Amosando publicacións coa etiqueta ritmograma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ritmograma. Amosar todas as publicacións

12/02/2025

Algúns recursos de Entroido!

 Boas, 

Deixo por aquí algúns recursos de entroido por se a alguén lle son de utilidade, hai de diversa tipoloxía e nivel quedan os arquivos cos que só hai que facer clic e descargar cada un (agás o video-ritmograma que queda dispoñible no Youtube), deixarei tamén un arquivo final no que se compilan todos os imprimibles por se queredes descargalo todo xunto.

Xogos plastificables:

Por unha banda está o dominó de entroido (ilustración-palabra)

E tamén fixen un xogo de cartas coma o clásico das familias pero relacionado co entroido onde teremos que conseguir reunir ás familias Troula, Larpeira, Paparota, Xuntanza, Leria, Máscara ou á familia Rachada.

Outros plastificables: 

Reúno aquí unha serie de recursos para máis cativos/as como son o xogo de sombras (con ou sen palabras), outro de vocabulario de entroido, outro de conteo,  un A, B, C... de entroido e finalmente ou recursos de "Robótica sen robot" onde a través dun taboleiro e unhas tiras descubren os camiños polos que nos leva o entroido e poden crear os seus.

Ollo! Os arquivos plastificables levan parte traseira para imprimir a dobre cara, se queres aforrar esa impresión lembra imprimir só as páxinas impares!

Enterro da sardiña: mini libro (versión en letra ligada e imprenta) e tamén un documento sobre o testamento do Entroido.

"Vellada": Este ano, na escola na que estou, a través do PDI preparamos a nosa propia vellada de entroido e aquí queda algún material coma o mini libro (tamén en versión maiúsculas, ligada e imprenta) e outros dous documentos.

Recursos para os mandadiños (mini libro, arquivo mediano (nós normalmente facemos que o mandadiño estea escrito e con espazos para completar neste caso; ficha...)

Ademáis deixo aquí un video ritmograma: "As chocas do entroido". Como non desfrutar acompañando con percusións o bater das chocas do entroido? Queda subido ao Youtube para quen goste!

Velai vai, o prometido é debeda  se fas clic podes descargar o DOCUMENTO COMPLETO por se alguén prefire telo todo xunto.

Que datas máis divertidas, desde a receita das filloas ata ata a vellada, desde os rituais do triángulo máxico do entroido ata os mandadiños...

Se algo é de utilidade aquí queda, con agarimo.

Saúdos desde a fiestra e bo entroido!

23/03/2020

Ronsel, un ritmograma...de andar por casa.

Ronsel é un tema tradicinal que Luar na Lubre ten no seu disco Plenilunio (1997) e está inspirado no "ronsel", a estela que as embarcacións deixan nas augas. (O pedazo que aquí se presenta está interpretado por Lume)

O caso é que aquí ven un video-ritmograma para os tempos que corren, adaptado ao fogar; perdemos a posibilidade da combinación de voces, a sensación de grupo e a coordinación entre nós pero non o ritmo. 

Solicítase que o alumnado se faga cun garfo e unha culler de madeira, poden facelos sonar nunha mesa ou o garfo, por exemplo, con coidado nun vaso.


O primeiro paso será escoitar a obra sen facer nada, mirando o ritmograma para ir collendo o pulso.

Despois con palmas, tanto nos garfos coma nas culleres ou combinacións (e con "shh" nos silencios)

No terceiro e cuarto pasos farán primeiro só cun dos elementos, por exemplo o garfo, e despois co outro para despois, no quinto, tratar de facer a obra enteira, aquí pídese que paren o video cada vez que unha sección non sae para practicar sen música ata que saia enteira de corrido.

A opción final é mellorar ese ritmo se xa o teñen perfecto, poden subdividir partes, engadir outros lugares nos que percutir ou sacar outro son dos obxectos, mesmo escoller outros ou empregar percusión corporal.

O caso é unha actividade musical para primeiros niveis que pode ser tamén compartida coa familia e que, visto o gran resultado dos video-ritmogramas na escola, de seguro ten resultado nos fogares.


Aquí queda por si é de interese ou utilidade, agardo que esteades todos xenial, moito ánimo!
e saúdos desde a fiestra!


13/11/2019

Ritmograma "A illa do tesouro"

Boas, non estou desaparecida...

Achego hoxe por aquí un material que fixen e emprego un montón nas clases de música así que se estás lendo esto e eres profe de música, agardo que che poida ser de utilidade e así, aos poucos, agardo ir subindo cousas que van quedando polo camiño se non as organizo aquí...


É un material sinxelo que empregamos sobretodo a partir de 3º e no que traballamos o ritmo e o pulso con instrumentos de pequena percusión empregando a música que os irlandeses The Chieftains xunto co galego Carlos Nuñez puxeron de xeito maxistral á adaptación filmográfica da novela "A illa do tesouro".

Setting Sail é unha obra a ritmo de muiñeira (ternaria) na cal facemos unha instrumentación sinxela pero moi resultona repartindo e empregando:

  • Pandeiros
  • Caixas chinesas
  • Maracas
  • Claves
  • Triángulos
  • Pandeiretas
O video vai indicando na parte superior que instrumentos interveñen ou se facemos un "tutti"dependendo da parte na que estemos, o ritmo, a intensidade, etc.


Non é perfecto pero funciona moi ben así que agardo que vos sexa de utilidade.


Saúdos desde a fiestra!