venres, 20 de marzo de 2020

Reflexión e..."arquitectura" e música

Bo día... 
Son tempos confusos os que nos toca vivir, diso non hai dúbida... é tempo de responsabilidade, hixiene (física e mental) e, sen dúbida, de ficar na casa.

Agardo que todas e todos esteades ben e levando esta situación o mellor posible, pola miña banda, non van apenas uns días e xa boto moito en falta á rapazada, a aula o son das cadeiras que se arrastran... pero mantéñome moi activa e iso axuda.

Non vou facer unha longa disertación sobre como se artellou todo esto da "educación por medios telemáticos" e como se está (ou non) levando, o que sei é que hai milleiros de docentes procurando facer as cousas o mellor que pode ou sabe, botándolle unha cantidade de horas e esforzo incríble (parabéns e grazas a todas e todos), unhas veces acertando e outras non... (para escoitar despois algún (ir)resposable decir que estamos de vacacións ou algo así...).

O que queda meridianamente claro é que, o noso traballo nas aulas é insustituíble e son tantas as variables que cambian da ecuación dos nosos quefaceres docentes que chega a resultar frustrante, a atención individualizada dificúltase igual que a colaboración, acompañamento, e un longo etc. e na área de educación musical, pois nin vos conto.

Ademáis de para as mestras e mestres, esta situación está sendo difícil para todos, tamén para as familias e eso téñoo sempre presente, non podo entrar en cada fogar a ver se considero que vai ben o que propoño, ou calibrar como está a situación anímica, mesmo a organizativa ou de medios... é imposible e é algo que teño que delegar totalmente nas familias intento que non se sintan presionadas coas propostas que as vexan como posibilidade e tamén coma canle, trato de aportar comunicación, ideas e acompañamento (tamén egoístamente porque en serio, boto moito de menos ao alumnado e alégrame moito saber deles e delas), bastaríame con que souberan que estou deste lado da pantalla, que poden comunicarse, alterar as propostas, falar, aportar as súas ideas ou inquedanzas; bastaríame con que esto se parecera un pouco máis á aula.

Aproveitarei para publicar algúns dos recursos que adaptei un pouco á situación, porque si, a situación é a que é e todos os ritmos grupais, instrumentacións, composicións, etc. pasan nestes momentos a outro plano (o plano dos imposibles)

Neste recurso, por exemplo, propónse vencellar a arquitectura á música, dun xeito moi básico pero pretendendo dar unha oportunidade de realizar escoita activa, relacionar o que escoitamos co tanxible e incluso compartir un momento de creación artística lonxe do ruído que nos envolve estes días.


Propostas coma estas non son exclusivas do momento, fago moitas así na escola, forman parte das miñas programacións só que pode que, un pouco máis complexas ou abranguendo o tema en máis profundidade, iso é verdade...

O caso é que a idea comeza amosando un par de vídeos, como o órgano mariño de Zadar, despois trata de explicar a proposta e realizar un pequeno exercicio para practicala. Que forma arquitectónica ten un son? E unha obra? Ou como sona esta estructura?


No centro está a proposta en si de escoita e creación artísitca, e por último ten unhas propostas extra para ir máis alá.




Agardo que esteades todos e todas moi ben, toca coidarse moito e ir aos poucos, todo isto pasará; todo sairá ben.

Saúdos desde a fiestra e moita forza!



PD: (Na copia da web que comparto coas familias inclúo sempre o meu correo electrónico e tamén un cartafol de GDrive onde poden subir fotos, inquedanzas, resultados ou variacións das propostas, etc.)

1 comentario: