sábado, 8 de agosto de 2020

Axenda docente 20-21 descargable

Aquí estamos, 

Sen dúbida achégase o curso máis confuso ao que me enfrontei nunca (e mira que ao que rematou chegoulle!); a crise da Covid19 veu para remexelo todo a todos os niveis e a incertidume é inmensa, por máis "protocolos" que publican, as inquedanzas permanecen e sinto que imos cara unha marusía que non sei como navegaremos só que procuraremos non afundir mentres loitamos nas ondas por ter un ensino de calidade e seguro para todos/as.

No medio desta marexada eu tamén procuro áncoras; non podo evitar pensar, programar, "argallar" aínda que as múltiples variables que andan en xogo deixen todo con centos de fíos soltos (se se pode así, ou quizás mellor facelo deste outro xeito, ou se non...) e unha das áncoras foi facer a miña axenda deste curso, non está claro o que levará dentro pero o curso sucederá así que aferreime a unha das poucas certidumes (supoño).
Como sabedes doutros anos a miña axenda é moooi simple porque ao final, é o que uso eu, non son de levar grandes libros de avaliacións e demáis e incluso imprimo por trimestres... (tedes máis info sobre como me organizo nas entradas doutros anos).

Neste caso ten as capas, folla de datos, calendario escolar, horarios (algunha folla extra), portadas para cada trimestre e, diante de cada mes o calendario mensual (ademáis das follas da planificación de actividades (semana vista), claro) este ano procurei inclúir tamén no planificador e nos calendarios datas sinaladas (semana da prensa, día da muller, das Letras, etc.) así como uns sutís puntiños coma fondo de páxina que sirven de guía.

Axenda2021AFDM de Patricia Sánchez Lamas


Ademáis tedes aquí outro arquivo con algunhas outras páxinas: portadas para claustros, Consello Escolar, cursos/grupos/PFPP..., a nosa biblio e ideas; tamén a páxina de "Parabéns para tí" e ademáis unhas pequenas fichiñas ou etiquetas para empregar como marcadores: dos meses do curso e de seccións (tamén follas adicionais e unha portada alternativa).

A axenda ten cor pero coido que está tratada dun xeito que se se imprime en escala de grises o resultado non ten porque ser malo, e eu, por exemplo, imprimín as capas (coa portada alternativa) en folios  de cor, ben, neste caso nos folios reciclados dos "antigos" esos que tiñan esa tonalidade entre marrón e grisáceo...


Chegará o novo curso e vai facer falta máis que ilusión e profesionalidade, chegará, sen dúbida, entre importantes medidas porque é como ten que ser, ademáis, para min, estas medidas esixen tamén máis investimento e persoal nos centros para minimizar os riscos e á vez procurar unha calidade educativa a todos os niveis; os equipos docentes non somos avaliadores de riscos sanitarios, nin médicos, nin arquitectos, nin... e coido que non podemos asumir tooodo ese tipo de responsabilidades sen axuda, pero isto é outra historia que da para moito... voltaremos ás aulas con ideas e forza, eu devezo porque chegue ese momento e ogallá sexa nunhas condicións seguras para todos/as e con recursos para continuar desenvolvendo experiencias educativas enriquecedoras, diversas, adaptables, participativas, etc. (non podemos dar pasos atrás na calidade...) o escenario non é cómodo e a lectura dos protocolos produce calafríos nalgúns puntos pero, como sexa, a vontade e a ilusión de cada curso están presentes e esas, poden ser outra áncora e outro faro.

Aquí queda a miña axenda, por se é de utilidade para alguén, non hai máis que descargar e imprimir (pódese descargar directamente desde os "slideshares" de arriba (aquí a axenda e aquí as páxinas adicionais) e quedan os arquivos tamén neste cartafol, se hai problemas sabedes que podedes contactar e mándovos os arquivos por mail) mentres, eu sigo procurando áncoras, faros e aparellos cos que navegar o curso que está por vir e mándovos moita sorte e folgos así como agardo tamén que desfrutedes na medida do posible das vacacións porque o certo é que, sen dúbida, van máis que gañadas.

Saúdos e saúde desde a fiestra!

42 comentarios:

  1. Gústame! Graciñas por compartir.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas!
    Sinxela e moi útil para termos todo baixo control.

    ResponderEliminar
  3. Moitas grazas por compartir o teu traballo!

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas por compartir o teu traballo.Bo curso

    ResponderEliminar
  5. Mil grazas polo traballo e por partillar.

    ResponderEliminar
  6. Noraboa, estupendo resultado. Graciñas por compartila. Desexando tela entre as mans

    ResponderEliminar
  7. É preciosa e ben pensada. Grazas por partillar.

    ResponderEliminar
  8. Moitas gracias! É moi bonita e funcional, perfecta para o que nos ven este curso

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas! veremos que ven, igual fan falta tres axendas x_D. Saúdos :)

      Eliminar
  9. Parabéns por tanto e tan bo traballo, moitas grazas por compartir, en Aulas Galegas tamén estamos preparando unha para setembro e doume conta do moitísimo traballo que ten detrás. Saúdos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Non son experta nin nada que se lle achegue... pero se precisades colaboración para sacala adiante contactade! (estou no "ghuasá" de AG de música.) e grazas polas túas palabras! :)

      Eliminar
  10. Moitísimas grazas, paréceme xenial... Vaime ser moi útil. Grazas por compartila.

    ResponderEliminar
  11. unha preguntiña, bueno, máis ben dúas...jejje. Como o encuadernaches? e como fas para que che queden os marcadores por fora?? graciñas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Perdon! Non sei como non vin estos comentarios ata hoxe, chegarei tarde pero por se as moscas eu cóntoche...
      eu imprimin en folio e emprego unha libreta da marca Filofax reutilizable ten o seu perforador e ensártase ou quítase do caderno..., pero outros anos encuadernei con "canutillo" normal; para os marcadores emprego follas das de separar nas que coloco a "etiqueta"... tamén venden outros tipo pegatina pequena que aguantan moi ben. E grazas por escribir! :)

      Eliminar
  12. Chulisima!!Gracias por compartir!!

    ResponderEliminar
  13. É lindísima! Que ben que a compartas!

    ResponderEliminar
  14. ¡É chulísima! Moitísimas grazas

    ResponderEliminar
  15. Acaban de mandarme o enlace da túa páxina e teño que felicitarte por todo o traballo que realizas. Ademáis quero darche as grazas por compartir. A miña dúbida é como a encadernas a axenda?
    Unha vez máis...GRACIÑAS!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. +1! En que tamaño imprimes, a4 ou a5?
      Grazas!!

      Eliminar
    2. Boas!! Perdoade! Aquí estou, chego tarde pero queda resolto para outra... eu empreguei unha libreta reutilizable da marca Filofax (imprimes e perforas co seu trebello e as páxinas se poden quitar e poñer...(téñolle unha funda para a portada) pero outros anos puxen un "canutillo" normal sen mais...
      (E grazas por esas palabras! de verdade!)

      Eliminar