07/02/2021

Mulleres e nenas na ciencia. Algúns recursos e propostas.

 Uf!

A fiestra semella un pouco lenta este curso, decateime agora de que non organicei aquí nada do que fun facendo desde Samaín... este curso é un pouco distinto para todos/as, non é?

Persoalmente, cambiei de centro o que xa implica, para min, gran dedicación para ir coñecendo ao alumnado, dinámicas, etc. ademáis caín nunha responsabilidade inesperada, temporal pero absorvente na que tamén hai moito que aprender... e despois, claro, está o "pequeno tema" da pandemia mundial pero... que vos vou contar; sempre adiante!

O caso é que non andiven moi hábil para ir subindo aquí as cousas e acabo con mil historias desorganizadas e acumuladas pero en fin... (aínda que se vos interesa, procuro ir subindo algunhas das cousas no Instagram, nas historias ou así, que sempre é máis áxil, con intención de que despois rematen aquí máis ordenadas e accesibles (para min, pero tamén para quen queira e lle sirvan!)

Ao que imos. Xa que se achega a data comezo por partillar unha imaxe interactiva de acceso a algúns recursos co gallo do Día da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro).


Fixen un pequeno documento con algunhas tarefas que desenvolvín outras veces e outras, por exemplo; unha guía para que o alumnado procure información e cree os discursos dos premios que deberían terse outorgado a distintas mulleres afectadas polo efecto Matilda, a lista de cotexto que empreguei para que un "equipo de sección" de radio creara a sección "Efecto Matilda", tamén para elaborar un rosco tipo Pasapalabra ou as follas que lle faltan ao noso temario. 



Desde aquí podedes acceder a todo:

(A ligazón da imaxe interactiva é esta por se a precisades: https://view.genial.ly/601fca7211728e0d19282cc3)

Ademáis inclúo algúns recursos que me gustan moito como:

  • "El diario secreto de Henrietta Leavitt"(CSIC), son uns capítulos en video de arredor de 5 minutos cada un nos que a propia astrónoma vainos contando aspectos da súa vida e traballo coma se víramos o transcorrer do seu diario en formato videoblogue.
  • As "Cápsulas de Son" (RadioVoz) nas que en audios duns 2 minutos e cunha linguaxe sinxela e adaptada explican biografías e logros de distintas mulleres das ciencias
  • Astrochat (Sara Gil e Fernando Liébana): Un xogo que xa recomendei un montón de veces no que conversar cun espelido robot e descubrir un montón de mulleres da astronomía nas distintas misións.

No apartado dos documentos puxen só 4 dos moitos que agora proliferan porque foron de utilidade noutras ocasións ou para as tarefas que explicaba ao comezo: Unha liña do tempo con 11 mulleres que contribuíron de xeito especial a que comprendamos a ecoloxía terrestre e a evolución (CREAF), unha infografía sobre algúns dos inventos creados por mulleres (Iberdrola), unha recopilación de 18 mulleres científicas afectadas polo Efecto Matilda (AMIT e Mulleres con Ciencia) e un caderno para colorear (Secretaría Técnica do Ministerio de Ciencia Innovación e Universidade)

Agardo que esteades a ter o mellor curso posible, mando moito ánimo e xa sabedes, se queredes ir un pouco máis ao día con algunhas cousas que vou subindo podedes botar un ollo ao instagram, mentres, eu procuro seguir organizando cousas por aquí. 

Saúdos e saúde desde a fiestra!

Ningún comentario:

Publicar un comentario