martes, 1 de decembro de 2015

Nadal en inglés e con 5 sentidos.

Con motivo das vacacións de inverno traio un material que elaborei para a aula de inglés de infantil ou o primeiro nivel de primaria.

Aínda que nas sesións de inglés de infantil non adoito empregar moito papel e traballamos máis a comprensión e expresión oral a través de cancións, xogos e contos ás veces incluímos algún material como é este.

Neste caso son dúas láminas que traballan vocabulario destas vacacións de inverno, conceptos coñecidos como as cores ou elementos da roupa de inveno e tamén os cinco sentidos, coma se de un mini-libro sensorial se tratara.

Na primeira lámina atopamos os sentidos da vista e o tacto. Primeiro cunha árbore de nadal na que pegaremos gomets das cores que solicitemos facendo as veces de bolas da árbore. E no segundo caso pegaremos algodón en parte do gorro de inverno para aportar o tacto suave.


Na segunda lámina, pola súa banda, están o olfato, o oído e o gusto. Primeiro cun reno cuxo naris faremos con plastilina vermella tras experimentar cheirándoa a cegas, despois cunha campana de nadal á que lle poñeremos un pequeno axóuxere e finalmente cun vasiño de chocolate quente ao que engadir unha palliña coa que saborear (durante a actividade podemos mollar as palliñas en azucre, ou sal, ou limón... experimentando cos sabores).

E por fin, velaquí queda o material descargable para o voso uso:



Saúdos desde a fiestra!

Ningún comentario:

Publicar un comentario