17/06/2016

iSinto, a nosas apps con sentimentos.

Xa sei que este curso semella estar xa agonizando, mais non quixera despedilo sin vos deixar este novo recurso.

Trátase dunha tarefa tan sinxela como ampliable e adaptable, é dicir, unha ferramenta desas que se poden aproveitar en mil situacións distintas.

Neste caso a proposta chámase iSinto, e, nela, os alumnos e alumnas deseñaran a súa aplicación "con sentimentos", trátase de analizar distintos tipos de sentimentos desde a ledicia e o amor á soidade ou medo e incluir na nosa App: a nosa propia definición do sentimento, unha recomendación sobre que facer cando o sentimos, unha canción que nos inspire ese sentimento e unha imaxe, así coma, por suposto, teremos que poñer nome á aplicación e deseñar a icona (pódese facer a man ou empregando ferramentas coma Pizap, que da moito xogo neste caso).

Finalmente xuntaremos os traballos para facer un iSinto virtual no que todos poidamos entrar nas "apps" feitas polos compañeiros e enriquecelas, por exemplo engandindo outras cancións a sentimentos, etc.

Todo esto pódese desenvolver seguindo os sinxelos pasos desta web e tamén co material imprimible que inclúe:

(Fai clic na imaxe para acceder á Web do proxecto)


O mellor deste recurso é a súa sorprendente adaptabilidade: porque non crear un iGalicia no que cada equipo faga unha app, por exemplo as do himno, lingua, tradicións, provincias, gastronomía, artes, escritores...? Ou un iPintores con datos sobre cada artista, iHistoria, iSistemaSolar, iLibrosiXogosPopulares... as posibilidades son infinitas!




iSinto from Patricia Sánchez Lamas


Agardo que vos guste e vos sexa de utilidade nalgún momento!
Que teñades un bo remate de curso e saúdos desde a fiestra!

31/05/2016

A conta atrás!

Xa estamos entrando en xuño e respírase no ambiente ese aire de pre-vacacións escolares tan recoñecible... 

Por outra banda todos/as quen máis, quen menos, gústanos unha boa conta atrás, canto falta para o verán, para o aniversario, para -nonseical- excursión, para as festas da vila... e aos nenos/as tamén! Só hai que ver con canto tempo nos adiantan que van ser os seus cumples!

E diso vai o recurso que vos achego, é unha conta atrás para a fin do curso na cal cada día descubriremos unha pequena pero divertida actividade que se pode implementar nos últimos minutos da sesión correspondente.




Esta é unha imaxe interactiva, cada un dos números ten un botonciño que indica a actividade proposta, coa ligazón ao recurso descargable preciso para levalas a cabo. Se ben moitos especialistas xa non dispoñen nin de 10 sesións restantes nos grupos o recurso pode ser infinitamente adaptado con outros números, datas e, por suposto, outras ideas de actividades para as nosas contas atrás.


(Sitúa o cursos nos números para descubrir os botóns e os recursos!)


Resulta moi divertido ver como o alumnado está desexando descubrir a actividade da conta de cada día convertíndose nun peche de curso fabuloso no que podemos incluír desde xogos de repaso, competicións, bailes, actividades de exterior, reflexións, creatividade... o caso é que todo vale e, neste recurso, a maioría do protagonismo e elemento motivador é o feito de presentalo como dita conta atrás na que ir descubrindo as tarefas que se nos propoñen.

Agardo que vos sirva de idea e desfrutedes a vosa conta atrás.

Saúdos desde a fiestra!

19/05/2016

Como sonan as esculturas? Relacionando artes.

Xa fixemos algunha outra tarefa relacionando distintos tipos de manifestacións artísticas coma esta que fai unha ligazón entre fotografía e música.

Hoxe achégovos unha serie de tarefas a traves desta web coas que pretendemos que o alumnado sexa quen de reflexionar sobre como relacionar a música coa escultura creando a súa exposición no museo da aula. Son unha serie de tarefas que implican reflexión, creación e traballo en equipo, puntos forttes que deberemos ter en conta e avaliar en todo o proceso.

(Podes acceder á web se fas clic na imaxe)

A primeira tarefa é moi sinxela, nela  temos 5 imaxes de esculturas e 5 audios que os alumnos/as, de xeito individual, en equipos ou mesmo en gran grupo coma introducción, deben relacionar xustificando as súas seleccións. Se ben as músicas foron escollidas de xeito que as relacións son moi previsibles debemos ter en conta que calquera ligazón que eles/as creen estará ben se ven acompañada da súa xustificación persoal e iso será moi enriquecedor para o grupo. Tamén poden suxerir outras músicas, etc.

Nunha segunda parte a web indícanos que unha música chegou por sorpresa á nosa sala do museo sen ningunha escultura que a acompañe así que convertirémonos en "escultores/as a cegas". A actividade é tan sinxela como enriquecedora e divertida. O alumnado vendará os seus ollos e cada un/ha terá un anaco de arxila diante. Unha vez comece a música deberán escoitar con moita atención e  pensar aquelo que lles suxire para ir dando forma ás súas esculturas. Unha vez rematadas deberán elaborar as tarxetas nas que poñan o título da obra e o autor/a.

A parte final divídese en dúas tarefas. Na primeira temos dous audios moi distintos e, por equipos, deberán conformar as esculturas vivintes para esas músicas. Esto quere dicir que eles/as, empregando os seus corpos, crearán unha figura estática para os audios. (Recordade sacar fotos de esta parte para a "exposición" e os portfolios!)
Finalmente propónsenos unha escultura moi chamativa para crearlle a nosa propia música. Poderemos empregar instrumentos da aula, efectos sonoros, instrumentos corporais, etc. Iremos axudando ao grupo con ideas coma "que son vos suxire esa cereixa brillante á fin da culler?" etc. Cando teñamos a obra rematada poderemos facer unha gravación.

O remate final é para que fagan unha reflexión escrita sobre todo o que vimos coas tarefas e tamén engadan aquelo que consideren oportuno así coma tamén se suxire que vaian incluíndo no seu portfolio datos e tamén reflexións de todas as partes da tarefa. Esto sirve tanto coma avaliación de parte do proceso coma para que eles vaian reflexionando sobre todo o que se está a tratar.


Son tarefas sinxelas e guiadas a través da web coas que despertar a curiosidade cara outras manifestacións artísticas, coñecer gustos e ideas do alumnado e desenvolver diversas habilidades e contidos artístico-musicais co motivador que ten crear un pequeno proxecto en equipo coma é a nosa sala de escultura e música do museo.


Agardo que vos guste, sexa útil e vos animedes a probalo nos vosos grupos!.
Saúdos desde a fiestra.