindo un 2021 para Carvalho Calero... é que... tantos anos agardando por un Día das Letras para el e agora... semella que temos outras cousas máis urxentes que atender.

O certo é que si, afirmativo, temos outras cousas máis urxentes que atender pero ben, aínda así achego a miña proposta, adaptada a tempos de confinamento. 
É unha proposta pensada para 6º de primaria e secundaria (tamén para que a probedes os adultos).

O caso é que eu, en terceiro ciclo, como sabedes, adoito crear unha especie de "Break Out" ou "EscapeRoom" distinto cada ano (aquí no que liberaron o antídoto contra a desigualade o ano pasado) e este ano faría algo similar... mais as cousas mudaron pero seguindo un pouco ese espíritu e pensando en que tiveran algo semellante pero desde o fogar creei este "Break Out" dixital.

É un xogo de pistas, códigos, investigacións... como unha serie de puzzles con informacións sobre o Día das Letras e sobre Carvalho Calero para ir descubrindo e que van dando contrasinais para ir de pista en pista obtendo información.
Por suposto, eu tamén agardo e desexo estar nas aulas para o 15 de maio (o 17 é domingo) pero como todas e todos sabedes, polo xeral, o traballo para o descubrimento e coñecemento do homenaxeado adoita comezar bastante antes... así que esta foi a miña argallada para ilo facendo.

Un xogo que nos reta e pretende entreternos un anaco do día e, de camiño, descubrirnos a Ricardo Carvalho Calero e o seu enorme labor a prol da nosa lingua.





O xogo coido que funciona de xeito aceptable nos móbiles mais sempre será máis doado usalo en ordenador, é unha forma de achegar a celebración do día e tamén información sobre o homenaxeado, a súa vida e obra, aos fogares (ou aulas de informática...) Encantaríame que o probarades se vos apetece (e que participarades do "Cadavre Exquisito" final tamén...).



 


Déixovos co xogo, por si a alguén lle é de utilidade, como todo, podedes empregalo libremente, compartilo,...

Agardo que vos sexa de interese e/ou utilidade. 

Saúdos e, sobretodo, saúde desde a fiestra!



06/02/2019

Proposta de actividades: Rosalía de Castro, muller.

Non estou desaparecida, ben, un pouco si, pero é que este curso está sendo bastante distinto aos anteriores e parece que non atopo o espazo de tempo necesario para ir subindo todo o que me gustaría gardar neste pequeno arquivo que é o blogue, aos poucos recuperarei o ritmo pois hai moitas cousas que teño ganas de conservar nesta fiestriña.


O caso é que en nada estaremos conmemorando o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, a "nosa escritora máis universal" cuxo relato da súa vida e obra veuse tantas veces alterado, contada, en ocasións, coma chorona, nostálxica chea de saudades e incluso de escritura sinxela e doméstica, esquece este relato engadir a súa preocupación pola condición e sorte das mulleres, presente en toda a súa obra, unha muller tamén transgresora, librepensadora e de profunda escrita. 

Ben é certo que xa hai anos que distintos estudos se encargaron de devolver a Rosalía ao sitio que lle pertence así que sempre é posible acudir a eles para completar o relato.

Preocupada pola imaxe que se transmite acerca de esta escritora e acompañada polo proxecto de centro preparei unhas pequenas actividades para o alumnado dos niveis máis altos.

Todas as actividades parten da lectura  dalgún texto de Rosalía, ben sexa un poema, un prólogo, un parágrafo dunha obra, etc, e a partir da lectura comezará o debate, a reflexión, as preguntas e, finalmente, todas as propostas incorporan algunha tarefa que precise un certo nivel de implicación e creatividade (crear cartaces, comics, fotogramas...)

Pensadas para traballar tanto en gran grupo coma en equipos, elaboreinas coma un punto de partida distinto ao "adios rios, adios fontes" ou á "negra sombra" que pode derivar en moi diversas perspectivas e enfoques.

Queda aquí o material de libre descarga por si vos é de utilidade e ao que tamén podedes acceder na web xunto con algún que outro recurso recopilado.

Fai clic aquí ou na imaxe para acceder



Saúdos desde a fiestra!