martes, 26 de xaneiro de 2016

Como sonan as fotos?

Hoxe gosto de achegarvos unha tarefa coa que vincular dúas artes: a música e a fotografía.

A través da web que vos teño preparada poderedes desenrolar un pequeno proxecto ou tarefa en equipos, parellas ou gran grupo coa finalidade de descubrir a que sonan as imaxes e puidendo musicar agunhas. Soa ben, non?

Na web teredes a tarefa guiada por pasos para ir superando logros ata configurar a nosa sala de Fotografía e Música no museo da aula. 

Comezaremos unindo unhas fotografías a uns audios, argumentando o vínculo que establecemos. Despois pasaremos por catalogar e musicar outra imaxe e remataremos coas nosas aportacións: unha aportación musical para unha foto dada, unha imaxe para vincular cun audio e finalmente a nosa obra persoal: a nosa propia imaxe e o audio que a acompaña. Mais todo esto está perfectamente estructurado e guiado nesta web:

(Fai clic na imaxe para acceder á web do proxecto)

O proceso desta tarefa é moi dinámico, creativo e divertido e nel descubriremos vínculos nos que moitos nunca repararan entre estas dúas artes, así que, anímovos a que o probedes nas vosas aulas de educación artística e musical.

Saúdos desde a fiestra!


venres, 22 de xaneiro de 2016

Actividade para o día da PAZ e da Non Violencia

Hoxe achego unha das miñas actividades favoritas para conmemorar o Día escolar da non violencia e da Paz.

É unha actividade moi sinxela mais arredor dela poden xerarse multitude de debates, video-forums, e outras actividades adaptadas aos distintos niveis.

Esta actividade veu a colación dunha campaña polo desarmamento nuclear que se desenvolveu internacionalmente vai uns anos con multitude de iniciativas como a de este vídeo:


Exactamente baseándonos nesta iniciativa propoñemos que o alumnado transforme as siluetas armamentísticas en deseños positivos e esperanzadores

Os resultados son tan abraiantes como a imaxinación dos nosos alumnos e alumnas e as charlas e actividades arredor desta adoitan ser tamén moi enriquecedoras.

Pódese facer con distintas siluetas máis aquí deixo para descargar a lámina dunha silueta e tamén o cartel que empregamos para a exposición dos traballos (2 folios)

Se vos animades a facelo non dubidedes en comentalo ou ensinar resultados!

Saúdos desde a fiestra!

xoves, 21 de xaneiro de 2016

Canción para a PAZ

Achégase a conmemoración do día da Paz e Non Violencia nas aulas e se estades na procura dunha canción sinxela para os primeiros niveis na área de lingua estranxeira déixovos a canción "I've got peace in my fingers" de Susan Salidor.

Como veredes é unha canción moi sinxela e con moito ritmo, apropiada para infantil e os primeiros niveis de primaria, doada de cantar e á que engadirlle xestos e movementos representativos.

Aquí deixo o vídeo co audio e a presentación que fixemos para traballala.


Saúdos!

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Estamos de volta e imos de viaxe!


Ola!

Tras este parón das vacacións invernais estamos de volta cargados de enerxía e ideas e agardo que vos tamén! Bó aninovo a todos e todas!


Para abrir boca traio un recurso cooperativo, motivador e creativo ideal para a área de lingua estranxeira (aínda que pode adaptarse ás ciencias sociais, língua...)

É un pequeno proxecto pensado para realizar en equipos. Neste proxecto o alumnado crea a súa propia axencia de viaxes (co imprescindíbel nome e logo, por suposto!). Coa súa axencia deberán crear unha oferta de viaxe a unha cidade (neste caso de fala inglesa) para unha familia.
Deberán buscar aloxamento, itinerario de visita, restaurantes, museos e eventos culturais da cidade e crear o seu tríptico informativo. 

Todo isto parece complicado pero fixen unha Web para o proxecto que vainos guiar e bótanos unha man dividindo e xestionando o traballo paso a paso. Incluso pode axudarnos dividindo as tarefas entre "expertos" dentro dos equipos no canto de intentar facer todos todas as seccións. 

(Fai clic na imaxe para acceder á web!)



Ao final deberán presentar a súa oferta de viaxe ao resto da clase e poderemos elexir os nosos destinos favoritos!

Este proxecto traballeino con grupos de e de con resultados e aprendizaxes espectaculares así que anímovos moitísimo a empregalo, modificalo e enriquecelo coas vósas ideas e contextos persoais.

Un saúdo desde a fiestra.