06/02/2019

Proposta de actividades: Rosalía de Castro, muller.

Non estou desaparecida, ben, un pouco si, pero é que este curso está sendo bastante distinto aos anteriores e parece que non atopo o espazo de tempo necesario para ir subindo todo o que me gustaría gardar neste pequeno arquivo que é o blogue, aos poucos recuperarei o ritmo pois hai moitas cousas que teño ganas de conservar nesta fiestriña.


O caso é que en nada estaremos conmemorando o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, a "nosa escritora máis universal" cuxo relato da súa vida e obra veuse tantas veces alterado, contada, en ocasións, coma chorona, nostálxica chea de saudades e incluso de escritura sinxela e doméstica, esquece este relato engadir a súa preocupación pola condición e sorte das mulleres, presente en toda a súa obra, unha muller tamén transgresora, librepensadora e de profunda escrita. 

Ben é certo que xa hai anos que distintos estudos se encargaron de devolver a Rosalía ao sitio que lle pertence así que sempre é posible acudir a eles para completar o relato.

Preocupada pola imaxe que se transmite acerca de esta escritora e acompañada polo proxecto de centro preparei unhas pequenas actividades para o alumnado dos niveis máis altos.

Todas as actividades parten da lectura  dalgún texto de Rosalía, ben sexa un poema, un prólogo, un parágrafo dunha obra, etc, e a partir da lectura comezará o debate, a reflexión, as preguntas e, finalmente, todas as propostas incorporan algunha tarefa que precise un certo nivel de implicación e creatividade (crear cartaces, comics, fotogramas...)

Pensadas para traballar tanto en gran grupo coma en equipos, elaboreinas coma un punto de partida distinto ao "adios rios, adios fontes" ou á "negra sombra" que pode derivar en moi diversas perspectivas e enfoques.

Queda aquí o material de libre descarga por si vos é de utilidade e ao que tamén podedes acceder na web xunto con algún que outro recurso recopilado.

Fai clic aquí ou na imaxe para acceder



Saúdos desde a fiestra!


03/10/2018

Volve o Samaín!

Boas! O curso vai avanzando e cando nos queramos decatar xa está aquí o Samaín!

Aquí quero deixar algún material e ideas que emprego nesta época, desta volta traio un material que fixen para empregar na aula de música aínda que se pode empregar noutros ámbitos como en lingua xa que de rimas e poemas vai a cousa.



O primeiro que facemos é ler unha pequena rima ou poemiña e, entre todos/as aportar as opcións de efectos de son ou musicalización para preparar unha representación. Podemos empregar percusión corporal, obxectos cotiáns e da aula (follas, bolis,...) e/ou instrumentos tamén.

Nunha segunda fase divido á clase en pequenos grupiños e cada grupo recibe outra rimiña, nese texto deben decidir e marcar as partes susceptibles de ter efecto de son, despois escoller como farán o efecto e finalmente ensaiar a representación para facer a lectura con efectos diante da clase e mesmo gravala.

Hai unha última fase na que os grupos reciben unha folliña para crear a súa propia poesía susceptible de ser musicada e fan un proceso semellante.

Podedes descargar todo ese material aquí!


Para os días previos de Samaín tamén preparamos algúns talleres ademáis da lectura de historias, repaso da tradición, etc.

Algúns recursos que me gusta empregar son:
  • Os clásicos dados de historias en versión "de medo". (Esas "entradas" que vedes aí ao lado empregoas se, por exemplo, imos ver unha curta ou vídeo de xeito que cunha pregunta, problema ou reto cada un teña que gañar a súa entrada)


  • Nubes ou tarxetas de palabras que sirvan como inspiración para crear os nosos conxuros (os conxuros riman!)
  • Talleres para a creación de decoracións para aulas e portas (portas ao alén).











  • Xogos (un sempre útil "memory" de Samaín (Tiger) e a miña recente adquisición, o xogo de mesa "A noite do meigallo" de Brazolinda xogos, é un xogo de taboleiro no que se deben ir resolvendo pequenas adiviñas para conseguir ingredientes para as pocións coas que xuntar un universo (lúa, estrela e planeta), é bonito, funciona para nenos/as desde ben pequenos/as,  está en galego e ademáis a temática é perfecta para o samaín.
"Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa."

Finalidade do xogo: O xogo consiste en ir resolvendo adiviñas polo taboleiro adiante e obter os ingredientes necesarios para elaborar os meigallos.



Traballa o razoamento e a reflexión, fomenta a curiosidade, facilita a comprensión lectora e a capacidade de análise

  •  Tamén emprego algunhas propostas de escritura ou expresión creativaEntrevistas, artigos, historias de ficción, pócemas, entradas de diario, acrósticos, novas de xornal, opinións, descripción de seres, momentos,...
  • Por suposto, na biblio tamén facemos unha selección de contos e libros relacionados coa temática para telos máis á vista estos días.
  • Non esquezo a ligazón a ESTA ENTRADA na que podedes atopar un libriño descargable sobre o medo que fixen empreguei en varios cursos e funcionou moi ben e con resultados moi interesantes.
  • E tamén este material do conxuro danzado que podedes atopar NESTA OUTRA ENTRADA no que, a través dun conto, facemos unha danza (a dos 7 saltos) coma se cada movemento (salto) fora un paso para lograr cumplir o conxuro que devolva ás meiguiñas os seus sombreiros.

Seguro que hai cousas que me quedan non tinteiro máis agardo que algo vos poda ser de interese ou utilidade...

Saúdos desde a fiestra e feliz outubro!



30/08/2018

Axenda docente 2018-2019

Esto está a piques de comezar!

Como sei que a moita xente lle pode ser de utilidade subo esta sinxela axenda docente descargable que fixen.




Como podedes ler en entradas doutros anos eu teño case toda a labor de calificacións, anotacións, programación, etc. dixitalizada (emprego principalmente iDoceo, moi útil e completa pero con moitísimo que trastear) así que esta axenda é en esencia un simple planificador xa que procuro que sexa moi lixeiro, de feito, sabedes por outros cursos que adoitei imprimir por trimestres para non levar peso de máis.

Aquí tedes o curso completo:

  • Portada
  • Páxina de datos
  • Calendario escolar
  • Horarios
  • Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
  • Páxinas de reunións
  • Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)

Con folgos e moitas ganas de ir subindo cousas que teño pendientes pecho esta entrada, agardo que todos e todas teñades moi boa entrada no curso, a disfrutar!

Saúdos desde a fiestra!