venres, 26 de febreiro de 2016

MULLERES. HEROÍNAS

Estou encantada de achegarvos esta nova idea que ven que nin pintada xa que estámonos a achegar á conmemoración do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

Trátase de novo dunha tarefa organizada para desenvolverse a través da web que elaboramos para tal fin e baseada na ferramenta "Heromachine". Esta ferramenta é sinxela e completísima para a elaboración de personaxes ao noso gusto aínda que poderemos empregar calquera outra ferramenta deste tipo ou mesmo as nosas dotes coma ilustradores e ilustradoras.

No nosa  investigaremos sobre distintas mulleres destacadas en distintos eidos e épocas e crearemos a ilustración das nosas heroínas coa fin de coñecelas, espallar a súa historia e renderlles homenaxe.

A web da tarefa inclúe unha primeira fase de sinxela investigación, 

E despois unha parte na que crear as ilustracións das heroínas e os cartaces coa descripción dos seus poderes.

Tamén inclúe o apartado de avaliación e coavaliación así coma unha sección "bonus" na que crear o perfil da nosa "heroína cotiá": unha muller que coñezamos persoalmente.

Se facedes clic nesta imaxe accederedes directamente ao recurso web que vos veño explicando.

A tarefa foi pensada, neste caso, para traballar en parellas máis axústase a ser organizada de moi diversos xeitos, desde individualmente a grupos máis numerosos aos que botaremos unha man na coordinación e distribución de tarefas.

As tarefas coma esta, sinxelas mais tamén bastante completas, adoitan ser moi enriquecedoras, xa que a aprendizaxe no transcurso das mesmas vai en moitas direccións, o compañerismo, a cursiosidade, a creatividade, etc. van da man mentres deberemos tamén aprender dos demáis traballos e compañeiros/as. Así que continúo animándovos a probalas, modificalas e adaptalas ás vosas necesidades.

Saúdos desde a fiestra.

xoves, 18 de febreiro de 2016

English project: HAIKUs!

Hoxe achégovos unha nova tarefa colaborativa para a aula de inglés.

Neste caso deberemos coñecer e crear os nosos propios Haikus en inglés, así escrito parece un lío mais preséntovos unha web que guiará todo o proceso do proxecto de xeito que se volva sinxelo e organizado. Inclúe desde o paso a paso ata como será a avaliación da tarefa.

Na web comezamos por introducir o tema dos HAIKUs, a estructura, temática, etc.
Na primeira fase os equipos terán que facer unha tormenta de ideas e vocabulario relacionado cos seus haikus (no meu caso cada equipo tiña que crear catro poemas, un relacionado con cada estación do ano) e comezar a coller práctica contando sílabas en inglés para crear os seus versos.

Nunha segunda fase cada equipo selecciona dous dos seus poemas para escribilos na plantilla e esas fichas pasarán por todos os demais equipos de xeito que os valorarán con estrelas e anotarán nos  cadros como cada equipo melloraría os haikus dos demáis.
Ao finalizar a ronda as fichas volven aos grupos iniciais que discuten se inclúen algunha mellora e fan a súa versión final dos poemas.


Na última fase os equipos empregaran a web (tamén dispoñible en aplicación para tablets ou smartphones) HAIKUDECK para xerar as presentacións dos catro poemas (é unha gozada, o mestre/a pode abrir unha conta e todos poden entrar nela á vez, as presentacións autogárdanse, é intuitiva...)

Unha vez creadas as presentacións na web planearán como presentar os poemas diante da clase. Organizan como recitalos, poden incluir atrezzo, música, etc... e para a presentación o resto de equipos teñen tamén unha lámina para valorar as actuacións.

E durante todo o proceso poden visitar o apartado de avaliación para ter presente aquelo que se vai ter en conta.



Creatividade, cooperación, expresión en língua inglesa, poesía, vocabulario, traballo en equipo coavaliación e autoavaliación nunha soa proposta que vos animo a probar e adaptar nas vosas aulas. 

Saúdos desde a fiestra!

venres, 5 de febreiro de 2016

Expresión escrita creativa.

Cantos estudantes pensan que escriben demasiado na escola? Cantos se sinten mínimamente escritores/as?

Un dos meu xeitos favoritos cos que mellorar a expresión escrita e o que esto conleva (ortografía, gramática, estilo narrativo, etc.) son as propostas creativas.

Iniciar ou facer unha paréntese nunha sesión de língua cunha destas propostas é un recurso fantástico que, de desenvolverse cunha periodicidade, análise e constancia axeitados devolve uns resultados incríbles.

Uns minutos dunha sesión semanal poden facer que observemos unha fascinante mellora a medio prazo na escrita empregando esta técnica que ten infinitas variantes de xeito que podemos achegala ás artes, as ciencias sociais, aos mundos fantásticos así como ás matemáticas, filosofía...

Aquí vouvos deixar as 20 primeiras propostas (pensadas e recopiladas para os niveis de 5º e 6º) ás que iremos engadindo máis ao longo do tempo, está claro que non todas as propostas funcionan e todos os grupos, algunhas simplemente fallan, quedan só na superficie... é normal. Empregar o recurso e descubrir que propostas facer e como enfocalas é unha viaxe que percorrer.


Como empregalas?
Ao comezo, o desenrolo non ten por que ser necesariamente áxil ou doado pero coa práctica...

Persoalmente eu comezo proxectando a proposta ou escribíndoa na pizarra e, no caso de ser visual, primero falamos de aquelo que podemos observar a simple vista: Que hai na imaxe?

Despois comezamos a inferir ou deducir a través da imaxe que pode estar sucedendo e lemos se é que hai algún texto na imaxe. Tras este diálogo (ben curto) doulles o tempo que teñen para escribir o seu parágrafo para rematar lendo algúns dos resultados. (Pedindo voluntarios ou sorteando no caso de que se repitan moito os voluntarios/as nas distintas sesións e tamén dependendo do numeroso que sexa o grupo).

Eu acabo lendo todos os textos na correción de libretas e tamén facemos algunhas compilacións, exposicións, lecturas intercambiadas en niveis, etc.

Ademáis ao cabo do tempo o alumnado é capaz de atopar e achegar as súas propias propostas visuais ou ideas, elemento tamén incríblemente participativo e enriquecedor.



Saúdos desde a fiestra!