11/02/2021

Un pouquiño do entroido

 Boas, veño rápidamente partillar un mini-recurso que estivemos empregando estas semanas no cole.


Temos unha pequena misión na que axudar ao esquío Uxío respostando sinxelas preguntas sobre o noso entroido, tres preguntas de escolla, outras tres con imaxes e outras tres de verdadeiro e falso (con candasúa pista, axuda ou solución para non quedar atrapadas!). En cada misión recibimos un número que nos leva cara un "botín" de landras e algunhas propostas máis como:

Crear a nosa comadre/compadre con papel de periódico

Ver o videoclip, cantar e desfrutar coa nova canción de "Os amigos dos músicos" para o entroido "Non pare a festa"

Historias tolas ou non tan tolas cunha ruleta de palabras ao chou sobre o entroido, proposta para crear entre todos/as o noso "testamento" do entroido...


Aquí podedes acceder ao recurso completo por se vos é de utilidade!

Deséxovos un bo entroido! saúdos e saúde desde a fiestra

07/02/2021

Mulleres e nenas na ciencia. Algúns recursos e propostas.

 Uf!

A fiestra semella un pouco lenta este curso, decateime agora de que non organicei aquí nada do que fun facendo desde Samaín... este curso é un pouco distinto para todos/as, non é?

Persoalmente, cambiei de centro o que xa implica, para min, gran dedicación para ir coñecendo ao alumnado, dinámicas, etc. ademáis caín nunha responsabilidade inesperada, temporal pero absorvente na que tamén hai moito que aprender... e despois, claro, está o "pequeno tema" da pandemia mundial pero... que vos vou contar; sempre adiante!

O caso é que non andiven moi hábil para ir subindo aquí as cousas e acabo con mil historias desorganizadas e acumuladas pero en fin... (aínda que se vos interesa, procuro ir subindo algunhas das cousas no Instagram, nas historias ou así, que sempre é máis áxil, con intención de que despois rematen aquí máis ordenadas e accesibles (para min, pero tamén para quen queira e lle sirvan!)

Ao que imos. Xa que se achega a data comezo por partillar unha imaxe interactiva de acceso a algúns recursos co gallo do Día da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro).


Fixen un pequeno documento con algunhas tarefas que desenvolvín outras veces e outras, por exemplo; unha guía para que o alumnado procure información e cree os discursos dos premios que deberían terse outorgado a distintas mulleres afectadas polo efecto Matilda, a lista de cotexto que empreguei para que un "equipo de sección" de radio creara a sección "Efecto Matilda", tamén para elaborar un rosco tipo Pasapalabra ou as follas que lle faltan ao noso temario. 



Desde aquí podedes acceder a todo:

(A ligazón da imaxe interactiva é esta por se a precisades: https://view.genial.ly/601fca7211728e0d19282cc3)

Ademáis inclúo algúns recursos que me gustan moito como:

  • "El diario secreto de Henrietta Leavitt"(CSIC), son uns capítulos en video de arredor de 5 minutos cada un nos que a propia astrónoma vainos contando aspectos da súa vida e traballo coma se víramos o transcorrer do seu diario en formato videoblogue.
  • As "Cápsulas de Son" (RadioVoz) nas que en audios duns 2 minutos e cunha linguaxe sinxela e adaptada explican biografías e logros de distintas mulleres das ciencias
  • Astrochat (Sara Gil e Fernando Liébana): Un xogo que xa recomendei un montón de veces no que conversar cun espelido robot e descubrir un montón de mulleres da astronomía nas distintas misións.

No apartado dos documentos puxen só 4 dos moitos que agora proliferan porque foron de utilidade noutras ocasións ou para as tarefas que explicaba ao comezo: Unha liña do tempo con 11 mulleres que contribuíron de xeito especial a que comprendamos a ecoloxía terrestre e a evolución (CREAF), unha infografía sobre algúns dos inventos creados por mulleres (Iberdrola), unha recopilación de 18 mulleres científicas afectadas polo Efecto Matilda (AMIT e Mulleres con Ciencia) e un caderno para colorear (Secretaría Técnica do Ministerio de Ciencia Innovación e Universidade)

Agardo que esteades a ter o mellor curso posible, mando moito ánimo e xa sabedes, se queredes ir un pouco máis ao día con algunhas cousas que vou subindo podedes botar un ollo ao instagram, mentres, eu procuro seguir organizando cousas por aquí. 

Saúdos e saúde desde a fiestra!

22/10/2020

De novo, Samaín

 Boas!

Estou aquí, o curso empezou e non de xeito sinxelo, a verdade, estánsenos a poñer unha morea de retos por diante a cada momento e só queda... avanzar.

Agardo que todos e todas teñades o folgos precisos porque sen dúbida fan falta en situacións como as que, estou segura, estamos e vivir en todos os centros.

Achégome á fiestra para facer unha pequena escolma de materiais que emprego polo Samaín  hai novidades que igual son de utilidade e tamén algúns que lembraredes doutras entradas:


  • Tendo en conta que este inicio de curso provocaba, cando menos, certo desconcerto, en 5º EP traballamos o texto e melodía dunha canción que viña moi acaída. Trátase de "Non teño medo" de Sofía Espiñeira. Primeiro repartin tiras de versos soltos numerados e decindo números e lendo fumos descubrindo o contido do tema e foi dando pé para  falar e reflexionar (que versos faltan para ti?, que versos non te representan? cal é co que te sintes máis identificado/a?) Para seguir afondando e aprendendo a letra fixemos o clásico "fill in the gaps" e así case quedou aprendida, non houbo máis que animarse a cantar; primeiro sobre a orixinal e despois a capella. A verdade é que que queda moi xeitosa e pareceunos a todos/as moi propicia.


  • Os de 6º este ano imos percorrer todas as etapas do Camiño ao longo do curso (xa publicarei sobre isto...) o caso é que ao chegar á plena serra dos Ancares atopamos un Renubeiro, estos seres máxicos capaces de guiar nubes e capaz de enviarnos unha lea de lóstregos, tronos e raios para o noso camiño se non cumprimos o seu favor así que; non nos queda outra que poñerlle letra á súa cantarola se queremos seguir O Camiño cun tempo máis apacible. O certo é que esta quedando moi ben e a ver... que esta base que para nós é "Samaín en Triacastela" pois pode contar outras historias noutros lugares.



  • Sabedes que gostamos de sonorizar fotografías, poemas, e tamén curtas ou capítulos, AQUÍ podedes ver como desenvolvo a actividade, en 3º EP decidimos poñerlle nós os efectos sonoros a este capítulo da Pantera Rosa.
  • Jump in the line (Shake señora!) falando de cinema e música está, como non, Beetlechús e nos fixemos este ritmo con rotus e mans acompañado á clasica "Jump in the line" de Harry Bellafonte, na primeira volta coido que pensan "que lío!" na segunda vai sonando e de súpeto vólvese un éxito, é pasar a porta da aula e xa hai unha morea de cativada pedindo interpretar o "Shake señora"

  • Igual que con Jump in the Line calquera ritmograma de tema "samainesco" adoita ser exitoso, cada un para o seu nivel... por exemplo...

    • Ou este no que facemos equipos e empregamos distintos elementos de percusión corporal ou obxectos sonoros por cores...
  • Radio teatro e efectos sonoros: Son moi fan do uso do teatro, diálogo e radio teatro nas aulas como forma de mellorar a colaboración, a comunicación, a lingua, etc. Para o comezo do curso e vencellado ao Samaín en 4º estamos preparando e sonorizando dúas obras que remataremos gravando en formato podcast (diálogos e efectos sonoros!). Non podo deixar de recomendar estas dúas obras porque son unha delicia para o cometido, primeiro botamos unha lectura anotando xa sons imprescindibles e moitos xa quedan repartidos (quen fará que e con que elemento sonoro (obxectos, voz, percusións corporal...) tamén imos repartindo personaxes ao ir lendo xuntos/as.
    • A pequena compaña de Carlos Labraña: Premio Estornela de Teatro para nenos/as unha aventura de nenos perdidos, tradición e camiños ao Alén e con dazasete personaxes! Xenial.
    • Somos os monstros de Paula Carballeira: Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, un neno e unha nena perdidos, conversas no bosque, onde habitan os monstros!



Ademáis nalgún curso tamén nos animamos a 
gravar as promocións de "Pánico no bosque dos corazóns murchos"


  • E como ía esquecer os "Contos Máxicos" de Samaín, todo un clásico nas miñas aulas e sempre un éxito, o poder da narración oral... as posibilidades son múltiples con este recurso, desde a escoita atenta da que desfrutan (Alerta! poden chegar a pedir que se lles conte o conto infinidade de veces!) a procurar que os maiores inventen os seus contos máxicos para partillar en vídeo ou videoconferencia con outras aulas.


Ademáis hai algunhas outras entradas anteriores relacionadas:
  • AQUÍ tedes un libriño do medo que fixera, ten xa uns cuantos anos pero cun lavado de cara segue a ser unha actividade de moito interese para facer co alumnado.
  • AQUÍ está o conxuro danzado, unha adaptación da danza dos sete saltos a través dun conto no que unha meiguiña perdeu o gorro. Sei que as danzas agora memos están limitadísimas pola situación sanitaria mais en grupos coma infantil...
  • AQUÍ o material para crear e sonorizar poemas de Samaín (e outras propostas)
Creo que por agora está ben... agardo sacar tempo pronto para subir cousas pendentes e sobre como estamos a vivir e organizar este atípico curso. Mando moito ánimo!

Alampea a escola acesa.


Saúdos e saúde desde a fiestra!