xoves, 19 de maio de 2016

Como sonan as esculturas? Relacionando artes.

Xa fixemos algunha outra tarefa relacionando distintos tipos de manifestacións artísticas coma esta que fai unha ligazón entre fotografía e música.

Hoxe achégovos unha serie de tarefas a traves desta web coas que pretendemos que o alumnado sexa quen de reflexionar sobre como relacionar a música coa escultura creando a súa exposición no museo da aula. Son unha serie de tarefas que implican reflexión, creación e traballo en equipo, puntos forttes que deberemos ter en conta e avaliar en todo o proceso.

(Podes acceder á web se fas clic na imaxe)

A primeira tarefa é moi sinxela, nela  temos 5 imaxes de esculturas e 5 audios que os alumnos/as, de xeito individual, en equipos ou mesmo en gran grupo coma introducción, deben relacionar xustificando as súas seleccións. Se ben as músicas foron escollidas de xeito que as relacións son moi previsibles debemos ter en conta que calquera ligazón que eles/as creen estará ben se ven acompañada da súa xustificación persoal e iso será moi enriquecedor para o grupo. Tamén poden suxerir outras músicas, etc.

Nunha segunda parte a web indícanos que unha música chegou por sorpresa á nosa sala do museo sen ningunha escultura que a acompañe así que convertirémonos en "escultores/as a cegas". A actividade é tan sinxela como enriquecedora e divertida. O alumnado vendará os seus ollos e cada un/ha terá un anaco de arxila diante. Unha vez comece a música deberán escoitar con moita atención e  pensar aquelo que lles suxire para ir dando forma ás súas esculturas. Unha vez rematadas deberán elaborar as tarxetas nas que poñan o título da obra e o autor/a.

A parte final divídese en dúas tarefas. Na primeira temos dous audios moi distintos e, por equipos, deberán conformar as esculturas vivintes para esas músicas. Esto quere dicir que eles/as, empregando os seus corpos, crearán unha figura estática para os audios. (Recordade sacar fotos de esta parte para a "exposición" e os portfolios!)
Finalmente propónsenos unha escultura moi chamativa para crearlle a nosa propia música. Poderemos empregar instrumentos da aula, efectos sonoros, instrumentos corporais, etc. Iremos axudando ao grupo con ideas coma "que son vos suxire esa cereixa brillante á fin da culler?" etc. Cando teñamos a obra rematada poderemos facer unha gravación.

O remate final é para que fagan unha reflexión escrita sobre todo o que vimos coas tarefas e tamén engadan aquelo que consideren oportuno así coma tamén se suxire que vaian incluíndo no seu portfolio datos e tamén reflexións de todas as partes da tarefa. Esto sirve tanto coma avaliación de parte do proceso coma para que eles vaian reflexionando sobre todo o que se está a tratar.


Son tarefas sinxelas e guiadas a través da web coas que despertar a curiosidade cara outras manifestacións artísticas, coñecer gustos e ideas do alumnado e desenvolver diversas habilidades e contidos artístico-musicais co motivador que ten crear un pequeno proxecto en equipo coma é a nosa sala de escultura e música do museo.


Agardo que vos guste, sexa útil e vos animedes a probalo nos vosos grupos!.
Saúdos desde a fiestra.

2 comentarios:

  1. Noraboa polo teu espazo e unha fonte de inspiración. Saúdos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas polo teu comentario, Isabel! De verdade... :)

      Saúdos

      Eliminar