mércores, 30 de agosto de 2017

10 Apps para calquera clase!

O regreso ás aulas xa está asomando cun novo curso cheo de expectativas, ideas e proxectos; estamos de volta! (Aquí tedes unha entrada con actividades e materiais para os primeiros días para botar unha ollada)

Cada vez que alguén emprega ou nome unha aplicación para empregar nas aulas vennos á cabeza aquelo de "é que hai apps para todo" e é certo que existen moitísimas aplicacións adicadas ou que se poden adicar á tarefa educativa máis alá das de organización docente e as clásicas de creación (iDoceo, Genially, Prezi, etc.)


Se ben hai aplicacións adicadas a áreas ou asignaturas concretas moi interesantes como as de programación sinxela tipo Scratch ou Hopscotch, moitas de música, idiomas, etc. Hoxe quero achegar unha selección de aplicacións que se poden empregar en variadas situacións incluído ademáis varias para as que non é necesario ter varios dispositivos para a aula.

Aquí van algunhas das miñas favoritas:

PLICKERS

A primeira que quero destacar é Plickers, é unha aplicación xenial para a realización de preguntas, tests, enquisas, votacións, etc. e que so precisa un único dispositivo na aula (que ben puidera ser o móbil persoal do docente) sobre esta aplicación e como se emprega tedes unha entrada enteira aquí. Sen dúbida unha das miñas favoritas e máis empregadas ao longo do tempo.





Layar (e tamén Aurasma) son aplicacións para traballar con Realidade Aumentada, a primeira é, na miña opinión algo máis sinxela, moi útiles e interesantes para variadísimas actividades, por exemplo, os rapaces/zas poden crear vídeos de opinión sobre libros que lean e estos insertarse en Realidade Aumentada nas portadas deses libros, ou crear obras de arte cuxa explicación personal pode escoitarse ao ser escaneadas, explicar mapas... as posibilidades son infinitas.





SeeSaw: É unha aplicación adicada á creación dun portfolio dixital de forma moi sinxela e desde os niveis do alumnado máis novo. Os/as alumnos/as poden acceder cun código da aula que lles sexa proporcionado de xeito que non hai que completar farragosos formularios de inscripción nin hai necesidade de que teñan un e-mail asociado. 

Cada alumno/a pode engadir ao seu portfolio (ou ao de varios compañeiros se, por exemplo, o traballo foi en equipo) fotos, vídeos, debuxos, documentos, anotacións e ligazóns e tamén engadir comentarios en audio ás fotos, debuxos, etc. Ademáis o mestre/a pode revisar cada elemento antes de ser "publicado", facer anotacións, avaliacións, enviar mensaxes, crear cartafoles para que a clase acceda. É unha aplicación moi, moi sinxela para todo o que oferta e á que tamén poden acceder via web (nunha aula de informática é unha opción). Recomendo moitísimo que lle deades unha oportunidade.


Esta non é propiamente unha aplicación para dispositivos móbiles xa que se emprega no propio navegador do ordenador da aula pero é que é unha marabilla. Chámase Classroom Screen, accedendo a Classroom Screen podemos seleccionar os widgets que desexamos ter en pantalla e podemos incluír prácticamente todo o que precisamos, ademáis está dispoñible en varios idiomas, entres eles o galego, podemos mostrar ao alumnado a hora ou un cronómetro simplemente engadíndoo, tamén un semáforo no que activar o verde, vermello ou ámbar dependendo do significado que lle otorguemos ás cores, empregar símbolos de traballo seleccionando o apropiado para o momento da sesión (traballo en equipo, discusión en parella, falar baixiño ou necesidade de silencio), aínda inclúe máis cousas! un bloc de notas de de escritura e tamén de debuxo (ambos pódense facer pantalla completa cun clic se é preciso), podemos ter códigos QR na pantalla, simplemente engadindo a dirección web e o código xérase automáticamente para que o poidan escanear. Por si non fora suficiente  pódese incluír tamén unha calculadora, un selector aleatorio no que se poden poñer nomes, grupos, actividades...  Todas estas funcionalidades poden engadirse ou non na pantalla ao noso gusto e usos, moi, moi útil e incríblemente sinxelo, un 10.



Classdojo (e Classcraft para máis maiores): mundialmente coñecida, esta aplicación, creada nun inicio como xeito amable e divertido de xestión de comportamentos evolucionou co propio uso por parte dos docentes para formar parte de moitas das gamificacións de aula cunha narrativa e formas de gañar e peder "poderes", "forzas", etc. de xeitos moi interesantes. 



Greenscreen e Touchcast: Son dúas aplicacións para a realización de vídeos con croma, sinxelo, (greenscreen moi sinxela, sobretodo para que a empreguen os alumnos/as de forma autónoma)  útil e con gran acabado, facer un telexornal? explicar un documental? crear unha aventura?

Spreaker: Unha aplicación tamén dispoñible en versión web para a creación de podcasts na clase, moi sorprendente polas súas funcionalidades.




Nearpod, esta aplicación pretende a elaboración de sesións interactivas permitindo a inclusión de presentacións, documentos, contido multimedia (video, foto, realidade aumentada, etc) e incluíndo creadores de actividades, o alumnado tamén accede cun código de aula desde un ordenador ou dispositivo e o mestre pode controlar a lección de todos os dispositivos que están "dentro", inclúe a posibilidade de actividades coma o "quizz"(poderemos compartir resultados ou ocultalos) ou "Draw it" que crea unha especie de pizarra en cada dispositivo ideal para a resolución de preguntas abertas, problemas, respostas en debuxo, escritas, con fotos insertadas, etc. e o mestre/a recibe as respostas. (Bastante similar é outra aplicación chamada Socrative)


Kahoot: Máis sinxela que Nearpod e Socrative é un sistema de resposta basado no xogo, permite crear actividades e preguntas que se desenvolvan coma distintos xogos (de velocidade, respostas de equipo...)



Edpuzzle: é certo que aínda non esta dispoñible a versión docente da app (só web) pero merece a mención, edpuzzle e unha aplicación para dispositivos móbiles e tamen web na cal podemos empregar calquera vídeo existente ou subido por nós, cortalo, incluírlle outro audio ou comentarios e, o máis significativo, incrustarlle preguntas abertas, con ou sen feedback inmediato, preguntas tipo test e comentarios. Así poderemos compartir ese vídeo coa aula na propia aplicación e os alumnos/as poderán dar as súas respostas que recibiremos.


Ata aquí a entrada con 10 aplicacións que merecen unha ollada, hai moitas máis como ben sabedes mais procurei facer unha selección entre as miñas favoritas e de máis uso e outras que poden ser menos coñecidas procurando que atopedes algunha novidade e tamén tendo en conta aquelas que non precisan moitos (ou ningún!) dispositivos.

Agardo que algo vos sexa de utilidade e tamén que teñades moi boa volta aos centros,  moi pronto novos proxectos e materiais. Feliz volta ao cole!

Saúdos desde a fiestra. 



2 comentarios: