07/06/2018

A cápsula do tempo

Os días pasan, o tempo bule... pero canto bule?

Aproveitando que este ano teño máis dunha área cun grupo de 1º de primaria decidín crear unha cápsula do tempo con eles/as.
Si, unha cápsula do tempo!...só con nomeala estoupou a emoción na aula, de veras!


A cápsula será unha caixa na que gardar varias cousas sobre hoxe en día e que será custodiada polo centro (viaxe á caixa forte incluída) ata a data prevista de apertura, e, en canto se lle comunicou aos rapaces/zas de primeiro mostráronse entusiasmados pero... que terá a nosa cápsula?

Nunha cápsula do tempo podemos meter moitas cousas: imaxes de obxectos ou "modas" recentes (cromos, bailes, cancións, xoguetes...), listas de prezos como "hoxe un café vale...", recortes de xornais... a nosa opción foi enchela de "cousas sobre nós".

Para enchela preparei unhas tarxetas que cada un deles debe completar e gardar nun sobre.



A escrita do seu nome, o seu autoretrato, unhas fotos, algo sobre os seus amigos/as, o que pensan que queren ser de maiores e tamén, o que probablemente lles fixo a maior ilusión: unha mensaxe de audio ao seu "eu" do futuro. Que lle dirían ao "eu" de sexto? (Agardo que..., non esquezas...).  (Pegamos uns códigos QR que conteñen o audio e agardamos que funcionen no futuro, por se non fora así meteremos un pendrive tamén na cápsula)

Aquí podedesde descargar todo ese material por si o queredes empregar!

Unha vez que todo está completado, as tarxetas van aos sobres e dos sobres á cápsula, esta cápsula queda pechada baixo chave con data de apertura: Xuño de 2023 (estos rapaces/zas estarán rematando 6º de primaria) soprenderanse do que hai dentro? O tempo dirá!

O certo é que a idea é moi sinxela mais resultoume un bo xeito de ir pechando este primeiro de primaria (ou infantil...) e agardo que vos sexa de interese ou utilidade!

Saúdos desde a fiestra!


29/05/2018

A conta atrás. 10 actividades para os días finais do curso

Ai, ai ai, que outro curso que vai rematando!
Parece mentira...



Como xa fixen outros cursos aquí ven "A conta atrás", só hai que escoitar cantas veces nos din eso de "faltan 29 días para o meu cumple", "dentro de 37 días vou..." e demáis para saber canto lles gustan estas cousas das contas atrás aos rapaces/zas.

Eu, adoito facer unha conta regresiva á fin do curso na que cada día imos abrindo unha actividade distinta durante os 10 días finais. Eles/as agardan o momento de abrir a sorpresa diaria con emoción e pasámolo xenial, a verdade. Nesta ocasión atoparmos  actividades de equipo, xogos, manualidades, bailes...

Este especial "calendario de advento" fíxeno en formato dixital e pódese empregar na pizarra da aula... se pasades por enriba do botón de cada número atoparedes a actividade proposta e o recurso ou descargable se o precisa aínda que poderían meterse as tarxetas das actividades en globos que se van estourando co paso dos días, sobreciños... esas cousas!

(Tamén podes acceder a esta conta atrás directamente facendo clic NESTA LIGAZÓN)


Agardo que vos sexa de utilidade ou inspiración a conta ou algún dos recursos que podedes ver ou descargar dela e pronto máis cousas dos días finais!

Saúdos desde a fiestra!

08/04/2018

Letras Galegas 2018

Nin cedo nin tarde, unha vez máis achégase o maio e a correspondente celebración do Día das Letras Galegas.

É unha das miñas conmemoracións favoritas pola oportunidade que da, cada ano, de descubrir un autor (neste caso autora, por fin, "só" levamos un balance 54-4...) cos cales ir seleccionando os que máis nos gustan, os que non, as obras que máis nos chaman a atención, as vidas dos escritores/as galegos, etc.



Aquí déixovos a web que elaborei na que creei unha serie de recursos que irei empregando con distintos grupos do meu cole, o certo é que ata o día das Letras é moi probable que esta entrada se amplie en contidos mais vou deixando unha serie de ideas e recursos.

Na web atoparedes:

  • Biografía sonorizada: Unha biografía da autora, escrita para descubrir nela non só a súa traxectoria vital senon tamén seccións susceptibles de ser sonorizadas e ás que lles engadiremos os nosos efectos de son. Poderedes atopar as actividades paso a paso e tamén o material descargable que emprego.
  • Fichas descargables: 6 fichas descargables para o traballo sobre anacos de obras da autora coas que descubrir a esencia da galardoada.


  • Regueifa das Letras: Actividade coa que traballar a regueifa, arte da improvisación versada a través da vida e obra da autora e da propia conmemoración. Atoparedes como desenvolvo a actividade paso a paso e o material descargable correspondente.
  • Pílulas de Victoria: Actividade de traballo audiovisual co que sumerxirnos nun mini-proxecto en grupo para a difusión da vida e obra da autora e ao que incorporaremos realidade virtural nunha fase final. Tamén está o paso a paso e o material.
  • Concurso das Letras: Mini concurso ou test ao estilo do 50x15 sobre a conmemoración e a galardoada e a súa obra.

Podes facer clic na imaxe para acceder á web!



Agardo que botedes un ollo e vos sexan de interese e utilidade os recursos e procurarei actualizar a entrada con aqueles que vaia incorporando.

Saúdos desde a fiestra!