02/12/2016

O emocionario e material para traballalo (Parte I)

Tras resistirme ao furor inicial do libro non puiden evitar mercalo en canto vin a edición en galego, así que o Emocionario de Palabras Aladas chegou ás miñas mans.

Este libro conta con 42 emocións enlazadas, explicadas e ilustradas dun xeito moi coidado e sen nunca xulgalas ou clasificalas como "boas" ou "malas".



En canto o tiven comecei a cavilar xeitos de traballar este libro xa que non é moi dado a ser un simple recurso de lectura autónoma e atopei que, na propia web da editorial teñen guías de traballo para distintas idades e fichas gratuitas (en castelán) así que xa tiña moitas ideas polas que comezar.

De xeito que este traballo non é completamente meu, eu visitei ese material, collín o que pensaba que viña mellor ao meu grupo, transformei algunhas actividades escritas en orais, modifiquei, adaptei e elaborei as fichas das emocións en galego adaptadas ao meu grupo de 1º e 2º.

Aquí tedes as das 10 primeiras emocións por si vos son de utilidade para empregar ou como inspiración. Eu intento traballar, polo menos, dúas emocións distintas á semana co grupo e os resultados son moi satisfactorios, descubrimos un montón de cousas!

Agora que vai rematando o trimestre faremos recopilación das que levamos vistas e prepararemos un emocionario fotográfico - musical (solicitando unha axudiña ás familias, aínda que rapaces de niveis máis altos poderán facelo autónomamente).


A verdade é que o libro sorprendeume para ben, é moi recomendable desde infantil ata os cursos do final da primaria e incluso na secundaria só con mudar a forma de traballalo.

Ademáis hai moitas e moi interesantes cousas que podemos traballar de multitude de formas arredor das emocións; como cando fixemos iSinto as nosas Apps con sentimentos, podedes ver este proxectiño nesta entrada.


E vos? Tamén botáchedes un ollo ao archicoñecido Emocionario? E que tal?

Saúdos desde a fiestra!


07/11/2016

Facemos radio!

Comeza novembro e embarcamos nunha nova idea, unha tarefa coa que estamos moi emocionados/as, imos idear e crear un programa de radio!

(Podes facer clic na imaxe para acceder á web)

Comezamos reflexionando sobre o que xa sabemos e o que pretendemos aprender. Que saben os rapaces/as da radio? Cando a escoitan?

Desde este punto iremos pasiño a pasiño ata crear o noso primeiro programa e como guia temos a nosa web do proxecto, así podemos ir superando fases pouco a pouco porque isto non se fai nun día!

Creei este pequeno proxecto pensando no alumnado de 1º e 2º así que... todos poden! Sairannos programas máis sinxelos ou complexos, con máis profundidade nos temas ou menos, tratando áreas moi diversas ou máis acotadas e con máis ou menos intervención nosa pero o que é seguro é que poderemos desenrolar a tarefa en calquera nivel.

Tras manifestar as nosas ideas e coñecementos previos introducimos o tema escoitando un programa real, neste caso é un de "La estación azul de los niños" que é un programa familiar que se emite semanalmente de moi boa calidade (Se coñecedes algún outro programa de radio para nenos e nenas ou familiar gustaríame moito que mo dixerades, por favor!)

Aquí facemos un alto para ver si tan só escoitando un programa xa descubrimos cousas novas.

(Podes facer clic na imaxe para acceder á web)

E comezamos o proceso creativo, seguimos os puntos marcados e imos creando os equipos, as seccións, achegando as ideas e creando a nosa escaleta do programa para acabar por reunir o material, gravar, editar, facer a nosa sintonía e, por suposto, darlle difusión ao noso proxecto agardando que nos escoiten e deixando aberto o noso "muro das ideas" para que calquera poda incluír ideas para a seguinte edición do programa.


Considerando outros proxectiños deste tipo levados a cabo coma o do cinema este resulta sensiblemente máis doado de desenrolar con grupos de todo tipo e número xa que o resultado final será unha pista de audio que non precisa tanta elaboración e preparación. Ademáis nun programa de radio dividido en seccións o traballo en equipos é máis doado e tendo en conta que as seccións son curtas e amenas o grado de dificultade tamén diminúe e tamén o tempo que leva rematar toda a tarefa, invírtense menos sesións.

O certo é que con grupos de niveis máis altos o seu grado de autonomía tamén será moito maior e poderemos encargarlles moitas outras tarefas desde a investigación dun tema máis complexo, a búsqueda ou creación de efectos especiais ou incluso a edición do programa.

Agardo que vos guste e/ou inspire a idea e vos animedes a desenrolala ou comentar  outras semellantes.

Saúdos desde a fiestra.

24/10/2016

Xogos de rol no cole? "Pequeños detectives de monstruos"

Todos coñecemos famosos xogos de rol... eses xogos, que á vez son historias que imos creando mentras xogamos con nós coma protagonistas; uns son de cartas, outros videoxogos, ou con figuras e taboleiro... e despois están aqueles que se crean ou "viven" en primeira persoa. Son un alimento para a imaxinación, a creación literaria, o traballo en equipo e a diversión. Perfecto para a miña aula, pensei.

Coma por arte de maxia atopei nas redes un libro que non dubidei en mercar e certamente, foi un acerto.

O libro (que non é só un libro) chámase "Pequeños detectives de monstruos" (non o atopei en galego pero as historias desenvólvense na lingua que nós decidamos ;) ). 
Este libro, cunha coidadísima e preciosa edición, xa no inicio promete ser un elemento perfecto para achegar o mundo da creación e vivencia de historias e as aventuras de rol a nenos. A partir de 3 anos!


O libro é a guia perfecta para o "detective veterán" onde explica como preparar a nosa partida, é tan flexible que pode adaptarse a distintas idades, grupos, e formas de xogar. Incluso podemos plantexar a nosa partida ou historia cun taboleiro no canto de moverse polos espacios reais (aínda que xa sabemos o que preferirán os rapaces máis novos...)

Ensina as normas de xogo, tamén achega os modelos de "contrato coa axencia de detectives" (que au adaptei para a aula e a lingua), insignias, ferramentas para a nosa misión, e os perfís dun montón de monstros aos que podemos ter que atrapar (o dos segredos, o dos dentes sucios, do lixo...) ademáis dunha aventura de exemplo, historias, novas da axencia... buf.



Así que, ao adquirilo non puiden máis que poñerme a preparar a aventura que ían construír os nenos e nenas (neste caso de 1º e 2º de primaria).
A carta que recibirían solicitando se desexaban unirse á axencia de detectives para resolver o caso, o contrato de detectives, a ficha da misión que terían que levar a cabo, as ferramentas que poderiamos empregar, as pistas poderían atopar (ou non), as insignias que poderían recibir, comunicacións da axencia de detectives...

E paf! a nosa historia comezaba. 

Pode desenrolarse nunha soa sesión, en varias, en equipos, todos xuntos, as posibilidades son moitas e, sen dúbida as oportunidades posteriores tamén son destacables: escribir o que pasou na nosa historia coma un conto, contestar á carta que a axencia nos fai chegar se atrapamos e enviamos ao monstro, escribirlles, deixar algunhas pistas e que pensen ou inventen que tipo de monstro pode estar detrás delas, inventar personaxes...

A verdade é que o libro pareceume incríble para empregar así que si coñecedes máis deste estilo, adaptado aos rapaces, non dubidedes en contarmo. 

Ademáis agora que estamos na semana do Samaín... que mellor que crear unha historia na procura dun monstro fedello que se agocha pola escola!

Pronto publicarei os documentos desta aventura por se queredes desenrolar unha semellante ou coller ideas e se vos tedes algo semellante ou xa probastes este libro estaría ben compartir experiencias.

Agardo que vos resulte interesante e, aproveitando a data, lémbrovos que nesta outra entrada tedes uns libriños descargables para completar sobre o medo, na miña experiencia, os rapaces sempre disfrutan moito reflexionando sobre cada páxina e completándoo!

Saúdos desde a fiestra!