venres, 12 de xaneiro de 2018

Día da paz 2018

Chega xaneiro e con el o Día escolar da Paz en Non Violencia.

Ás veces semella moi superficial esta conmemoración pero darlle peso que merece é, para min, moi importante.



Por suposto, a educación pola paz e outros valores é un percorrido diario na escola, é algo que se fomenta e traballa día tras día e hora tras hora con palabras e con feitos pero esto non resta importancia á celebración do día sinalado xa que este é unha oportunidade anual única para deterse, falar, pensar, compartir, reflexionar, descubrir... 

Para min, non importa se escollemos unha causa, un personaxe destacado, unha nova de actualidade, unha acción local, un conto, citas... se o tratamos en xeral ou deténdonos máis nalgún aspecto; o que verdadeiramente importa é crer de verdade e transmitir que a paz non é un conto de nenos, que o día non vai de recortar unha pomba, que o día vai de recordar ao alumnado que eles  son quen, que a súa voz está para ser escoitada e que eles son esenciais para facer a sociedade e o mundo mellor (e nós tamén).

Lembro que o curso pasado unha iniciativa chamada #CantaPorSiria que comezou nunha escola e percorreu centos de centros sumando máis e máis colaboradores/as, este ano sucede algo semellante. Perdeu tirón nos xornais pero a situación dos refuxiados nun e outro lugar é, se colle, peor este inverno. 
A iniciativa deste ano leva o mesmo camiño que a anterior, a cuestión é, claro traballar sobre a problemática dos refuxiados (do mundo enteiro) desde o punto de vista dos valores, empatía, concienciación, servizo social, etc.



Aproveito para lembrar que tedes nesta entrada e nesta outra, dous proxectos sobre os refuxiados que fixen, o primeiro emprégoo en 1º/2º de primaria e o segundo é para niveis máis altos, son traballos bastante adaptables que vos poden dar materiais ou ideas para traballar o tema se así o queredes.

O caso é que a iniciativa, proposta polo grupo de mestres/as de música de Castela e León Imusicar non persegue só difundir unha canción, pretende que o tema se traballe nos centros e, a ser posible constribuír tanto coa acción educativa como coa canción e outras propostas a través de ONGs.

Nesta web reunín algún material e o centro da proposta que inclúe a base musical que fixeron, a adaptación da letra ao galego, o audio guía coa letra en galego... A canción comeza suave e só con piano pero pronto entran as percusións e guitarras e faise sinxela de preparar nas aulas.


Ogallá que moitos/as vos animedes a unirvos á proposta dos profes de IMusicar e alcancemos algún dos obxectivos, espero que vos sexa de interese.

Saúdos desde a fiestra.


Outras entradas sobre o día da Paz:



Ningún comentario:

Publicar un comentario