31/05/2016

A conta atrás!

Xa estamos entrando en xuño e respírase no ambiente ese aire de pre-vacacións escolares tan recoñecible... 

Por outra banda todos/as quen máis, quen menos, gústanos unha boa conta atrás, canto falta para o verán, para o aniversario, para -nonseical- excursión, para as festas da vila... e aos nenos/as tamén! Só hai que ver con canto tempo nos adiantan que van ser os seus cumples!

E diso vai o recurso que vos achego, é unha conta atrás para a fin do curso na cal cada día descubriremos unha pequena pero divertida actividade que se pode implementar nos últimos minutos da sesión correspondente.




Esta é unha imaxe interactiva, cada un dos números ten un botonciño que indica a actividade proposta, coa ligazón ao recurso descargable preciso para levalas a cabo. Se ben moitos especialistas xa non dispoñen nin de 10 sesións restantes nos grupos o recurso pode ser infinitamente adaptado con outros números, datas e, por suposto, outras ideas de actividades para as nosas contas atrás.


(Sitúa o cursos nos números para descubrir os botóns e os recursos!)


Resulta moi divertido ver como o alumnado está desexando descubrir a actividade da conta de cada día convertíndose nun peche de curso fabuloso no que podemos incluír desde xogos de repaso, competicións, bailes, actividades de exterior, reflexións, creatividade... o caso é que todo vale e, neste recurso, a maioría do protagonismo e elemento motivador é o feito de presentalo como dita conta atrás na que ir descubrindo as tarefas que se nos propoñen.

Agardo que vos sirva de idea e desfrutedes a vosa conta atrás.

Saúdos desde a fiestra!

19/05/2016

Como sonan as esculturas? Relacionando artes.

Xa fixemos algunha outra tarefa relacionando distintos tipos de manifestacións artísticas coma esta que fai unha ligazón entre fotografía e música.

Hoxe achégovos unha serie de tarefas a traves desta web coas que pretendemos que o alumnado sexa quen de reflexionar sobre como relacionar a música coa escultura creando a súa exposición no museo da aula. Son unha serie de tarefas que implican reflexión, creación e traballo en equipo, puntos forttes que deberemos ter en conta e avaliar en todo o proceso.

(Podes acceder á web se fas clic na imaxe)

A primeira tarefa é moi sinxela, nela  temos 5 imaxes de esculturas e 5 audios que os alumnos/as, de xeito individual, en equipos ou mesmo en gran grupo coma introducción, deben relacionar xustificando as súas seleccións. Se ben as músicas foron escollidas de xeito que as relacións son moi previsibles debemos ter en conta que calquera ligazón que eles/as creen estará ben se ven acompañada da súa xustificación persoal e iso será moi enriquecedor para o grupo. Tamén poden suxerir outras músicas, etc.

Nunha segunda parte a web indícanos que unha música chegou por sorpresa á nosa sala do museo sen ningunha escultura que a acompañe así que convertirémonos en "escultores/as a cegas". A actividade é tan sinxela como enriquecedora e divertida. O alumnado vendará os seus ollos e cada un/ha terá un anaco de arxila diante. Unha vez comece a música deberán escoitar con moita atención e  pensar aquelo que lles suxire para ir dando forma ás súas esculturas. Unha vez rematadas deberán elaborar as tarxetas nas que poñan o título da obra e o autor/a.

A parte final divídese en dúas tarefas. Na primeira temos dous audios moi distintos e, por equipos, deberán conformar as esculturas vivintes para esas músicas. Esto quere dicir que eles/as, empregando os seus corpos, crearán unha figura estática para os audios. (Recordade sacar fotos de esta parte para a "exposición" e os portfolios!)
Finalmente propónsenos unha escultura moi chamativa para crearlle a nosa propia música. Poderemos empregar instrumentos da aula, efectos sonoros, instrumentos corporais, etc. Iremos axudando ao grupo con ideas coma "que son vos suxire esa cereixa brillante á fin da culler?" etc. Cando teñamos a obra rematada poderemos facer unha gravación.

O remate final é para que fagan unha reflexión escrita sobre todo o que vimos coas tarefas e tamén engadan aquelo que consideren oportuno así coma tamén se suxire que vaian incluíndo no seu portfolio datos e tamén reflexións de todas as partes da tarefa. Esto sirve tanto coma avaliación de parte do proceso coma para que eles vaian reflexionando sobre todo o que se está a tratar.


Son tarefas sinxelas e guiadas a través da web coas que despertar a curiosidade cara outras manifestacións artísticas, coñecer gustos e ideas do alumnado e desenvolver diversas habilidades e contidos artístico-musicais co motivador que ten crear un pequeno proxecto en equipo coma é a nosa sala de escultura e música do museo.


Agardo que vos guste, sexa útil e vos animedes a probalo nos vosos grupos!.
Saúdos desde a fiestra.

10/05/2016

A Historia en iconas de Whatsapp.

Que a Historia é unha das partes do curso máis temidas ou odiadas por unha ampla porcentaxe de alumnado é sabido e que temos empregado multitude de recursos para achegala dun xeito máis amable tamén.

Temos incluído documentais, historietas, tarefas de investigación, a inclusión de multitude de anécdotas históricas, a relación da historia co cinema, a música, a arte en xeral, temos convertido ao alumnado en historiadores, periodistas ou viaxeiros do tempo... todas estas cousas coa fin de que os primeiros mergullos nas profundiudades da Historia sexan o máis amables e motivadores posibles, coa fin de despertar curiosidade, atención e apartar medos e prexuízos.

E por si aínda non o tedes empregado hoxe achégovos unha das estrelas das sesións introductorias de Historia: As iconas de Whastapp.

Elaborei o recurso por primeira vez vai uns anos e... Bang! Resultou que aparte de atender e entender convertiuse nun recurso de estudo bastante satisfactorio. Tanto é así que no estudo de diferentes seccións da Historia eles mesmos crearon posters con liñas de iconas e, sen axuda de ningún texto, eran capaces de, sinalando as iconas, narrar as partes da Historia que prepararan. 

Entretido, sinxelo, útil e cun traballo activo de asimilación e reflexión ben valioso.

Velaquí vos deixo un exemplo dun pequeno resumo introductorio da Idade Moderna en Europa.


Agardo que vos dea ideas e vos sexa de utilidade.

Saúdos desde a fiestra!

01/05/2016

A nosa axencia de tempo libre.

Nestas alturas de calendario a maior parte de programacións de lingua estranxeira inclúen os termos relacionados con deportes, actividades de tempo libre, xogos de exterior, etc. E, por tanto, esta tarefa vennos perfecta.

Neste caso o alumnado deberá traballar de xeito cooperativo para crear a súa axencia de tempo libre seguindo os sinxelos pasos e materiais que proporcionamos na web.

No inicio elixirán o seu nome e logo. Enquisarán aos seus compañeiros e compañeiras coa fin de coñecer as súas actividades favoritas, (Deportes? Cales? Pintura? Música? Ciencia? Tamén engadirán aportacións imaxinando actividades que cren que triunfarían entre os seus compañeiros/as.


Nunha segunda parte elaborarán o horario das distintas actividades da súa axencia seguindo os criterios que eles/as crean e facendo un documento atractivo.

Na parte final crearán un tríptico ou cartaz que anuncie a súa axencia, co nome, o logo, as actividades que ofertan, modos de contacto e mensaxes atractivas ou ofertas. Tamén planearán como van presentar o seu traballo ao resto da clase.

É importante que o conxunto da tarefa está dividida nos distintos pasos e cada paso remata cun pequeno obxectivo logrado (na primeira deben cubrir un documento e entregalo, na segunda entregar o horario e a enquisa sobre como traballou o equipo, e na terceira o  triptico e plan de presentación). Non é unha tarefa especialmente aberta pero esto fai que sexa moi sinxela de plantexar sobretodo naqueles grupos que non están acostumados a este tipo de traballos colaborativos.


Tamén destaca o apartado de avaliación no que hai: Unha rúbrica para que poidan ter presentes aspectos sobre os que serán avaliados, un lámina que poden empregar durante as presentacións dos seus compañeiros para avalialos e outra individual que inclúe preguntas de autoavaliación e opinións sobre a actividade así como un valor sociométrico. (Tedes todas estas fichas para descaragar desde a propia web da tarefa)



Recomendo tarefas coma esta sobretodo para aqueles que desexan iniciar tarefas máis participativas e contextualizadas na área de lingua estranxeira e non facer tantas actividades e exercicios illados pero sen ter que embarcarse en proxectos dun recorrido moi longo. 

Saúdos desde a fiestra.