27/11/2015

Xosé Neira Vilas na escola. Actividades e recursos.

Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en galego e ademáis de ser libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis traducidos en todo o mundo. 


É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.



O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas: 

Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":

"Eu son 
Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."

desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.

Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:

"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")

Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".

Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.



De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:

Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á bibliotecamergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.

22/11/2015

Música e balóns de baloncesto.

Hoxe traio un novo recurso web destinado a preparar de forma sinxela unha secuencia coreográfica con balóns (adaptable a outros materiais: panos, picas, aros...)



O recurso está deseñado para alumnos e alumnas de 5º e 6º pero que pode empregarse con pequenos cambios tanto en niveis superiores (ESO) coma en inferiores e ademáis que pode facer as delicias da área de música e mesmo da de Educación Física dependendo dos aspectos no que nos centremos no seu uso.

Podemos empregar este recurso centrándonos nos aspectos rítmicos, musicais e de danza desde a área de música ou tendo máis en conta elementos coma o bote, lateralidade, coordinación ou lanzamentos na área de Educación Física.


Está claro que esta idea pode desenvolverse cun sinfín de cancións, ritmos e coreografías pero eu déixovos unha ligazón na que atoparedes o musicograma para realizar a coreografía do tema "Let's get it started" así como a imaxe cunha pequena explicación dos movementos que programamos.

Fai clic nesta imaxe para acceder ao recurso online:
http://patrifulca.wix.com/letsgetitstarted
Nesta imaxe tedes unha pequena explicación dos movementos (fai clic para descargar o arquivo):

Esta actividade é moi motivadora xa que observaremos unha evolución moi rápida tanto no ritmo persoal como na coordinación co resto de compañeiros e compañeiras e pode ser tamén unha solución moi atractiva para festivais e actuacións escolares xa que os resultados finais son verdadeiramente impresionantes; así que anímovos a empregalo sen dúbida, é divertidísimo (tamén ruidoso) e con el podemos traballar moitísimos aspectos desde distintas perspectivas.

Saúdos! 





18/11/2015

Proxecto: O clima e a paisaxe.

Os rapaces e rapazas de 6º están traballando máis aspectos do clima e a paisaxe na área de Ciencias Sociais traballando aspectos como os que se recollen neste recurso do MEC:



Hoxe comparto con vós un pequeno proxecto para desenvolver en parellas ou grupos, relacionado con este tema, porque hai infinitos xeitos de desenvolver os mesmos contidos e facelos máis creativos, motivadores, enriquecedores, participativos, significativos ou interactivos.

Moitos dos nosos alumnos/as teñen visto poucos ou ningún selo postal na súa vida e estes, en moitas ocasións mostraban nun diminuto anaco de pegatina os aspectos máis relevantes do clima, a vexetación o relevo e a fauna dun lugar do mundo.

A través do ligazón web ao que podes acceder facendo clic na imaxe accederedes á tarefa que creei na que o alumnado deberá investigar sobre os temas tratados coa fin de crear a súa tirada de selos representativos dunha rexión concreta e tamén deberán, finalmente expoñer e "vender" o producto ao resto da clase xustificando cada elemento que incluíron a atendendo a todos os puntos que a sección de avaliación recolle.



Para entender ven os pasos e como funciona este proxectiño anímovos a que fagades clic na imaxe de aquí arriba e me contedes que vos parece.

Saúdos desde a fiestra!

15/11/2015

Un proxecto polo nadal!


Parece que non pero achéganse as vacacións invernais día a día...

Aquí deixo un recurso orientado ao alumnado de
5º e 6º pero que pode ser adaptado a outros niveis educativos. Ademais este recurso pódese desenvolver desde a área de educacón musical, plástica, linguas, integración das TIC,...  é dicir, o seu enfoque pode ser variadísimo.


Trátase do desenvolvemento dun tipo de proxecto en parellas ou grupos no cal idear, crear, editar e compartir pequenas video-felicitacións con códigos QR e todo o proceso guiadiño coa Web á que podes acceder facendo clic nesta imaxe:



É unha actividade coa que deixarnos abraiar pola capacidade de traballo, de cooperación e creativa do alumnado así como coa que desfrutar e aprender desde moitas perspectivas e agardo que vos guste e sexa de utildade ou inspiración.

Saúdos desde a fiestra.