xoves, 26 de outubro de 2017

O lume

Boas!

A raíz do sucesos acontecidos, coa última enorme vaga de lumes que viviu a nosa terra, fixera un recurso que comecei a traballar cos rapaces e rapazas de 5º de primaria.

A educación ambiental é un aspecto moi relevante que tratamos traballar nas aulas de moi distintos xeitos, mais, ás veces, son os terribles sucesos de actualidade os que poñen estos temas de relevancia e son un motor que nos fai espertar de súpeto tanto a nós como aos alumnos/as e é onde a nosa programación ten que facer gala da súa publicitada flexibilidade.

Con todo o alumnado devecendo por tratar o tema desde distintos ángulos creamos este proxecto para a aula de música na que os alumnos/as teñen o importante encargo tanto de investigar en equipos de expertos distintos aspectos sobre as causas, consecuencias, novas e consellos de prevención de lumes como de, finalmente, cos novos coñecementos recopilados, crear unha letra adaptada a unha melodía (neste caso escollemos "A rianxeira") que nos permita transmitir a complexa mensaxe que tratamos de lanzar ao mundo.

Non adoito publicar os recursos deste tipo antes de que se teña concluída a experiencia unha vez completa xa que gosto de saber os resultados finais por se hai algo que considere cambiar no proceso, mellorar, etc. mais, desta volta, vendo a importante carga de motivación intrínseca do alumnado xerada a partir do suceso, das novas, da relevancia social que adquiriu o desastre, etc. e observando como levan o proceso (o ben que lles está quedando xa a letra), a importancia que lle están dando ao seu encargo; as ganas que teñen de transmitir o que pensan, o que saben o que queren pedir e denunciar velaí vai a web que estamos empregando para o proceso de investigación, reflexión e creación.

[Podes facer clic na imaxe para acceder á web]


Gostamos de introducir temas do curriculum a través da actualidade sobretodo cando son alegres e positivos (descubrimentos, logros da sociedade, etc.) máis tamén considero importante tratar coa relevancia (e delicadeza) que merecen algúns coma este ou moitos outros.
De xeito que aquí queda por si a alguén lle é de utilidade, interese ou inspiración.

Saúdos desde a fiestra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario