Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións

13/01/2016

Estamos de volta e imos de viaxe!


Ola!

Tras este parón das vacacións invernais estamos de volta cargados de enerxía e ideas e agardo que vos tamén! Bó aninovo a todos e todas!


Para abrir boca traio un recurso cooperativo, motivador e creativo ideal para a área de lingua estranxeira (aínda que pode adaptarse ás ciencias sociais, língua...)

É un pequeno proxecto pensado para realizar en equipos. Neste proxecto o alumnado crea a súa propia axencia de viaxes (co imprescindíbel nome e logo, por suposto!). Coa súa axencia deberán crear unha oferta de viaxe a unha cidade (neste caso de fala inglesa) para unha familia.
Deberán buscar aloxamento, itinerario de visita, restaurantes, museos e eventos culturais da cidade e crear o seu tríptico informativo. 

Todo isto parece complicado pero fixen unha Web para o proxecto que vainos guiar e bótanos unha man dividindo e xestionando o traballo paso a paso. Incluso pode axudarnos dividindo as tarefas entre "expertos" dentro dos equipos no canto de intentar facer todos todas as seccións. 

(Fai clic na imaxe para acceder á web!)



Ao final deberán presentar a súa oferta de viaxe ao resto da clase e poderemos elexir os nosos destinos favoritos!

Este proxecto traballeino con grupos de e de con resultados e aprendizaxes espectaculares así que anímovos moitísimo a empregalo, modificalo e enriquecelo coas vósas ideas e contextos persoais.

Un saúdo desde a fiestra.

01/12/2015

Nadal en inglés e con 5 sentidos.

Con motivo das vacacións de inverno traio un material que elaborei para a aula de inglés de infantil ou o primeiro nivel de primaria.

Aínda que nas sesións de inglés de infantil non adoito empregar moito papel e traballamos máis a comprensión e expresión oral a través de cancións, xogos e contos ás veces incluímos algún material como é este.

Neste caso son dúas láminas que traballan vocabulario destas vacacións de inverno, conceptos coñecidos como as cores ou elementos da roupa de inveno e tamén os cinco sentidos, coma se de un mini-libro sensorial se tratara.

Na primeira lámina atopamos os sentidos da vista e o tacto. Primeiro cunha árbore de nadal na que pegaremos gomets das cores que solicitemos facendo as veces de bolas da árbore. E no segundo caso pegaremos algodón en parte do gorro de inverno para aportar o tacto suave.


Na segunda lámina, pola súa banda, están o olfato, o oído e o gusto. Primeiro cun reno cuxo naris faremos con plastilina vermella tras experimentar cheirándoa a cegas, despois cunha campana de nadal á que lle poñeremos un pequeno axóuxere e finalmente cun vasiño de chocolate quente ao que engadir unha palliña coa que saborear (durante a actividade podemos mollar as palliñas en azucre, ou sal, ou limón... experimentando cos sabores).

E por fin, velaquí queda o material descargable para o voso uso:



Saúdos desde a fiestra!

27/10/2015

A casa e o Samaín

Aproveitando que os/as alumnos/as de 2º están aprendendo un montón de cousas sobre as estancias da casa na clase de Inglés e que xa estamos chegando ao Samaín ou Halloween, na aula de inglés estamos preparando un xogo que combina os dous eventos.

Antes de nada repartimos partes do noso puzzle-taboleiro de xogo cada alumno/a debería darlle cor á súa parte do xogo e xuntos creamos o taboleiro, unha casa prácticamente baleira.
[Se fas clic aquí podes descargar un .pdf do poster que empregamos, nós divímolo nas 14 pezas que están numeradas]

Tamén engadimos o título do noso mural "Welcome to our HAUNTED house"

Para xogar ao noso xogo introducimos nunha caixiña un montón de tarxetiñas con palabras desde "shower" ou "fridge" ata "treasure", "skeleton" ou "vampire", é dicir, mesturamos obxectos das estancias das casa con elementos propios da festa de Halloween.

A partir de aquí o xogo é moi sinxelo, os/as alumnos/as deben coller unha tarxetiña ao chou e escoitar atentamente a frase da mestra que dirá por exemplo "There is a (black cat) in the (hall)" entón o xogador/a debe incluir ese elemento na dependecia citada. Se o adiviña, gaña un punto para o seu equipo; moi doado. 

Ao final teremos a nosa casa encantada completa e decorada para as festas de Samaín!! 

Así quedou a de un dos grupos de 2º:






25/10/2015

O medo!

Aproveitando que chega o Samaín (e o Halloween) preséntovos un material para os primeiros cursos de primaria sobre a temática do medo.

Trátase duns libriños que tratan distintos aspectos como: que é aquelo que tememos, a cor da que é para nós o medo, o uso dunha canción relacionada, a creación da nosa pócema máxica e para que a empregaríamos, a presentación dunha obra pictórica e moito máis.


Este material pode imprimirse en formato A4, A5 ou incluso A6 que é como o empreguei eu mesma e podemos traballar con el individualmente ou empregalo en gran grupo, cun formato grande ou incluxo dixital no que todos contribuímos á creación do noso libro do medo.


Aquí está o material en galego e un pouco máis abaixo podes acceder ao mesmo en inglés e tamén en castelán. Adiante, bota unha ollada!



Material tamén dispoñible aquí en castelán e inglés


20/09/2015

Recomendación literaria.

Hoxe traio unha recomendación literaria para os máis pequenos, un prezado recurso tanto para infantil coma para os primeiros cursos de primaria. O título en inglés é Press here mais está dispoñible nuns vinte idiomas distintos. 

Press Here é un sinxelo libro interactivo cunha estética coidada e atractiva, á vez que arriscada, que será un éxito asegurado nas aulas.



Este libro, escrito por Hervé Tullet, invita ao lector a comezar presionando un círculo amarelo e non hai mente curiosa que poda resistirse a tal invitación, neste punto da comezo a aventura. Nas sucesivas páxinas o libro solicitará que realicemos distintas accións: axitalo, soprar, dar palmas... e reaccionará ás nosas accións coma por arte de maxia.

Hevé Tullet

Press here ou Un Libro, que é o seu título en castelán, é un recurso útil e divertido para a introducción de formas, cores e verbos así coma para esperta-lo disfrute pola lectura dos máis pequenos; tanto eles coma os adultos quedarán cautivados polo intelixente á vez que simple desta obra que, ademáis, é unha ferramenta eficaz coma desencadeante de actividades e tarefas tan variadas coma sexamos quen de imaxinar; de feito, anímovos a que botedes unha ollada pola rede xa que atoparedes multitude de recursos relacionados coa obra. Este curso empregarei Press Here coma mestra de inglés pero, nin que decir ten, que pode trasladarse a outras áreas, ben sexa lingua, plástica ou mesmo música, como fai Estela Arias neste vídeo

O autor, Hervé Tullet dispón tamén doutros títulos de similares características co compoñente común da interactividade, un dos atractivos máis relevantes destes libros que serán, sen lugar a dúbidas un éxito que alumnos e alumnas desexarán revisitar unha e mil veces.