martes, 24 de outubro de 2017

O conxuro danzado

Seguindo coa temática do Samaín traio un recurso sinxelo, unha danza que disfrutamos moito nas clases de música de infantil.

En realidade, a danza é un clásico das "danzas do mundo" pero eu gosto de introducilas con algunha historia, conto, teatralización... 

Neste caso, á clásica "Danza dos sete saltos" cambieille "saltos" e transformeina nun conxuro bailado dunha meiguiña que, cansa de outro tipo de trucos decide tratar de atopar o seu sombreiro facendo un meigallo danzado. (Unha historia simple pero que fai que a danza se volva máis atractiva, contextualizada, divertida...a isto é ao que me refiro cando digo que gosto de introducir as danzas nun contexto, conto...)

Primeiro saúda, xa que é unha meiga moi educada, e despois engade algo de ritmo á función facendo que toca o tambor. Para atopar o seu sombreiro tamén debe demostrar habilidades de equilibrio cunha perna e coa outra... ademáis, esta meiga coñeceu moitos monstros e pensa que imitar un dos seus caretos axudaráa a recuperar o sombreiro.
O conxuro danzado está case listo, a meiga está contenta e pega un brinco! Pero non pensou que o seu conxuro fora ser tan longo e cansado... e senta un pouco a descansar.
Cando a meiga xa pensaba que non atoparía o seu sombreiro...puf! apareceu na súa cabeciña!
E así é como a meiguiña fixo aparecer o seu sombreiro cun conxuro danzado!


Xeralmente eu, conto unha historia deste tipo engadindo toda a teatralidade posible e en cada "paso do conxuro" mostro unha imaxe que o represente e vounas colgando en orde na pizarra.

[Descarga esta lámina aquí] [Audio da danza dispoñible aquí]

Unha vez que coñecemos a historia volvémonos meiguiñas de Samaín para facer o noso conxuro, e así é como xuntos comezamos a danza. 

Ademáis, tempo despois, sendo xa expertos/as no conxuro danzado, gústame deixar que propoñan pasos que cambien o meigallo e son os alumnos/as os que van facendo achegas que modifiquen cada un dos 7 pasos. Así que, xuntos/as, creamos o conxuro da nosa clase e inventamos para que servirá.

Este recurso é algo moi simple pero algo que desfruto moito facendo e pareceume un exemplo perfecto do "truquiño" que emprego na introducción de distintas danzas darlles un pequeno contexto, un resorte ou motivador que enriquezca a experiencia e tamén unha parte creativa final (ben sexa modificar o conxuro en gran grupo coma neste caso, cambiar un final, facer as seccións por equipos e crear roldas de imitacións...)

Agardo que vos resulte útil ou interesante e desexo que teñades todos/as un bo Samaín!

Saúdos desde a fiestra!

2 comentarios:

  1. Encántame! e @s nen@s... emocionados! Moitas grazas :D

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas! Alégrame moito que te fora útil! Moitas grazas polo comentario :)

      Eliminar