Van quedando cousas no tinteiro pero aló vai outro trimestre e aproveito estos primeiros días do ano para partillar un pequeno material imprimible por se é de utilidade para alguén.
As coplas e cantigas populares veñen sendo recurso educativo (no ensino regrado e no informal tamén) desde a orixe dos tempos, supoño; son, para min, un material moi recorrente tanto nas aulas música (é unha obviedade) coma en lingua, por exemplo.
Lembro, sendo eu alumna de primaria, que un titor que tiven convidaba a outra persoa a unha das sesións semanais de lingua que tiñamos e esta persoa traia as cantigas que aprendimos. Ditaba, copiaba con esmero na pizarra, copiabamos nos cadernos, analizabamos teimudamente letra, rima, vocabulario... e cantabamos tamén. Cousas bastante básicas por unha banda pero cun aire diferente por outra... Non creo que aquel home falara nunca do valor daquelas cantigas ou o cancioneiro popular pero supoño que xa no lo estaba ensinando. Non lembro se aquel home era familiar do mestre, amigo ou mesmo un antigo compañeiro pero si lembro descubrir o "bocarte" que levaban os catro vellos mariñeiros despois de tanto vogar.
O caso é que algo quedou daquelo.
Si, as cantigas e coplas populares son un recurso manido para moitas de nós pero tamén un recurso moi valioso.
Xa que inauguramos este 2025, (un ano moi especial...) pois velaí vai este pequenísimo caderno arredor de dúas ducias de coplas. Non é un material que presente especial novidade nas actividades que propón pero pretende achegar valor polo seu contido compilado e accesible e o xeito no que complementa outras accións de ensino-aprendizaxe.
Non substitúe todo o traballo que se fai coas cantigas pero igual pode darlle un pulo dalgún xeito nalgunhas aulas. Son sinxelos pasatempos ou pequenas actividades alén do traballo de descubrimento, análise, interpretación, creación...
Sen máis, se che é de utilidade ou interese só tes que facer CLIC e descargalo. Listo para imprimir e empregar.
Non é ningún segredo que me encantan estas datas e sacarlles partido nas aulas; e se aproveitando que traballamos cincocentas cousas podo facer ao tempo que ao alumnado tamén lle interesen, divirtan e teñan querenza polo noso, pois mira...
Quedan aquí algúns xogos e materiais de Samaín que se suman a outros dos anos anteriores...
Se facedes CLIC aí ou na seguinte imaxe podedes descargar o PDF interactivo no que cada botón da esquerda do epígrafe vos leva directamente ao arquivo correspondente para descargar e empregar.
No arquivo hai desde xogos imprimibles a textos, un mapa para os Beebot, música...en fin, unha pequena escolma, un ano máis.
Van uns exemplos do que atopar:
Xogo "Onde vive quen", un sinxelo xogo de conversas con final aberto no que 8 personaxes (ánima, compaña, calvaquiño...) buscan o lugar idóneo onde vivir (cova, casa encantada, hórreo perdido...) as curtas descricións e a comunicación faran que tratemos de axudalos (instrucións no arquivo)
Manual das bruxas mariñeiras: Baseado no libro "O manual das bruxas" de Malcom Bird está este sinxelo "Manual das bruxas mariñeiras", eu imprimino coma "folleto" é dicir sendo cada páxina un A5 para ir completando os manuais.
Un mapa de misterios de Samaín:Un mapa dunha illa chea de misterios de Samaín que explorar cos Beebot. Está listo para imprimir e cortar cada peza axustado aos desprazamentos dos Beebot.
Atopa o argumento para a túa historia: Unha sinxela plantilla na que empregando a inicial, día e mes de nacemento podemos atopar unha idea da que xurda unha fantástica historia de Samaín.
Xornal de Samaín: 5 artigos adaptados e algunhas ideas de uso, ten un espazo na cabeceira de cada páxina para poñerlle nome ao xornal, pode ser o nome da biblio, da aula... (o noso proxecto deste curso vai da costa e cultura de mar de aí que moita temática intentemos relacionala...)
Seguramente deixo cousas polo camiño mais tamén podedes fedellar por entradas doutros anos e se algo vos é de utilidade, pois clic e listo para ser empregado.
Estou aquí, o curso empezou e non de xeito sinxelo, a verdade, estánsenos a poñer unha morea de retos por diante a cada momento e só queda... avanzar.
Agardo que todos e todas teñades o folgos precisos porque sen dúbida fan falta en situacións como as que, estou segura, estamos e vivir en todos os centros.
Achégome á fiestra para facer unha pequena escolma de materiais que emprego polo Samaín hai novidades que igual son de utilidade e tamén algúns que lembraredes doutras entradas:
Tendo en conta que este inicio de curso provocaba, cando menos, certo desconcerto, en 5º EP traballamos o texto e melodía dunha canción que viña moi acaída. Trátase de "Non teño medo" de Sofía Espiñeira. Primeiro repartin tiras de versos soltos numerados e decindo números e lendo fumos descubrindo o contido do tema e foi dando pé para falar e reflexionar (que versos faltan para ti?, que versos non te representan? cal é co que te sintes máis identificado/a?) Para seguir afondando e aprendendo a letra fixemos o clásico "fill in the gaps" e así case quedou aprendida, non houbo máis que animarse a cantar; primeiro sobre a orixinal e despois a capella. A verdade é que que queda moi xeitosa e pareceunos a todos/as moi propicia.
Os de 6º este ano imos percorrer todas as etapas do Camiño ao longo do curso (xa publicarei sobre isto...) o caso é que ao chegar á plena serra dos Ancares atopamos un Renubeiro, estos seres máxicos capaces de guiar nubes e capaz de enviarnos unha lea de lóstregos, tronos e raios para o noso camiño se non cumprimos o seu favor así que; non nos queda outra que poñerlle letra á súa cantarola se queremos seguir O Camiño cun tempo máis apacible. O certo é que esta quedando moi ben e a ver... que esta base que para nós é "Samaín en Triacastela" pois pode contar outras historias noutros lugares.
Sabedes que gostamos de sonorizar fotografías, poemas, e tamén curtas ou capítulos, AQUÍ podedes ver como desenvolvo a actividade, en 3º EP decidimos poñerlle nós os efectos sonoros a este capítulo da Pantera Rosa.
Jump in the line (Shake señora!) falando de cinema e música está, como non, Beetlechús e nos fixemos este ritmo con rotus e mans acompañado á clasica "Jump in the line" de Harry Bellafonte, na primeira volta coido que pensan "que lío!" na segunda vai sonando e de súpeto vólvese un éxito, é pasar a porta da aula e xa hai unha morea de cativada pedindo interpretar o "Shake señora"
Igual que con Jump in the Line calquera ritmograma de tema "samainesco" adoita ser exitoso, cada un para o seu nivel... por exemplo...
Este ritmo de mans cunha versión do "Spooky scary skeletons" (ritmograma tamén aquí para palillos por grupos ou outras opcións)
Ou este no que facemos equipos e empregamos distintos elementos de percusión corporal ou obxectos sonoros por cores...
Radio teatro e efectos sonoros: Son moi fan do uso do teatro, diálogo e radio teatro nas aulas como forma de mellorar a colaboración, a comunicación, a lingua, etc. Para o comezo do curso e vencellado ao Samaín en 4º estamos preparando e sonorizando dúas obras que remataremos gravando en formato podcast (diálogos e efectos sonoros!). Non podo deixar de recomendar estas dúas obras porque son unha delicia para o cometido, primeiro botamos unha lectura anotando xa sons imprescindibles e moitos xa quedan repartidos (quen fará que e con que elemento sonoro (obxectos, voz, percusións corporal...) tamén imos repartindo personaxes ao ir lendo xuntos/as.
A pequena compaña de Carlos Labraña: Premio Estornela de Teatro para nenos/as unha aventura de nenos perdidos, tradición e camiños ao Alén e con dazasete personaxes! Xenial.
Somos os monstros de Paula Carballeira: Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, un neno e unha nena perdidos, conversas no bosque, onde habitan os monstros!
Ademáis nalgún curso tamén nos animamos a
gravar as promocións de "Pánico no bosque dos corazóns murchos"
E como ía esquecer os "Contos Máxicos" de Samaín, todo un clásico nas miñas aulas e sempre un éxito, o poder da narración oral... as posibilidades son múltiples con este recurso, desde a escoita atenta da que desfrutan (Alerta! poden chegar a pedir que se lles conte o conto infinidade de veces!) a procurar que os maiores inventen os seus contos máxicos para partillar en vídeo ou videoconferencia con outras aulas.
Ademáis hai algunhas outras entradas anteriores relacionadas:
AQUÍ tedes un libriño do medo que fixera, ten xa uns cuantos anos pero cun lavado de cara segue a ser unha actividade de moito interese para facer co alumnado.
AQUÍ está o conxuro danzado, unha adaptación da danza dos sete saltos a través dun conto no que unha meiguiña perdeu o gorro. Sei que as danzas agora memos están limitadísimas pola situación sanitaria mais en grupos coma infantil...
AQUÍ o material para crear e sonorizar poemas de Samaín (e outras propostas)
Creo que por agora está ben... agardo sacar tempo pronto para subir cousas pendentes e sobre como estamos a vivir e organizar este atípico curso. Mando moito ánimo!
Son tempos confusos os que nos toca vivir, diso non hai dúbida... é tempo de responsabilidade, hixiene (física e mental) e, sen dúbida, de ficar na casa.
Agardo que todas e todos esteades ben e levando esta situación o mellor posible, pola miña banda, non van apenas uns días e xa boto moito en falta á rapazada, a aula o son das cadeiras que se arrastran... pero mantéñome moi activa e iso axuda.
Non vou facer unha longa disertación sobre como se artellou todo esto da "educación por medios telemáticos" e como se está (ou non) levando, o que sei é que hai milleiros de docentes procurando facer as cousas o mellor que pode ou sabe, botándolle unha cantidade de horas e esforzo incríble (parabéns e grazas a todas e todos), unhas veces acertando e outras non... (para escoitar despois algún (ir)resposable decir que estamos de vacacións ou algo así...).
O que queda meridianamente claro é que, o noso traballo nas aulas é insustituíble e son tantas as variables que cambian da ecuación dos nosos quefaceres docentes que chega a resultar frustrante, a atención individualizada dificúltase igual que a colaboración, acompañamento, e un longo etc. e na área de educación musical, pois nin vos conto.
Ademáis de para as mestras e mestres, esta situación está sendo difícil para todos, tamén para as familias e eso téñoo sempre presente, non podo entrar en cada fogar a ver se considero que vai ben o que propoño, ou calibrar como está a situación anímica, mesmo a organizativa ou de medios... é imposible e é algo que teño que delegar totalmente nas familias intento que non se sintan presionadas coas propostas que as vexan como posibilidade e tamén coma canle, trato de aportar comunicación, ideas e acompañamento (tamén egoístamente porque en serio, boto moito de menos ao alumnado e alégrame moito saber deles e delas), bastaríame con que souberan que estou deste lado da pantalla, que poden comunicarse, alterar as propostas, falar, aportar as súas ideas ou inquedanzas; bastaríame con que esto se parecera un pouco máis á aula.
Aproveitarei para publicar algúns dos recursos que adaptei un pouco á situación, porque si, a situación é a que é e todos os ritmos grupais, instrumentacións, composicións, etc. pasan nestes momentos a outro plano (o plano dos imposibles)
Neste recurso, por exemplo, propónse vencellar a arquitectura á música, dun xeito moi básico pero pretendendo dar unha oportunidade de realizar escoita activa, relacionar o que escoitamos co tanxible e incluso compartir un momento de creación artística lonxe do ruído que nos envolve estes días.
Propostas coma estas non son exclusivas do momento, fago moitas así na escola, forman parte das miñas programacións só que pode que, un pouco máis complexas ou abranguendo o tema en máis profundidade, iso é verdade...
O caso é que a idea comeza amosando un par de vídeos, como o órgano mariño de Zadar, despois trata de explicar a proposta e realizar un pequeno exercicio para practicala. Que forma arquitectónica ten un son? E unha obra? Ou como sona esta estructura?
No centro está a proposta en si de escoita e creación artísitca, e por último ten unhas propostas extra para ir máis alá.
Agardo que esteades todos e todas moi ben, toca coidarse moito e ir aos poucos, todo isto pasará; todo sairá ben.
Saúdos desde a fiestra e moita forza!
PD: (Na copia da web que comparto coas familias inclúo sempre o meu correo electrónico e tamén un cartafol de GDrive onde poden subir fotos, inquedanzas, resultados ou variacións das propostas, etc.)
Boas, aquí estou, abrindo unha vez máis a fiestra...
Hoxe traio unha actividade que sempre funcionou xenial nas miñas clases de música e coa que desenvolvemos a creatividade, a escoita, o coñecemento das cualidades do son e as características sonoras de instrumentos e obxectos, a atención, etc.
Nas clases temos sonorizado contos, poemas e mesmo tiras cómicas e biografías pero sen dúbida un dos favoritos e sonorizar historias visuais, vídeos.
Navegando pola rede sempre remato por atopar o vídeo ou fragmento que quero empregar dependendo dos elementos a incluír, o proxecto a traballar, o grupo co que o farei, etc. e unha vez teño eso organizo a actividade.
Neste caso empregamos unha adaptación da curta chamada "Cambio climático"(podes ver a curta se pinchas no título)
O primeiro que facemos é un visionado completo e mudo (sin volume), no que lles pido que observen tanto a historia como que elementos cren que debemos sonorizar.
Tras a charla posterior temos xeitos distintos de proceder, podemos, por exemplo, repartir fragmentos (con pequenas fichas con capturas do vídeo) a equipos pero por experiencia sempre resulta moito máis áxil facelo en gran grupo.
Nun novo visionado imos parando o vídeo aos poucos e imos preguntando que cren que debe soar ata aí e con que instrumentos ou elementos podemos facer os sons, con breves debates imos escollendo elementos e pedindo a distintos alumnos/as que collan o instrumento ou obxecto seleccionado.
Ás veces levo unhas capturas de planos con algúns sons que non queremos esquecer que levo xa anotados ou que poñemos no momento e no que imos anotando tamén os obxectos sonoros escollidos, algo como esto:
Cada pouco imos probando o que levamos por si cremos que deixamos algún son sen facer ou por se podemos mellorar algún efecto e pouco a pouco imos construíndo a obra.
É un proceso moi enriquecedor, colectivo e creativo que engancha ao alumnado co que exploramos o son, as texturas, etc. e co que facemos tamén gala da capacidade de atención ao ter que estar moi pendientes da imaxe para realizar a nosa sonorización en riguroso directo.
O que vedes nestos mini videos é feito á caída, a primeira proba mentres escollemos os obxectos así da boa mostra do rápido que funciona a actividade; que lembre escolleron elementos coma: axóuxeres, pandeireta, pandeiro, castañolas, tubo de tronos, crótalos, caixa chinesa, xilófono, maracas, campá, claves, voz en vaso, frauta de émbolo unhas caixas de cartón, unha "táboa de lavar" que creamos...
Na aula temos sonorizado poemas (traídos e elaborados por eles), fotografías, cuadros, e mesmo esculturas, biografías de autoras e sinaturas (si, sinaturas) con dinámicas diferentes e como vedes o resultado é moi agradecido xa desde o primeiro momento e ademáis o traballo creativo, de descubrimento do son, adaptación e atención para a interpretación resúltame moi valioso. Así que, aquí queda por si é de interese ou inspiración. Saúdos desde a fiestra!
Achego hoxe por aquí un material que fixen e emprego un montón nas clases de música así que se estás lendo esto e eres profe de música, agardo que che poida ser de utilidade e así, aos poucos, agardo ir subindo cousas que van quedando polo camiño se non as organizo aquí...
É un material sinxelo que empregamos sobretodo a partir de 3º e no que traballamos o ritmo e o pulso con instrumentos de pequena percusión empregando a música que os irlandeses The Chieftains xunto co galego Carlos Nuñez puxeron de xeito maxistral á adaptación filmográfica da novela "A illa do tesouro".
Setting Sail é unha obra a ritmo de muiñeira (ternaria) na cal facemos unha instrumentación sinxela pero moi resultona repartindo e empregando:
Pandeiros
Caixas chinesas
Maracas
Claves
Triángulos
Pandeiretas
O video vai indicando na parte superior que instrumentos interveñen ou se facemos un "tutti"dependendo da parte na que estemos, o ritmo, a intensidade, etc.
Non é perfecto pero funciona moi ben así que agardo que vos sexa de utilidade.
Boas! O curso vai avanzando e cando nos queramos decatar xa está aquí o Samaín!
Aquí quero deixar algún material e ideas que emprego nesta época, desta volta traio un material que fixen para empregar na aula de música aínda que se pode empregar noutros ámbitos como en lingua xa que de rimas e poemas vai a cousa.
O primeiro que facemos é ler unha pequena rima ou poemiña e, entre todos/as aportar as opcións de efectos de son ou musicalización para preparar unha representación. Podemos empregar percusión corporal, obxectos cotiáns e da aula (follas, bolis,...) e/ou instrumentos tamén.
Nunha segunda fase divido á clase en pequenos grupiños e cada grupo recibe outra rimiña, nese texto deben decidir e marcar as partes susceptibles de ter efecto de son, despois escoller como farán o efecto e finalmente ensaiar a representación para facer a lectura con efectos diante da clase e mesmo gravala.
Hai unha última fase na que os grupos reciben unha folliña para crear a súa propia poesía susceptible de ser musicada e fan un proceso semellante.
Para os días previos de Samaín tamén preparamos algúns talleres ademáis da lectura de historias, repaso da tradición, etc.
Algúns recursos que me gusta empregar son:
Os clásicos dados de historias en versión "de medo". (Esas "entradas" que vedes aí ao lado empregoas se, por exemplo, imos ver unha curta ou vídeo de xeito que cunha pregunta, problema ou reto cada un teña que gañar a súa entrada)
Nubes ou tarxetas de palabras que sirvan como inspiración para crear os nosos conxuros (os conxuros riman!)
Talleres para a creación de decoracións para aulas e portas (portas ao alén).
Xogos (un sempre útil "memory" de Samaín (Tiger) e a miña recente adquisición, o xogo de mesa "A noite do meigallo" de Brazolinda xogos, é un xogo de taboleiro no que se deben ir resolvendo pequenas adiviñas para conseguir ingredientes para as pocións coas que xuntar un universo (lúa, estrela e planeta), é bonito, funciona para nenos/as desde ben pequenos/as, está en galego e ademáis a temática é perfecta para o samaín.
"Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa."
Finalidade do xogo: O xogo consiste en ir resolvendo adiviñas polo taboleiro adiante e obter os ingredientes necesarios para elaborar os meigallos.
Traballa o razoamento e a reflexión, fomenta a curiosidade, facilita a comprensión lectora e a capacidade de análise
Tamén emprego algunhas propostas de escritura ou expresión creativa. Entrevistas, artigos, historias de ficción, pócemas, entradas de diario, acrósticos, novas de xornal, opinións, descripción de seres, momentos,...
Por suposto, na biblio tamén facemos unha selección de contos e libros relacionados coa temática para telos máis á vista estos días.
Non esquezo a ligazón a ESTA ENTRADA na que podedes atopar un libriño descargable sobre o medo que fixen empreguei en varios cursos e funcionou moi ben e con resultados moi interesantes.
E tamén este material do conxuro danzado que podedes atopar NESTA OUTRA ENTRADA no que, a través dun conto, facemos unha danza (a dos 7 saltos) coma se cada movemento (salto) fora un paso para lograr cumplir o conxuro que devolva ás meiguiñas os seus sombreiros.
Seguro que hai cousas que me quedan non tinteiro máis agardo que algo vos poda ser de interese ou utilidade...
Como xa contei NESTA outra entrada, é moi motivador e gratificante o feito de aprender empregando curiosidades e enigmas, facendo que esperte a curiosidade e o gusto polo coñecemento.
Xa vos contara que me daba moi bos resultados engadir esta tarefa nalgún curso coma un reto que voluntariamente e de xeito semanal (ven puidera ser quincenal ou en calquera outro intervalo que consideremos) o alumnado vai resolvendo.
Todos e todas anímanse coa resolución de retos de xeito que non só estimulamos a curiosidade e valor do saber senón que tamén adquiren destrezas no tocante á pequena investigación, búsqueda eficaz de información, comunicación, etc.
Desta volta traio 10 novos retos (voltan estar enfocados ao ámbito artístico) que podedes descargar aínda que se poderían plantexar outros moitos de calquera tipo! (tamén podedes ver e descargar os 15 anteriores nesta outra entrada).