28/01/2020

Sonorizando historias. Material e experiencia

Boas, aquí estou, abrindo unha vez máis a fiestra...

Hoxe traio unha actividade que sempre funcionou xenial nas miñas clases de música e coa que desenvolvemos a creatividade, a escoita, o coñecemento das cualidades do son e as características sonoras de instrumentos e obxectos, a atención, etc.

Nas clases temos sonorizado contospoemas e mesmo tiras cómicas e biografías pero sen dúbida un dos favoritos e sonorizar historias visuais, vídeos.


Navegando pola rede sempre remato por atopar o vídeo ou fragmento que quero empregar dependendo dos elementos a incluír, o proxecto a traballar, o grupo co que o farei, etc. e unha vez teño eso organizo a actividade.

Neste caso empregamos unha adaptación da curta chamada "Cambio climático" (podes ver a curta se pinchas no título)

O primeiro que facemos é un visionado completo e mudo (sin volume), no que lles pido que observen tanto a historia como que elementos cren que debemos sonorizar.

Tras a charla posterior temos xeitos distintos de proceder, podemos, por exemplo, repartir fragmentos (con pequenas fichas con capturas do vídeo) a equipos pero por experiencia sempre resulta moito máis áxil facelo en gran grupo.

Nun novo visionado imos parando o vídeo aos poucos e imos preguntando que cren que debe soar ata aí e con que instrumentos ou elementos podemos facer os sons, con breves debates imos escollendo elementos e pedindo a distintos alumnos/as que collan o instrumento ou obxecto seleccionado.
Ás veces levo unhas capturas de planos con algúns sons que non queremos esquecer que levo xa anotados ou que poñemos no momento e no que imos  anotando tamén os obxectos sonoros escollidos, algo como esto:

Cada pouco imos probando o que levamos por si cremos que deixamos algún son sen facer ou por se podemos mellorar algún efecto e pouco a pouco imos construíndo a obra.

É un proceso moi enriquecedor, colectivo e creativo que engancha ao alumnado co que exploramos o son, as texturas, etc. e co que facemos tamén gala da capacidade de atención ao ter que estar moi pendientes da imaxe para realizar a nosa sonorización en riguroso directo.

O que vedes nestos mini videos é feito á caída, a primeira proba mentres escollemos os obxectos así da boa mostra do rápido que funciona a actividade; que lembre escolleron elementos coma: axóuxeres, pandeireta, pandeiro, castañolas, tubo de tronos, crótalos, caixa chinesa, xilófono, maracas, campá, claves, voz en vaso, frauta de émbolo unhas caixas de cartón, unha "táboa de lavar" que creamos...





Na aula temos sonorizado poemas (traídos e elaborados por eles), fotografíascuadros, e mesmo esculturasbiografías de autoras e sinaturas (si, sinaturas) con dinámicas diferentes e como vedes o resultado é moi agradecido xa desde o primeiro momento e ademáis o traballo creativo, de descubrimento do son, adaptación e atención para a interpretación resúltame moi valioso. 

Así que, aquí queda por si é de interese ou inspiración.
Saúdos desde a fiestra!

13/11/2019

Ritmograma "A illa do tesouro"

Boas, non estou desaparecida...

Achego hoxe por aquí un material que fixen e emprego un montón nas clases de música así que se estás lendo esto e eres profe de música, agardo que che poida ser de utilidade e así, aos poucos, agardo ir subindo cousas que van quedando polo camiño se non as organizo aquí...


É un material sinxelo que empregamos sobretodo a partir de 3º e no que traballamos o ritmo e o pulso con instrumentos de pequena percusión empregando a música que os irlandeses The Chieftains xunto co galego Carlos Nuñez puxeron de xeito maxistral á adaptación filmográfica da novela "A illa do tesouro".

Setting Sail é unha obra a ritmo de muiñeira (ternaria) na cal facemos unha instrumentación sinxela pero moi resultona repartindo e empregando:

  • Pandeiros
  • Caixas chinesas
  • Maracas
  • Claves
  • Triángulos
  • Pandeiretas
O video vai indicando na parte superior que instrumentos interveñen ou se facemos un "tutti"dependendo da parte na que estemos, o ritmo, a intensidade, etc.


Non é perfecto pero funciona moi ben así que agardo que vos sexa de utilidade.


Saúdos desde a fiestra!

27/08/2019

Axenda simple 2019-2020

Boas!
Estamos de volta, ben, case de volta... sabendo que hai a xente á que lle pode ser de utilidade subo a axenda simple deste curso que está a piques de comezar.



Como sabedes, eu levo case toda a organización de calificacións, asistencia, etc. en dixital (emprego iDoceo) mais non deixo de empregar papel á hora de planificar as sesións de xeito que este descargable non é máis iso, un planificador simple, procurando ser o máis lixeiro posible...

O certo é que para este curso que entra, un equipo do cole creamos unha axenda escolar propia, pensada para os nenos e nenas pero... que con tanto traballo e agarimo invertido nela agardo que sexa a que empregue...polo menos en parte; a risco de non adaptarme creei esta co formato doutros anos así que se vos é de utilidade... aquí a tedes!

Coma noutros cursos neste arquivo atoparedes:
  • Portada
  • Páxina de datos
  • Calendario escolar
  • Horarios
  • Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
  • Páxinas de reunións
  • Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)





Agardo que desfrutedes estos días e voltedes tamén con moitos folgos para o curso que entra! 

Agardo tamén empregar e priorizar mellor o meu tempo este curso e poder así ir organizando e partillando aquí máis cousiñas por se lle son de utilidade a alguén!😅

Saúdos desde a fiestra!