domingo, 22 de novembro de 2015

Música e balóns de baloncesto.

Hoxe traio un novo recurso web destinado a preparar de forma sinxela unha secuencia coreográfica con balóns (adaptable a outros materiais: panos, picas, aros...)



O recurso está deseñado para alumnos e alumnas de 5º e 6º pero que pode empregarse con pequenos cambios tanto en niveis superiores (ESO) coma en inferiores e ademáis que pode facer as delicias da área de música e mesmo da de Educación Física dependendo dos aspectos no que nos centremos no seu uso.

Podemos empregar este recurso centrándonos nos aspectos rítmicos, musicais e de danza desde a área de música ou tendo máis en conta elementos coma o bote, lateralidade, coordinación ou lanzamentos na área de Educación Física.


Está claro que esta idea pode desenvolverse cun sinfín de cancións, ritmos e coreografías pero eu déixovos unha ligazón na que atoparedes o musicograma para realizar a coreografía do tema "Let's get it started" así como a imaxe cunha pequena explicación dos movementos que programamos.

Fai clic nesta imaxe para acceder ao recurso online:
http://patrifulca.wix.com/letsgetitstarted
Nesta imaxe tedes unha pequena explicación dos movementos (fai clic para descargar o arquivo):

Esta actividade é moi motivadora xa que observaremos unha evolución moi rápida tanto no ritmo persoal como na coordinación co resto de compañeiros e compañeiras e pode ser tamén unha solución moi atractiva para festivais e actuacións escolares xa que os resultados finais son verdadeiramente impresionantes; así que anímovos a empregalo sen dúbida, é divertidísimo (tamén ruidoso) e con el podemos traballar moitísimos aspectos desde distintas perspectivas.

Saúdos! 





Ningún comentario:

Publicar un comentario