luns, 29 de agosto de 2016

Os primeiros días: Materiais e actividades

Achégase o inicio do curso e ese día no que tanto nós coma os alumnos e alumnas mostramos as nosas primeiras cartas, acollemos, creamos expectativas e chegamos e chegan cheos de ilusións e medos.

Sona o timbre e unha ringleira de nenos e nenas expectantes avanza polo corredor ata a aula onde agardamos impacientes e, en moitos casos, non os coñecemos de nada, é a primeira vez que vemos as súas caras e imos estar con eles todo o día (se somos os titores/as; veremos cada hora a un grupo expectante distinto se somos especialistas), entón, que facemos? Os anos, a experiencia e os compañeiros van conformando a nosa batería de ideas coas que dar o pistoletazo de saída ao curso escolar, todos queremos comezar e que cando soe a campá os rapaces e rapazas teñan ganas de voltar ao día seguinte.

Así que pensei en facer unha pequena recopilación de ideas para o primeiro ou primeiros días de escola cunha serie de materiais por se poden ser de ultilidade.

Gústame recibir ao alumnado con saúdos xa desde a porta e, se pode ser, que unha canción nos acompañe ao fondo. Por suposto, comezo por presentarme e pedir que se presenten para ir abrindo a excel mental de nomes e datos do alumnado (podemos pasarlles unha pelotiña e quen a reciba que diga o seu nome e algo que lle encanta, ou un adxectivo ou facer calquer clásico xogo ou rutina de presentación de campamento para comezar, dependendo do curso no que nos atopemos).

Un clásico son as enquisas de inicio de curso sobre preferencias, gustos de todo tipo, expectativas, amizades... que proporcionan moi valiosa información para comezar a traballar. O certo é que temos moitas formas de facelas pode ser nunha ficha para completar con texto ou debuxos, unha enquisa dixital nos ordenadores, nun mural de postits que completar por turnos, empregando cartaces e gomets e por suposto tamén oral. 





Recordades o clásico xogo de cruzar a liña? Cunha liña debuxada ou pegada no chan facemos preguntas de si/non ou de dúas opcións pedindo que a crucen para responder, tamén podemos facelo por recunchos e dar máis opcións e por suposto permitir que engadan aclaracións ou suxerencias de preguntas.



Outra idea é o xogo das cores: Empregando caramelos de cores (lacasitos, ou fichas dun xogo, boliñas de papel ou mesmo un dado empregando números en vez de cores) atribuímos a cada cor ou número unha premisa e pedimos que resposten segundo o que lles toque ao azar, por exemplo:


Despois temos os elementos típicos coma pedir que elaboren un cartaz co seu nome, repartir ou elaborar horarios e listas de materiais ou completar o primeiro poster decorativo da aula así coma, moi importante, elaborar as nosas normas como grupo. Está ben que fagamos parellas ou equipos pequenos e poñamos un tempo límite para pensar as súas normas e tras poñelas en común elaborar as que teremos en conta coma comunidade e plasmalas en cartaces (podemos incluír ferramentas dixitais se dispoñemos de ordenadores ou se a aula de informática está dispoñible para facer esto).

Coma primeiro poster de aula temos moitas opcións: completar un prediseñado, elaborar a nosa bandeira poñéndonos de acordo nos elementos que incluiríamos ou crear un puzzle, por exemplo, podemos dar a cada un cadrado cun arco (un cuarto de circunferencia debuxado) e pedimos que decoren dun xeito moi diferenciado o interior e o exterior da liña, despois xuntamos o traballo de todos formando círculos nun, sempre vistoso, mural común.

Dependendo da idade poderemos incluír algún conto de éxito e actividades co mesmo, se imos ter unha mascota pode ser un bo momento para presentala cunha fascinante historia e, claro, tamén algunha actividade rítmica ou con cancións, incluso algunha curtametraxe ou vídeo sobre o que traballar, clásicos que enganchan e non defraudan.

Aquí ven outra actividade que me encanta: "A torre máis alta". É tan sinxela como dividir á clase en equipos, darlles o material que consideremos e poñer unha conta atrás dos minutos que creamos convintes para deseñar e elaborar unha torre. Os equipos deberán traballar xuntos para lograr a súa meta (unha oportunidade perfecta para as nosas primeiras observacións sobre o traballo en equipo do grupo) aquí deixo un exemplo mais deberemos adaptalo aos distintos niveis por exemplo engandindo un anaco de plastilina a cada equipo e quitando o fío, ou complicalo solicitando que a estructura deberá soster un ovo...

Os vindeiros días chega o momento de presentar as distintas areas e navegar naquelo que agardan delas, as súas preferencias e tamén naquelo que recordan doutros anos facendo as nosas pesquisas e evaluacións diagnósticas para ter a referencia, o punto de partida. Sempre son útiles e divertidas a nubes de palabras.

Aquí deixo unha presentación da área de Música por se queredes tamén algunha idea.


E, por suposto, as portadas para as carpetas, ficheiros ou cadernos.
Sinto que aínda me quedan ideas que incluír neste post no tinteiro mais faise moi extenso así que pensei que xa irá crecendo, agardo que vos guste, vos sexa de utilidade e sentídevos libres de empregar todo o material que para eso está: compartir é vivir! :)

Saúdos desde a fiestra.



Ningún comentario:

Publicar un comentario